_
_
_
_
_
GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Camarada, isto non é un libro

Manuel Rivas

É algo máis que unha perda. O peche da librería Colón, na coruñesa rúa Real (rúa Fermín e Galán, cando se inaugurou, en tempo republicano), é unha catástrofe ecolóxica. Un acto de violencia catastral. Non é un adeus voluntario, senón forzado por un proceso ruín de ruindade urbanística. Algo que se da con demasiada frecuencia na cidade, e en zonas de patrimonio protexido, co preocupante laissez faire de diferentes poderes. O caso é que á forza pechou Colón, que cando naceu se chamaba La Fe, e que, entre outras curiosidades históricas, tivo aló nos anos trinta a un empregado mozo e activo de nome Julián Grimau. Si, o mesmo Grimau que sería torturado e logo executado no 1963, naquel proceso sumarísimo que pasará á historia da ignominia.

A apertura de La Fe foi un acontecemento. Era un espazo seductor, coa estética do art decò, e a feitura luminosa do modernismo coruñés, a xeito de corredor, de librería-paseo, con porta tamén aberta á Galera, e onde andeis e mostradores, ateigados de libros, constituían unha paisaxe onde os froitos estaban a man. Malia os avatares, a librería, que unha tempada tamén levou o nome de Internacional, foi sempre un microcosmos. E moi en especial nas tres últimas décadas, en que foi recuperando todo o seu espírito. Se houbera que facer unha galería da faciana humana da Coruña contemporánea, aí terían que estar as libreiras de Colón: Amparo Gantes, Begoña Vázquez, Begoña Varela, Paula Platas, María Fernández e Joaquina Pita.

O concello e a cega Xustiza deixaron morrer Colón. Semella inexplicábel que se permita depredar pola cobiza un espazo tan sobranceiro do patrimonio arquitectónico e cultural. Un epicentro da educación sentimental da cidade. O chan de teselas de cores branca, negra e vermella, con debuxos xeométricos, semella feito por un pedreiro libre portugués, deses que cando fan arte nas beirarrúas chaman calçeteiros. Quen o maltrate, quen o destrúa, levará sempre unha maldición. Debaixo dese chan hai un cemiterio romano-galaico. Palabra de arqueólogo. E tamén ficará unha santa compaña dos libros. Porque os libros eran seres vivos en Colón. Isto que digo non é unha frase feita para darlle estilo ao funeral. Non. En Colón había horas en que se escoitaban os libros. Cando pase por alí, as portas pechadas, hei de estar á espreita. Aínda se ha de oír o lamento do vello Whitman:

Camarada, isto non é un libro,

Quen o toca, toca un home,

(É de noite? Estamos aquí sós?)

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

LIBRERÍAS E TABERNAS

Hai que ter esperanza. Pechan librerías e abren tabernas. Algunhas con libros, como A taberna de Cunqueiro, na Estrela de Coruña. Unha das máis significativas estatísticas para explicar o devalar intra-histórico de Galicia é a que aportou o ilustrado Lucas Labrada na súa célebre descrición económica do Antigo Reino. A comezos do século XIX había en Galicia tres librerías e 3.000 tabernas. Boten contas. Se cadra aínda se mantén a proporción. É un dato estarrecedor, non pola conta das tabernas, senón das librerías. As tabernas son fundamentais na historia cultural de Galicia. Os outros templos. Esa intelixencia popular que procurou que onde houbera unha Catedral houbera un Inferniño e que onde houbera unha igrexa, lograra, polo menos, un tasca. O bocoi, ese altar a Dioniso. Eis, si, o microcosmos galego por excelencia: a taberna.

Con razón tivo o propósito Cunqueiro de escribir unha Historia das tabernas de Galicia. Habería que continuar esa patriótica empresa. O propio Cunqueiro escribiu nunha taberna de Compostela unha das obras cimeiras da poesía galega. De paso, con Bouza Brey, inventou o neotrovadorismo. Torrente Ballester lembrábao así: "Entraramos nunha taberna e Álvaro recitou a Xoán Zorro e tamén a Meendiño, e mentres nós bebiamos e a leria derivaba cara á política, Cunqueiro, nunha mesiña á parte, comezou a escribir e de aí saíu, en poucas horas, Cantiga nova que se chama ribeira".

