_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Buscando un Harry Potter galego

Os escritores debaten sobre a necesidade de sagas para os rapaces

O sétimo volume de Harry Potter, As reliquias da morte (Galaxia), saíu do prelo en febreiro. Con dous volumes aínda por publicar -os dereitos da obra de J. K. Rowling en España son de Salamandra-, a editorial viguesa está a piques de esgotar a tirada d'As reliquias...: uns 4. 000 exemplares.

Outros produtos exitosos da literatura xuvenil anglosaxona saen de Factoría K, creada aínda en 2006. Nomeadamente, O neno do pixama a raias, de John Boyne, ou A aurora boreal, primera parte da triloxía A materia escura, do inglés Philip Pullman. Se os tres foron pensados para un público xuvenil, pronto transcenderon as franxas de idade na publicidade editorial. Pullman, que pode zugar no limo épico de John Milton, tivo problemas coa censura educativa en EE UU polo chamado laico da súa obra.

"Un best-seller non sería posible nin mercando todos o mesmo libro"
Os adiantos económicos non adoitan superar os 1.500 euros

As versións galegas de Boyne e Pullman, en competencia coa castelá, en Ediciones B, posuidora dos dereitos, venderon ata o momento, sumadas, máis de 5.000 exemplares. Segundo o anuario sobre o libro infantil e xuvenil que publicou recentemente SM, a base está aí: o 64% dos menores de 14 anos, a nivel estatal, len por propia iniciativa.

Outra cousa sería chegarmos a ter un Harry Potter galego: "En galego non podería haber un best-seller coma ese aínda que todos os galegos en idade de ler mercasen o mesmo libro", di Xosé Miranda, creador do mago Amancio Amigo. Miranda ten xa preparada a continuación de Amancio Amigo e o meigo de Salamanca, que sairá antes do remate do curso escolar, con ilustracións de Patricia Castelao.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A aposta, di Miranda máis alá do infanto-xuvenil, sería "potenciar a lingua galega no exterior, e non confiar en que veñan a nós os axentes literarios". "Os cartos deberíanse gastar en fomentar a tradución de escritores galegos vivos ao resto das literaturas periféricas. A presenza política da literatura galega, o noso peso económico, pode ser un, pero o literario é outro", di. Por vez primeira desde este ano, Cultura incluirá nas axudas para tradución (282.000 euros, cun límite de 6.000 por libro) miniversións de obras galegas para mover entre os axentes do mercado literario, as chamadas probas de tradución. A liña arrinca con 25.000 euros. Os adiantos económicos da edición privada, chave para fiar encargas de saga, non adoitan superar en Galiza os 1.500 euros

Agustín Fernández-Paz, autor fundamental, con Xabier P. Docampo ou Fina Casalderrey, para entender o pulo da literatura infantil e xuvenil desde finais dos 80, recunca no factor económico. Apón o persoal: "Eu falo por min, que recibín moitas cartas para que continuase Cartas de inverno. A vantaxe das sagas é que partes dun mundo creado, pero a min sempre me apetece crear un universo novo". Fernández-Paz destaca a autores como Xesús Manuel Marcos, que arestora remata a segunda parte da súa triloxía O brindo de ouro. A espada e a bruxería, porén, non adoitan estar entre as súas temáticas. "Aquí Tolkien [o autor d'O señor dos aneis] entusiasmou moito, pero a min non era o que máis me interesaba".

É Ramón Caride, autor de moitos rexistros, o mellor representante dunha ficción seriada para rapaces. Mais entre as aventuras de Sheila e Said en Perigo vexetal (Xerais, 1995), dispoñible en castelán, vasco e portugués, e o arrecendo a Prestige da quinta entrega, A negrura do mar, tracexadas todas por Miguelanxo Prado, median nove anos. "A idea é chegar a sete, pero por falar das sagas... A produción dun autor é complicada". Caride fala dun produto competitivo sen boa comercialización. "É un traballo por facer; habería que poñer os medios e deixar de laiarse... Xente nova que intermedie entre os autores e os editores grandes, por exemplo". Cun mercado regular, admite Caride, "igual o facía en catro anos". A visibilidade é outra cousa. "Se fose por vendas", di Caride, "teriamos que saír moito máis".

O debuxante Pepe Carreiro, creador dos Bolechas (Edicións A Nosa Terra), o maior fenómeno de vendas da literatura infantil galega, prepara agora os textos e as ilustracións d' A Familia Caravana, unha serie para nenos de ata 12 anos. Carreiro dispón novas receitas gráficas e unha actualización das relacións entre nenos e nenas nun mundo urbano. Que a nova familia se convirta nun produto multimedia, como aconteceu cos Bolechas, "depende de cousas máis sutís".

Vender ficción

O libro infantil e xuvenil xera en Galiza 6,57 millóns de euros, fronte aos 3,8 da literatura para adultos. As lecturas para rapaces suman a cuarta parte da facturación da edición privada de libro galego, segundo o Anuario de Estatísticas Culturais de 2006. "O 60% do libro galego véndese na canle escolar", lembra Manuel Bragado, director de Xerais.

Bragado é "optimista". "Pronto aparecerá un fenómeno con continuidade", di. Santiago Jaureguízar, que publicará en breve o primeiro volume da súa saga de Tintimán -en recordo da revista viguesa-, bota as contas da gravidade. "Falamos moito de pobo, pero non sei se estaremos escribindo para o pobo". A necesidade de ficcións literarias para os mozos debe convivir coas demandas do ensino.

As axencias literarias non parecen unha aposta a curto prazo, tendo en conta os pagamentos por dereitos de autor: 1,90 millóns en 2006, fronte aos 180 de todo o Estado. "Se a xente o le antes en castelán é un sucedáneo", di Dolores Vilavedra. "Hai que buscar alfaias nas feiras internacionais, na distancia curta. E hai que atreverse".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_