_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Cuba, Galicia e o complexo de Procrustes

Manuel Rivas

Procrustes era fillo de Posidón, tiña unha fonda entre Mégara e Atenas. Alí había dous leitos: un longo onde facía deitar os hóspedes de pouca estatura e estirábaos até que acadaban o tamaño do leito, e outro máis pequeno onde acomodaba os máis altos e cortáballes as pernas, ou a cabeza, para axustalos á medida da cama.

En Galicia, no eido informativo, temos algúns curiosos personaxes que actúan como Procrustes. Estiran o que lles convén. Mais á hora de cortar soamente teñen unha obsesión: a cultura galega.

Na sala Nicolás Guillén, da Feira do Libro de La Habana, atopei, entre outros convidados, o italiano Claudio Magris e o mexicano Paco Ignacio Taibo II. Dous grandes escritores, respectados mundo adiante pola altura do que escriben e do que pensamento que transmiten. Estaban moi ben impresionados pola presenza galega. Galicia era a cultura invitada este ano. Galicia como epicentro desta gran Feira, que está a evolucionar como un hábitat excepcional en América Latina. Unha presenza que se estendeu e fixo vibrar a grande urbe do Caribe con espazos musicais, exposicións artísticas, obradoiros de ilustradores, experiencias cruzadas na realización audiovisual, actuacións inesquecíbeis de contacontos, posta en marcha de intercambios universitarios e acordos para catalogar, dixitalizar e garantir a conservación da inmensa herdanza documental da emigración galega en Cuba.

Ir a Cuba era unha misión obrigada para un escritor demócrata

Ía preguntar a Magris, autor do mítico Danubio e de Microcosmos, e a Taibo II, que vai para clásico da serie negra, se non tiñan medo que ao volver ao seu país os agardaran os Procrustes co serrucho de cortar cabezas ou lobishomes políticos cos caíños afiados polas eleccións. Mais non preguntei. Se eles dicían "todo ben", non ía ir eu co meu mal du pays ao lombo. Qué irían pensar se lles falo de que un dos menús preferidos en certas mesas galegas é o do "churrasco de escritor autóctono"? Mesmo como os escritores convidados a Cuba tiñan que pagar do seu peto xantar e cea pois aínda estiven a piques de propoñer un auto-churrasco. Mais calei. Se cadra Magris e Taibo II dirían: E logo estes aínda andan polo punkismo máxico!

Estiven dous días e medio en Cuba. Vivín con interese profesional e humano o que alí me tocou vivir. Era un escritor entre libros, nunha feira do libro que era unha romaría incesante de lectores a todas horas. Ducias de milleiros de persoas, mozos e vellos, e moitas familias con rapaces cobizosos de contos. Os espazos naturais do recinto convertéronse en prados de pequenos lectores, silentes, concentrados nas novas xanelas que tiñan entre mans, experimentando o que Clarice Lispector chamou "a felicidade clandestina".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O primeiro compromiso do escritor é escribir. Mais a súa primeira ferramenta é escoitar. Tamén a do xornalista. É un bo momento para escoitar en Cuba. Oír o rumor da xente. A segunda ferramenta é rumiar. O escritor ten que rumiar como unha vaca, dicía Saul Bellow. E aquí estou agora, a rumiar como unha marela, adestrándome para o churrasco.

Eis o meu rumiar. É o papel dun escritor e un xornalista sumarse á lei Helms-Burton, sumarse ao bloqueo unilateral de Estados Unidos, negarse a escoitar o rumor da xente cubana, tratar o pobo lector cubano como apestado, pórlle un estigma a escritoras e escritores cubanos desexosos de comunicarse e debater, confundir a sociedade cun réxime? Nin o libertario norteamericano Noam Chomsky nin moitos outros librepensadores de todo o mundo pediron permiso aos falcóns para coñecer Cuba en vivo e procurar dicir o que pensaban. Na sala Nicolás Guillén, no encontro cos lectores, o luns 18, o que isto escribe dixo na súa intervención que a enerxía da literatura é a liberdade e que o único partido que debería ser único é o dos dereitos humanos.

Imos rumiar, si. Imos rumiar unhas cantas verdades e mentiras.

Á Feira do Libro de La Habana, dende 1998, asistiron como países convidados México, Italia, España (2001), Francia, a Comunidade Andina (Bolivia, Ecuador, Perú), Alemania, Brasil, Venezuela. O ano pasado foi Arxentina. E o vindeiro ano, 2009, o país invitado é Chile. As de Arxentina ou Chile son menores? Arxentina é terra de bos churrascos, mais o actual menú nacional non é o do solombo de escritor. Falar, pois, de que Galicia foi convidada porque non había onde escoller é unha falsidade e un episodio máis do complexo de Procrustes. Galegos de elite a achicar Galicia. Empeñados en mantela na cama pequena. É por vez primeira que se convida a cultura dunha comunidade que non é Estado independente. Foi unha oportunidade para a proxección de Galicia e tamén a esperanzadora aplicación dun criterio que debe guiar a diversidade futura: por qué as culturas teñen que estar suxeitas ás fronteiras políticas? Houbo unha coincidencia feliz, coido que non casual: a feira deste ano homenaxeou ao escritor cubano Arrufat, proscrito ou marxinado durante anos no seu propio país.

Penso xustamente o contrario do que tantos Procrustes teñen dito, mesmo en ton intimidatorio e alcumante: ir a Cuba nesta delegación era e é unha misión obrigada para un escritor demócrata. Qué mellores froitos levar e qué mellor emblema para representarmos que unha cultura que agroma en liberdade?

Non é certo, como se ten publicado estes días, que Andalucía fora invitada en anterior edición e que só acudira o presidente cunha delegación de oito persoas. Andalucía si estivo como cultura convidada na Feira de Guadalajara, México, no 2006 e estiveron presentes 60 escritores e unha delegación artística dunhas 300 persoas. Entre outros, e con gran éxito, levaron o Ballet Flamenco de Andalucía. O seu orzamento inicial foi de millón e medio de euros. Cando se fala de 200 persoas na delegación galega a La Habana ocúltase un dato esencial: a participación da Real Filharmonía de Galicia. Un dos concertos da Filharmonía, con Carlos Núñez de convidado solista, ficará como un dos fitos na proxección internacional da cultura galega. Como a actuación de Mercedes Peón e Nordestin@s. Uxía encheu a praza de San Francisco. Abe Rábade foi celebrado no Festival de Jazz. E algo saben os cubanos de música. De Miguelanxo Prado, co seu De profundis, a Quico Cadaval, que mesmo fixo rir aos mortos do "inmenso camposanto de La Habana" (xacen alomenos 50.000 galegos), o amplo abano da representación cultural foi dirixido ás maiorías. Mágoa que os Procrustes presentaran como unha excursión inútil o que debería ser un motivo de orgullo. Como non estar orgulloso dun país que envía libros e non armas?

Non nos enganemos. O problema non é Cuba. O problema para algúns é a cultura galega, a incomprensión fonda do que unha cultura é. Como mellor faciana dun país. Tamén como recurso esencial nunha economía sostibel. Iso sábeo calquera hoxe no mundo, agás os Procrustes da cama pequena. Se os expedicionarios foran, por exemplo, empresarios ou unha misión relixiosa subvencionada, os Procrustes estirarían a cousa en cama grande. A min, a verdade, tanto me ten. Eu son da Coruña e durmo de pé.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_