_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

As chagas do patrimonio

As "pexas asumidas" adían o debate sobre difusión e exhibición arqueolóxica - "As feridas abertas entre Universidade, empresa e Administración non estiñaron"

Arredor de 3.500 castros, entre 7.000 e 8.000 mámoas, preto de 2.000 petróglifos e uns 15.000 xacementos, segundo estimacións oficiais, compoñen a posible suma dos elementos arqueolóxicos do país. O inventario, como tal, está en papel. "Logo de tantas campañas non debería haber problemas nese campo", ironiza Francisco Fariña, director do Museo Arqueolóxico de Ourense. "Pero os números non teñen significación se non inclúen cronoloxía e desenvolvemento interno. Cada xacemento debe ser coñecido per se, e o número non pode ser desculpa para a destrución sen investigación previa".

A cuestión da conservación encerella un tema, a reconstrucción histórica do pasado, con moitas contas pendentes. Nun estudo sobre patrimonio megalítico na Costa da Morte, coordinado polo profesor Antón Rodríguez Casal, atopáronse só 304 das 413 referencias tumulares e megalíticas fichadas entre Malpica e Muros. As causas da destrución de alomenos 16 monumentos megalíticos -mámoas como as de Mosquetín, A Piosa ou O Allo-, durante o que algúns arqueólogos denominan anos de chumbo, ían desde a construción de infraestruturas vencelladas a parques eólicos ou antenas de teléfonos ata canteiras ou viais. "E iso malia que sería preceptivo o estudo previo de impacto ambiental".

A última memoria de escavacións antes de 2006 data de 1989
"A lóxica administrativa rachou o elo coa sociedade"

A referencia ao chumbo, nun sentido de opacidade aplicada á xestión arqueolóxica durante o Goberno do PP, é do tamén profesor Ramón Fábregas. Do proxecto coordinado polo catedrático de Prehistoria na cova de Valdavara, en 2007, cun asentamento do Paleolítico superior, saíu unha alfaia de 17.000 anos: o primeiro adubío persoal achado nunha escavación científica en Galicia. Para Fábregas, "sería bo recuperar a financiación específica dos proxectos de investigación, retirada nos primeiros 90". "Foi un erro". Así tamén a xénese da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, cos célebres parques de Campo Lameiro (arte rupestre), San Cibrao de Lás (cultura castrexa), Soneira (megalitismo) e Lugo (mundo romano), cun orzamento global de 18 millóns de euros de 2001 e deseñados, segundo o daquela titular de Cultura, Jesús Pérez Varela, "para recuperar a memoria histórica e potenciar a oferta turística". "Non se contou coa comunidade arqueolóxica", lamenta Fábregas, para quen o problema actual é "a inercia e outras pexas asumidas do Goberno anterior: a Cidade da Cultura".

As zonas de sombra da investigación afectan sobre todo ao que non é monumental, pero, antes ca nada, á construción de sentido do traballo arqueolóxico. "A constitución étnica da Gallaecia segue sendo obxecto dunha tremenda polémica entre historiadores e arqueólogos, celtistas e anticeltistas", exemplifica. "E tamén é certo que para crear unha grande obra cómpren 15 anos. Penso que a evolución da arqueoloxía desde 2005 é, no seu conxunto, positiva".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

No traballo de ordenación do actual gabinete publicouse o volume de actuacións arqueolóxicas de 2006. O último ano con memoria e xínea de empresas e proxectos contratados era 1989. Fariña pregunta polas "razóns dun silencio de 16 anos". Os únicos datos oficiais da época, da USC, só atinxen ao montante económico derivado de proxectos de investigación entre 1998 e 2002: sobre 2,9 millóns, o departamento de Historia I (Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga) levou case o 70%. 1,35 foron para o Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais que dirixía o ex coordinador da Área de Humanidades do CSIC, Felipe Criado.

Para Antonio de la Peña, experto en arte rupestre, "hai menos sectarismo, pero é difícil torcer anos de rutina". En 2008 reuniuse a comisión técnica de arqueoloxía, por primeira vez desque en 1997 se promulgara o decreto que regula a actividade, complemento dunha Lei de Patrimonio (1995) nacida sen o prace dos arqueólogos nin da oposición. "As feridas abertas entre Universidade, empresas e Administración non estiñaron", resume o arqueólogo Anxo Felpeto. "A lóxica administrativa acumulada durante tantos anos rompeu o elo coa sociedade".

Antes de extraer as derivadas entre musealización e ritualización, tamén pendentes de consenso, Felpeto recupera o punto de partida: "Botamos de menos a información da xente a pé de parroquia. Ninguén lles fixo ver que o que nos dicían era importante".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_