_
_
_
_
_
Reportaje:O PATRIMONIO INVISIBLE | Luces

Cazadores de cantigas

Desde hai décadas, etnógrafos, musicólogos, artistas ou simples afeccionados ó folclore, percorren as corredoiras tratando de detectar xoias do patrimonio tradicional, de rexistrar pezas cantadas ou bailadas que as persoas maiores gardan na súa memoria. "O rural desaparece, e todo o que vin hai máis de 25 anos, xa non se ve", explica a cantante Mercedes Peón, que leva cerca de tres décadas peneirando o patrimonio oral de aldea en aldea. Peón ten un gran fondo de arquivo, con 2.000 horas de recollidas, e un selo discográfico propio, Trompo, co que dá a coñecer parte deste patrimonio a través da serie Raiceiras.

"Non se precisa buscar pola India, América ou África. Hai que facer unha viaxe interna e reflexionar sobre o patrimonio que temos", explica esta artista, que se deu a coñecer no programa Luar, onde mostraba os seus achádegos. "Fixemos un traballo pioneiro, e despois tamén veu, a finais dos 90, a revolución das pandereteiras, que tivo moito que ver con todo o que se estaba a facer", lembra Péon, moi orgullosa do traballo que leva feito no eido das recollidas. "Se algo teño aportado á cultura galega, foi este traballo, incluso máis que a miña vea artística, porque se trata de estimular tamén a autoestima dun pobo", salienta esta cantante que explora novas vías de creación partindo das raíces tradicionais. "Durante anos non soportaba a gaita, pero a partir dunha gravación en vídeo fun aprendendo", confesa.

Más información
A conexión galega de Miles Davis

Moitas destas recollidas articúlanse arredor de grandes agrupacións que levan anos facendo traballos de campo, como Cantigas e Agarimos en Santiago, Xacarandaina na Coruña ou O Fiadeiro en Vigo. A esta última pertence Chisco Feijoo, que pronto chegará aos 20 anos percorrendo o país co seu gravador e a súa cámara de vídeo. "O xeito de aprender é volvendo a algúns sitios 14 ou 15 veces. Acabas sabendo os apelidos completos e a idade de memoria", explica Feijoo. Como moitos outros, este músico vigués empezou estudando algúns dos grandes cancioneiros galegos, como o de Antón Santamarina, ou o da suíza Dorothé Schubart, que nos anos 60 estivo por toda Europa buscando romances. "Empezamos guiándonos por Schubart. Se no seu libro escribía que unha informante era labrega, dunha aldea determinada, e tiña daquela 18 anos, pensamos que aínda estaría viva. E así localizamos a moita xente", comenta. Existen outros casos curiosos, como os das tradicións que se manteñen intactas malia a emigración. "En Avión escoitas pasodobres con aire de rancheras e ves rapazas de 15 ou 16 anos nacidas en México e cun nivel económico altísimo, que bailan talmente como lles aprendeu a súa avoa galega", conta Feijoo.

Todos os estudiosos coinciden en sinalar a comarca de Bergantiños como unha das grandes reservas da tradición oral, aínda que na última década semella que hai outras zonas interesantes, como o interior de Pontevedra. "Bergantiños sempre foi unha mina para os estudosos, pero grazas á recuperación dos seráns, aldeas de Pazos de Borbén, Mondariz ou Ponteareas son moi interesantes, porque hai xente maior que se sente atraída e lembra cousas esquecidas", explica Feijoo. "Hai momentos nos que as recollidas se fan máis difíciles, como cando os maiores gardan loito e non cantan por moitas cancións que saiban, e ás veces hai aldeas onde tes que tardar tempo en ir. Agora ábrenche mellor as portas na aldea, pero á xente que empezou antes pecháronllas moitas veces nos fociños". Entre eses pioneiros, cita a Fuxan os Ventos, Mini e Mero, Pallamallada ou Henrique Peón.

Este último é unha das grandes referencias na recuperación das tradicións. Director da histórica agrupación Xacarandaina e irmán de Mercedes Peón, leva case 30 anos facendo un rigoroso traballo de recuperación, que abrangue canción, baile e ata xeitos de vestir. "Metínme un chute de tradición e xa non acabei ata hoxe", bromea antes de avisar: "Está desaparecendo o folclore como tradición in situ. A tradición está morrendo porque a cadea de transmisión, aquilo de pasar de xeración en xeración, acabouse. Agora a tradición está nas mans dos investigadores e dos artistas que o plasman en escena", reflexiona.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O director de Xacarandaina lembra como "nalgúns lugares bailaba toda a aldea, porque o que non bailaba aguantaba as chaquetas, e iso non lle gustaba a ninguén. Os bailes eran como as discotecas, pero iso tamén rematou". Este estudoso que leva posto en escea preto de 300 bailes antigos bota de menos un arquivo coreográfico. "Énchesenos a boca falando do feito diferencial, pero iso non é só a lingua, tamén o é a arte inmaterial, e hai que agarimala", reivindica Henrique Peón. "Isto é unha carreira contra o reloxo. As persoas maiores teñen data de caducidade. E se morren, acabouse todo".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_