_
_
_
_
_
Reportaje:DISIMULEN | Luces

Cuestión de fe (no veleno)

Franc3s acaricia o 'underground' e prepara o segundo disco - Produciunos Fino Oyonarte e agora faino Rodrigo Caamaño, de Triángulo de Amor Bizarro

Nick Currie, o músico e escritor escocés que opera baixo o alias de Momus, di que o pop está morto. E non só o pop, senón tamén a democracia, o teléfono móbil e a televisión. Todas son formas acabadas. Pantasmas. Se lle preguntasen ao teórico Simon Reynolds, probabelmente engadiría un quinto cadáver á esquela: o underground. Nun artigo de hai un par de anos recollido na excelente antoloxía Después del rock. Psicodelia, postpunk, electrónica y otras revoluciones inconclusas (Caja Negra, 2010), o ex crítico de Melody Maker resume a súa tese: o verdadeiro underground só podería existir hoxe fóra da rede, offline, e iso supera as marxes do imaxinábel.

Reynolds parte dunha anécdota privada. Tres adolescentes discuten nunha tenda de discos do seu barrio a ver quen é máis cool. A vara de medir non son precisamente as cancións, senón o xeito no que souberon delas, e a xerarquía vai máis ou menos así: un anuncio na tele mola máis que Radio Disney, que os mozos identifican co universo Miley Cyrus, pero menos que Myspace. Non se decatan, rosma o crítico, que Myspace é propiedade de Fox Interactive Media, así que forma parte do entramado de News Corporation, un dos maiores grupos de comunicación do mundo.

A dimensión política do termo 'underground' parece anulada
"Non che vai gustar" é a consigna do disco de Franc3s

A explosión da rede levou por diante a categoría tradicional do mainstream. Como anticipara Momus, todos seremos famosos para 15 persoas. O que o underground tiña de distinción segue a funcionar a través doutros mecanismos, como a comuñón nos directos -cantos menos sexamos na sala, moito mellor- ou os novos vellos soportes, como os vinilos ou as cadora máis frecuentes casetes. A dimensión política do termo, porén, parece anulada. Non hai confrontación.

Franc3s son efectivamente tres, e de Carballo e Vilalba. Alberto M. Vecino canta e toca a guitarra, María Costa encárgase da batería e Patricia Bermúdez dálle aos teclados. Non teñen baixo, pero si un monte de trebellos, unha páxina en Myspace e outra en Bandcamp. Para publicar o seu álbum de debut, que pasearán este mes polas dúas sedes do festival Primavera Club en Madrid e Barcelona, escolleron o selo que lles parecía menos malo, o máis acaído á súa aparente vocación antiprofesional: Los Enanos Gigantes, casa de Mariano Tejera e Fernando Alfaro (Surfin' Bichos).

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Hai ruído en Franc3s. Ruído branco, abstracto, por todas partes. Non como unha conspiración senón coma unha peaxe, coma se non se puidesen facer cancións doutro xeito en 2011. A mínima violencia común. Aínda que a voz sexa lánguida e os teclados se acaroen ao naif. É ese contraste entre os arroutos de distorsión e as melodías amables e espectrais, como un trobador posnuclear asubiando entre cascallos, o que seduce desde o primeiro corte. Nosotras tenemos fe en el veneno ten esa rara calidade: é tan evocadora como Noche desde un tren de Migala e ao mesmo tempo tan rugosa e hostil como unha versión afiada do Just Like Honey de The Jesus & Mary Chain.

A tal hora, nada hai de underground en citar a Suicide, o indie rock norteamericano, Parálisis Permanente, Daniel Johnston ou a liña que vai do krautrock a Stereolab. Tampouco, francamente, na imaxinaría primitiva e enfermiza de serie B. Nin os lobos nin os cans nin o sangue nin as foxas comúns nin as feridas nin calquera outra exhibición de atrocidades. Se en Franc3s opera algún resto do que se podería chamar underground é polo seu deliberado ocultamento. ¿Cómo haremos para desaparecer?, pregúntase un dos títulos do álbum. Aprende a no tocar tu instrumento, manda outro.

Absolutamente modernas empeza case como Segundo premio de Los Planetas pero xa logo vira punk adrenalínico. Encima de miel, con Marina de Klaus & Kinski nas voces, é tan acolledora que podería estar en calquera disco menos neste. Devuélveme los estómagos que te regalé renuncia ao retrouso, como case todos os cortes, en favor da redundancia. Son cancións esqueléticas, desleixadas, rexistradas en analóxico. Humor e métrica de tres. Estruturas esquivas, que ortigan. Martelos pneumáticos de baixa fidelidade. "Non che vai gustar", esa parece a consigna. Sen baixo, sen músculo, de costas á masculinidade. Ás entrevistas sempre as responden "as tres".

O disco, producido por Fino Oyonarte e rexistrado en Madrid coa colaboración de Eric e Florent de Los Planetas e Isa e Rodrigo de Triángulo de Amor Bizarro, entre outros, apareceu en febreiro. Non é esa a novidade. A coartada para rescatalos agora é dupla: dunha banda, porque o ano enfía o final e toca separar o gran da palla, as temidas listaxes; da outra, porque o futuro xa está aí. Franc3s empezaron a gravar hai unha semana novas cancións. No seu propio estudio, en Carballo, con Roberto Mallo aos mandos. O disco sairá o ano vindeiro tamén con Los Enanos Gigantes, e daralles unha nova razón aos que teiman en emparentalos con Triángulo máis alá da criptocracia, a querencia ruidista e as capuchas. Vaino producir Rodrigo Caamaño. Máis fe (no veleno).

AO VIVO. Hai vida despois de Wilco

A visita de Wilco ao Auditorio do Mar a comezos de mes deixou resaca. Foi, para ben ou para mal, un dos concertos do ano, e non só en Galicia. Por contundencia e porque había tempo que o que queda da crítica non se tomaba tan en serio un concerto. A vindeira quincena, que se abre esta noite en La Iguana Club de Vigo con Akron/Family e Timber Timbre, recomendabilísimo, trae un cartel moito máis modesto. El Columpio Asesino e The New Raemon visitan varias salas, os composteláns Mato Grosso -ex membros de Samesugas, The Lorchas e The Homens- presentan o seu debut (Blanco perfecto) o día 24 en La Radio Club da cidade e o ciclo Ruído de fondo leva este luns á Cidade da Cultura os noruegueses Ulver, no que será o primeiro concerto no túnel de servizos do Gaiás.

Tamén en Santiago, a sala Capitol acolle os días 18 e 19 unha nova edición de Microfest: primeiro día para La Puta Opepé, Darmo e Erin (Comando Katana), segundo para Nach, Kaixo Sama e Elecesar. Imprescindíbel a cita co ciclo Voces Femeninas o 24 no Principal de Ourense e o 26 no Caixanova de Vigo: Sarah Jaffe, Mina Tindle, Hannah Peel e homenaxe a The Supremes.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_