_
_
_
_
_
Entrevista:ASUNTA RODRÍGUEZ Directora de Trinta

"Chamámoslle 'artista local' ao que non é rendible rápido"

A galería compostelá Trinta cumpre 25 anos cunha mostra de Daniel Verbis e novo espazo expositivo, agora concentrado nunha planta. Na celebración, en setembro, non é que houbese unha enxurrada de xente na galería máis antiga do país, pero Asunta Rodríguez (Amandi, 1965) tómao con humor. Nun escenario incerto, a galerista defende a necesidade dunha estratexia política tamén para as artes plásticas: "Non é só unha cuestión de diñeiro, senón de credibilidade".

Pregunta. Cumpren 25 anos con "reformas, relatos curtos e moita fe".

Resposta. Quizais os tempos, difíciles, impoñen unha nova relación co público. Ata agora impoñíase o nadar a contracorrente e cara adiante. Agora, coa resaca, igual cómpre buscar a liña paralela á terra e agardar pola marea benigna, sen deixar de nadar. Só cambiamos o formato para darlle máis intensidade. É certo que antes houbo tempos de sobreabundancia que, lonxe de facilitar a resistencia, semellan ter desbaldido as reservas.

"Queremos visitas, e por iso ofrecemos o mesmo que en calquera outro sitio"
"Avergóñanme as caricaturas do oficio. O galerismo aquí é arar e sementar"

P. O afastamento do público xa vén de antes.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. Si, pero esa lonxanía estáse convertendo nunha corrente de opinión desfavorable, nun ton reaccionario, que responde á imaxe que proxectamos de nós mesmos: diñeiro, provocación, éxito rápido e discurso inintelixible, non vaia ser que nos collan. É necesario reaccionar, seducir o público, levalo ao terreo no que ti queiras estar. Poñerllo máis fácil, si, pero sen te render ás súas condicións nin aos seus gustos.

P. Como recorda os comezos? De cando non había xestión cultural á creación do CGAC.

R. Tivemos a grande sorte de sermos testemuñas de todo o proceso de modernización e profesionalización do sector, pero non estraño aqueles tempos que nós criamos de escaseza. Si que sinto unha certa nostalxia pola ilusión coa que todos axudamos a mudar o noso deserto cultural. Se nalgunha ocasión estivemos xuntos, foi daquela. O impulso foi tan forte que a apertura de galerías adquiriu dimensións envexables. O desencanto actual é coma o aborrecemento dos nenos ante o exceso de xoguetes caros.

P. Criticou o falso "heroísmo" dos galeristas.

R. Heroico é ser mineiro ou nai en Sudán. Respecto a miña profesión, pero avergóñanme os seus estereotipos.

P. Cales?

R. Caricaturas. Ao editor supónselle culto, e o galerista obtén respecto se é rico, non importa se confunde prezo con valor. Falo dun feixe de exemplares no cumio da pirámide, pero o seu exemplo deslexitima o traballo do resto, que traballa en terreos máis hostís e nos que o público está por formar. Que existan preto de vinte galerías en Galicia, algunhas en poboacións realmente pequenas, é algo do que nos deberiamos marabillar. Todas as súas apostas, tendo en conta o contexto, son equiparables á esixida e tan actual "internacionalidade". Diso falamos en Galicia cando falamos de galerismo. De arar e de sementar.

P. O silencio de moitas galerías ten que ver cos recurtes nas compras do CGAC ou coa proximidade de Arco?

R. Que silencio? Eu falo sen parar. Arco? Trinta está en Art Madrid.

P. Aínda non se coñecen as condicións da feira viguesa Espazo Atlántico, que Cultura publicitaba hai un ano como "alternativa" a Arco. Se non hai plan é tamén culpa do sector?

R. Se unha das partes implicadas en Espazo Atlántico realizou ben o seu traballo foron as galerías. Axudamos a sumar, convertendo a edición de 2010 nun acontecemento de repercusión en España. Ademais do negocio, a feira pretendía converterse en plataforma que apontoase galerías e artistas galegos nun entorno de igualdade con outras propostas. É necesario que haxa plan, si, pero non é unha cuestión só de diñeiro, senón de credibilidade.

P. A turistificación das institucións culturais, lonxe de seren espazos compartidos, é análoga á crise do galerismo?

R. Nós importamos os modelos e fixemos os deberes, pero os nosos artistas están igual. Ou peor, tendo en conta que agora viven en Berlín ou Nova York. É certo que lles facilitamos unha cota de exhibición, pero a cambio de que rendibilicen a curto prazo o esforzo da promoción. Se non é así, chamámoslles "artistas locais". Temos turistas consumidores de ocio de calidade, en troques de cidadáns amantes da cultura, porque somos os primeiros en desprezar a nosa cultura e poñela en segundo lugar. Queremos que nos visiten, e por iso lles ofrecemos o mesmo que poderían ver en calquera cidade.

P. É vostede reaccionaria?

R. Claro que si (ri). A todo o reaccionario.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_