Son cada vez máis as tabernas, os bares, os pubs e as cafeterías que teñen libros. Penso que se está a abrir, de vagar, unha alternativa sincrética de taberna e librería, novos espazos que consagren a tradicional unión libre da literatura e a cultura popular. A literatura filla da silveira e da taberna, da estirpe de François Villon e Eduardo Blanco-Amor, esa non esmorecerá nunca. A Taberna é por certo o lugar de encontro na Galipedia, a Wikimedia en galego, esa enciclopedia libre, que vai camiño de ser unha grande arca virtual do saber planetario. A Galipedia tiña o 6 de nadal pasado 20.000 artigos. Un mes despois xa ía polos 21.000. Para que logo se diga que non se traballa nas tabernas.

Un local pioneiro que deberá aparecer no seu día na Historia das Tabernas de Galicia é o Lar Vilar ou Bar de Tomás, en Sillobre (Fene). Unha auténtica taberna, unha auténtica biblioteca. Alí as letras entran con grouchos. O microcosmos, cos libros a grolos, é un macrocosmos. Na bisbarra dos constructores de naves, hoxe en forzado stand by, Tomás Corral, el mesmo traballador de estaleiro, decidiu hai anos facer a botadura dun bar-biblioteca. A semente xa estaba botada. Alí fixo escola por libre o seu pai. Non se sentaba nunca e percorría a clase como un Sócrates da clase obreira.

A TABERNA DE AVILÉS

Nunha viaxe en Colombia, no Hay Festival literario, en Cartaxena de Indias, os pilotos dunha das mellores revistas culturais de América, El malpensante, pregúntan-me por Avilés de Taramancos. O director, Andrés Hoyos, e o subdirector, Mario Jursich, indagan con sede de saber pola súa vida antes e despois de emigrar a Colombia. Intúo que o autor de Cantos caucanos será algún día un mito no país colombiano. Cóntolles, entre outras cousas, que Avilés, á volta, tivo unha taberna nun lugar ben fermoso, unha adega de pedra nunha torre de Noia, el que facía torres no ar. Na súa mocidade, tivera por escola de arte a ruta das tabernas coruñesas. De illa en illa, "náufragos encantados", navegaba con Urbano Lugrís: "Recitaba os sonetos de Shakespeare en inglés, ou os poemas de Baudelaire, Verlaine, Valery en francés, boa parte da comedia de Dante e das Odas bárbaras de Carducci en italiano; a Maragall en catalán...Incríbel e misterioso Lugrís, o mellor da miña bagaxe aínda é hoxe a súa voz ex cátedra nas tabernas onde compartiamos o viño e a miseria". Nesta noite, nun hotel de Colombia, remexo na memoria. Hai un poema, deses que "peta e rabuña", como pedía Kafka á literatura, e que el escribiu aquí, na diáspora, para arrolar ao primeiro fillo: De min non terás nunca / herdanza máis segura que este ouvear de lobo / no camiño da vida.

AS MIGAS

O rizo. Gesualdo Bufalino n'O malpensante recolle este aforismo de Jean Chapelan: "O escritor non le os seus colegas: vixiaos". Tamén di, Bufalino, que unha reseña destructiva é a base máis sòlida para unha boa amizade. Ler o libro dun colega e escribir unha reseña positiva, qué mala conciencia, qué pracer!

O perigo. Queremos facer noso todo libro que nos gusta. Còmpre ter en conta a advertencia de Marcial: "O libro que recitas, Fidentino, é meu; mais cando o recitas mal, empeza a ser teu".

O grolo. Unha ledicia ler ao checo Bohumil Hrabal en magnífico galego (Unha soidade demasiado ruidosa, Editorial Rinoceronte, tradución de Fernando de Castro). Velaí vai un groucho: "Pero agora empezaba unha nova era con novos traballadores e novos xeitos de traballar, unha nova época na que se bebía leite no traballo, cando todo o mundo sabe que unha vaca prefire morrer de sede antes que beber un grolo de leite".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_