_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

As 'trapicheiras' entran na historia

Diana Gonçalves realiza un filme documental sobre as mulleres contrabandistas

A muller que cruza a centenaria ponte de ferro sobre o río Miño podería facer ese percorrido cos ollos pechados. Moitos anos pasou dona Inês, veciña de Valença do Minho, atravesando o paso fronteirizo camiño de Tui. Como moitas das súas coetáneas nas dúas beiras da canle fluvial, ela foi unha das trapicheiras. A miseria abocounas ao contrabando de produtos de primeira necesidade entre Galicia e de Portugal.

Desque, a mediados dos anos 70, o contrabando local esmoreceu por mor do cambio das condicións laborais, sociais e económicas dos dous países, dona Inês non volvera pisar a ponte ata que a realizadora Diana Gonçalves (Tui, 1986) lle propuxo rodar o derradeiro plano do seu filme Mulleres da raia (2009). A película, de 42 minutos, estreouse no pasado Festival Play-Doc de Tui. Non foi difícil convencela. Un ano antes, o certame xa unira estas dúas mulleres con xeracións de distancia nunha curta que relataba a historia das contrabandistas.

As estraperlistas contribuíron ao desenvolvemento económico da Raia

Naqueles catro minutos, o tempo que emprega o comboio en cubrir os 20 quilómetros entre Tui e Valença, Gonçalves reflectiu a esencia do que lle contara a súa avoa sobre as arraianas que se dedicaron ao estraperlo desde comezos do século XX. Trapicheiras levou un premio no Play-Doc e confirmou a Gonçalves na súa vontade de afondar naquela epopea de mulleres valentes en tempos de dureza. "Cando vin as imaxes proxectadas na pantalla grande sentín unha emoción inexplicábel que me fixo reaxir e decatarme de que aquilo era o xérmolo dun guión", lembra. Para salvagardar o seu criterio e a súa liberdade como creadora, Gonçalves desoíu cantos de serea para que a súa carta de presentación fose enteiramente súa e do seu compañeiro Miguel Barbosa, á fronte da música orixinal e na tarefa compartida da montaxe, dolorosa cando hai que sintetizar 70 horas de gravación. Das 14 entrevistadas, xusto a metade son as que aparecen no filme.

"O traballo de campo foi o máis complicado pero tamén o máis satisfatorio", indica a realizadora quen, tirando da tradición oral popular e petando nas portas, deu coas artífices dun capítulo da historia cotiá inédito agás nos arquivos dos rexistros de detencións, como a da trapicheira presa en Vigo polo comercio ilegal de dúas barras de xabón. "Alén dos quilos que transportaban nas faltriqueiras, camiñando con sol e chuvia, sans, enfermas e recén paridas, cargadas de ovos, peixe, froitos secos, café ou chocolate, impresiounoume o peso do medo que soportaron: a perdelo todo arriscando os poucos cartos que tiñan para facérense coas mercadorías que despois revendían e, sobre todo, medo a seren detidas e deixaren sós aos seus pequenos. Esa carga era máis pesada cós vultos que agochaban".

Gonçalves, tamén arraiana, está convencida de que este labor oculto foi decisivo para o desenvolvemento económico da franxa; un papel que pode recordar ás carrexadoras da fronteira hispano-marroquí. "O que universaliza este discurso é que a súa materia prima son as emocións e os sentimentos. Calquera espectador pode comprender o deber destas mulleres co sustento das súas familias".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Hoxe mesmo, as trapicheiras estarán na XV edición de Ponte nas... ondas! A documentalista será entrevistada por escolares galegos e portugueses no programa de radio que se realizará desde o campus vigués. A partir das 21.00, Gonçalves intervirá, canda outros convidados, na Revista Oral dos Tesouros Vivos que coordina o escritor Antonio Reigosa no museo Verbum de Samil.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_