_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

As voces das mulleres libres atravesan os séculos

A brasileira Socorro Lira interpreta as cantigas de amigo galego-portuguesas

Había tempo que á compositora e cantante brasileira Socorro Lira (Paraíba, 1974) a atraía a idea de investigar algún aspecto da música portuguesa, levada pola admiración por Amália Rodrigues e polo desexo de afondar na riqueza musical lusa. Unha amiga, neta dunha galega, foi quen lle suxeriu fixarse nas cantigas de amigo galego-portuguesas e de ter en conta a interpretación dunha profesora holandesa, Ria Lemaire, quen sostiña a autoría feminina daquelas composicións medievais fronte á corrente academicista que defendeu a intervención dun poeta culto e masculino sobre os cantos populares das mulleres.

"A posibilidade de estudar aquelas voces de mulleres expresadas con tanta liberdade atizoume", lembra Lira, que acha coincidencias cos cantos ancestrais de mulleres da súa rexión no nordeste do Brasil. "As mulleres sempre cantaron, foron as presións do patriarcado e dos seus poderes as que lles impuxeron o silencio; senón, na miña terra, esa liña do tempo correría ininterrompida até hoxe".

Lira asume as teses segundo as que os poemas foron escritos por mulleres
"Uxía abriume a súa perspectiva atlántica", afirma a cantora brasileira

Estamos en 2005 e a viaxe musical acababa de comezar. Aínda en Brasil, asistiu a un congreso de estudos galegos e entablou contacto coa profesora da Universidade de Vigo Camiño Noia, despois trasladouse á Universidade de Poitiers, onde imparte aulas Lemaire como profesora titular de literatura portuguesa e brasileira e especialista en estudos de xénero, para consultar a súa tese de doutoramento e coñecela persoalmente. Galicia foi axiña o seu seguinte paso, por convición persoal e tamén pola insistencia de Lemaire. Á rede que estaba tecendo Lira paseniño incorporáronse Gonzalo Navaza, escritor e filólogo, e a cantante Uxía Senlle, ardua exploradora dos territorios compartidos da lusofonía. "Uxía abriume á súa perspectiva atlántica, o seu xeito de entender que formamos parte dun mesmo herdo cultural a través da lingua".

A suma daqueles encontros decisivos cristalizou nunha visita que terminou por encaixar as pezas. "Cando conseguimos os permisos para visitar a Illa de San Simón levei unha grande sorpresa. Eu ía coa idea romántica da menina do século XII entoando os seus cantares e desacougoume a historia recente do arquipélago. Entón, Camiño Noia fíxome ver que as cantigas reflicten esa contrariedade amor/morte, a vida mesma, e recuperei a fascinación polo lugar que está conectado co amor, a morte e a vida", reflexiona.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Desde ese intre, a artista brasileira iniciou outro proceso, o de musicar as cantigas e adaptar as súas letras á sonoridade brasileira contemporánea, mais permitíndose certas reminiscencias da súa orixe medieval. "Ese herdo musical tamén foi preservado no Brasil, ben por procesos de colonización, ben levado polos emigrantes máis tarde, así que eu como compositora tamén o teño de meu; o que procurei en Galicia foi percibir o que aquí quedaba desa tradición". O resultado é o libro-disco Cores do Atlántico (Pai Música, 2010), un coidado traballo de edición promovido pola Asociación Ponte... nas ondas! e apoiado por Agadic e o Ministerio de Cultura portugués.

O volume conta coas ilustracións do artista lucense Quique Bordell, que acompañan as 15 cantiga con cadansúas letras e ficha artística, porque a nómina de colaboradores é lustrosa: as galegas Uxía Senlle e Leilía, a guineana Eneida Marta, os portugueses João Afonso e Teresa Paiva, e as brasileiras Cida Moreira e Margareth Menezes e as voces tradicionais das Cirandeiras de Caiana de Crioulos, ademais do seu compatriota Jorge Ribbas na direción musical. A investigación plástica de Bordell e a musical de Lira e Ribbas ten outro pé: a tese de Lemaire, quen debullou para esta edición os puntos fundamentais do seu traballo verbo da autoría feminina das cantigas.

A pegada dos ritos precristiáns nos que as mulleres desenvolvían funcións de relevancia e gozaban dunha liberdade de movementos coutada despois pola relixiosidade oficial, que reorganizou a vida sexual, procurou, en opinión de Lemaire, a mudanza tamén daquelas expresións líricas libres e deveu noutra poesía amorosa que converteu a muller en obxecto de desexo inalcanzábel e o amor en sufrimento. "A arte foi sempre expresión da vida", conclúe Lira.

Socorro Lira, acompañada do cantante portugués João Afonso.
Socorro Lira, acompañada do cantante portugués João Afonso.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_