_
_
_
_
_
Entrevista:XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS | Poeta e tradutor | Luces

"Concordo con Valente, a poesía é unha sondaxe na escuridade"

Pasou os últimos catro anos vivindo entre Salvador de Bahia e Vigo, onde se instalou aló pola década dos setenta, e hogano recoñece que a luz e a calor bahianas xa forman parte indisolúbel da súa existencia. Unha vida, tan afeita ás viaxes e ás mudanzas como vencellada á Mariña da súa infancia, xeradora de procesos experienciais dos que Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945) leva dúas décadas peneirando materiais líricos e reflexivos cos que conforma estruturas de pensamento, en verso medido e rimado. É a súa unha das traxectoria máis celebradas criticamente de entre os seus coetáneos.

Un froito dese traslado vital máis recente é o poemario Deserto Diamantino (VIII Premio de Poesía Caixanova 2009) e anuncia, para a primeira metade de 2011, un diario en prosa sobre a súa vivencia brasileira. Este serán, Baixeras, poeta membro da chamada Xeración dos 80, á que homenaxou noutro volume recente -Bos tempos para a lírica. A xeración poética de 1980-, tradutor, antólogo e editor, será homenaxeado pola asociación cultural A Pomba do Arco (Casa da Cultura de Foz, 20.30 horas), cabo dun feixe de amigos do escritor para celebraren a súa palabra.

"Pola natureza da linguaxe, a poesía é insondábel e preciso abandonarme"
"A miña vida está marcada polas viaxes, familiares ou persoais"
"O poeta debe escoitarse e eliminar o que distorsione a súa voz"

Pregunta. No prefacio do libro Deserto Diamantino alude ao "viaxeiro-poeta que, mais unha vez, se adentra no descoñecido". Percibe a poesía como unha función vital?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Resposta. Cando non a teño, necesítoa. Non é doado atopar o momento para recollela, porque non valen todos e ela non sempre se deixa. Tamén son consciente de que a poesía é un acto de abandono... cousa que depende dos poetas. Dada a natureza da linguaxe, a poesía é algo insondábel, polo que para poder escribir preciso abandonarme, cómpre estar predisposto para a chegada da voz, do contrario sería falso. A autenticidade é fundamental, senón nótase. Concordo con Valente, que dicía que a poesía é unha sondaxe na escuridade.

P. "A nada é o que hai" é un dos derradeiros versos do seu último libro. Semella que escribe perseguindo unha certeza que coñece de antemán.

R. Eu creo que a poesía é a vida, polo tanto, unha sucesión de carencias. Eis o libro de Antonio Gamoneda, Arden las pérdidas (2003). Non é unha sensación inédita... pero o certo é que o tempo pasa, despois da xuventude os días corren máis axiña... e iso vai traendo o coñecemento da perda, da nada absoluta, onde parece ser que todo remata. A miña intención é demoledora, pero non é nova.

P. O escritor e crítico Xosé María Álvarez Cáccamo tamén bo amigo seu, definiuno como un "nómada sedentario", logo de identificar a tensión entre a viaxe e a casa no cerne da súa urda poética. Igualmente Deserto Diamantino arrinca dunha viaxe.

R. Toda a miña vida está marcada polas viaxes, primeiro por razóns familiares e despois persoais, e os meus primeiros libros de poesía están reunidos no volume Anos de viaxe (Premio da Crítica española, 1987). O último comezou na miña derradeira estadía importante, no Brasil, onde me mudei trala xubilación, para vivir a metade do ano cunha filla que reside en Salvador de Bahia, costume que recuperarei tras o verán porque a súa luz e a temperatura humana e ambiental xa forman parte da miña vida. Deserto Diamantino está dividido en cinco partes. A primeira, Regalía, é un intre de exaltación no que o poeta toma posesión. A segunda, A voz perdida, empeza cunha adversativa que contradí o anterior, porque aparece a imaxe da perda da voz orixinal, a que importa na poesía lírica e a que fai atractivos aos poetas novos. Non a todos, porque hai moita impostura. Pero algúns se deixan e seguen escoitando á súa voz interior. Logo constato outras perdas, a do amor e a do mar, símbolo de xuventude. E o libro remata con As poutas, as garras que nos arrebatan a vida e onde hai unha sucesión de preguntas e de loita de contrarios. Este poemario é máis reflexivo que lírico e mesmo ten certo ton didáctico, polo que carece de espontaneidade.

P. Na Bahia sorprendeuno o emprego da rima nos poetas brasileiros novos.

R. Como reacción á vangarda que eles atravesaron hai varias décadas, hai modas diversas entre os novos. As máis frecuentes lévaos a cultivaren unha poesía inspirada nos poetas populares e a outros a escribiren en verso, o que influíu na métrica do meu libro. Cando era máis novo, antes de escribir en galego, pasei unha temporada moi longa de silencio porque non atopaba o meu lugar poético. Agora iso xa non me importa, mesmo entre os meus compañeiros de xeración ningúen me fixo sentir incómodo polo emprego da métrica e de certo clasicismo na forma, sempre me sentín comprendido. Outra cousa son a xente máis nova, aínda que os hai que tamén prenden nas formas clásicas.

P. Que lle interesa do panorama actual das letras?

R. A poesía galega é a expresión da orixe, o que me parece moi bonito, sobre todo nas poetas mulleres, claro que a estética é diferente. Interésame, sobre todo, a cuestión das orixes, de como o aborda unha rapaza que vén do rural, e non a orixe literaria ou libresca. É algo que ten que ver coa voz primixenia. O poeta ten que saber escoitarse, eliminar o que distorsiona a súa voz, como a ideoloxía. Dito así parece algo reaccionario, pero non o digo desde o punto de vista político, senón poético. O poema ten que ser espontáneo, cómpre procurar que non haxa interferencias e despois saber comunicar.

P. E vostede por que emprega a métrica?

R. Pola resoancia. Os poetas da miña xeración conservamos da xeración anterior o gusto pola palabra, dámoslle gran importancia, en liña coa tradición da poesía galega, caracterizada polo efecto sonoro. Poetas como Pepe Cáccamo, poño por caso, pero en realidade practicamente todos. Ademais o formalismo do soneto, por exemplo, permite en poucos versos unha gran condensación.

P. En que traballa na actualidade?

R. Este ano vou publicar Brasil no centro en Galaxia. Trátase dun libro en prosa con formato de diario nas pasaxes ambientadas en Galicia e en partes de España, con apariencia autobiográfica, e estampas bahianas de todo tipo, paisaxes, costumes, gastronomía, un home que lle fala a un galo... Están escritas coa inocencia da primeira impresión, canda recén chegado. Neste caso, o máis interesante é a lingua, sentir o galego, porque qué podo dicir eu de Brasil. Non é unha guía de viaxes e eu xa non teño idade para meterme nas vivencias de novelas como a de Iolanda Zúñiga [Periferia, Xerais, 2010]. Trátase dunha aproximación inxenua pero non importa, así é como é todo o mundo cando chega por primeira vez a un sitio ao que non acode en plan expedicionario!

P. Ser galego tende pontes no Brasil?

R. Galicia está moi presente na realidade bahiana, o país ten aló fillos que xa son brasileiros e por calquera razón aparece a pegada. Mais non existe a relación literaria que debía haber, nin moito menos, e hai unha grande ignorancia por ambas partes. Con todo, un poeta brasileiro amigo meu sempre relata a inmensa emoción que sentiu cando visitou o leito de morte de Rosalía, na Casa da Matanza.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_