_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Da vergoña allea ao orgullo universal

Manuel Rivas

O sentir vergoña allea é un dos sentimentos máis estraños. Dalgún xeito, un sofre ou fica perturbado por aquilo que outro fai. Por un actuar que desagrada, que coida impropio de quen o fai, e que non podemos evitar. Por exemplo, un pode anoxarse e expresar a súa contrariedade ou rabia por unhas declaracións das que non gusta. Mais outra cousa é ese sentir vergoña allea. Ten unha calidade distinta, na que, queiras ou non, se produce unha inquietude que te implica. Un sentir pegañento, que abrangue a atmosfera toda.

Iso foi o que eu sentín esta semana cando oín, na emisora episcopal, a entrevista que lle fixo ao señor Núñez Feijóo o principal voceiro da España do Último Día, Federico Jiménez Losantos. Entrevista? En realidade, o presidente da Xunta de Galicia, quen se proclamara presidente de "todos os galegos", someteuse ese día a unha especie de sesión espiritista na que podiamos ver como se ía axeonllando progresivamente ante o radio-predicador, experto vexaminista e gran produtor de odio. Alí estaba, quen goberna Galicia, representando en sainete unha simbólica "doma e castración", deixándose adoutrinar, tomando nota como un recadeiro. E así fixo. Ao día seguinte volvimos ter noticia da única gran mensaxe neoconservadora que percorre o Antigo Reino:

Un Goberno galego que quere desprotexer o idioma galego privándoo de medidas de protección

-Galicia ten un problema moi serio, señores.

-E cal é o problema principal de Galicia?

-O galego!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Velaí que dende unha posición que era relativamente tranquila, pousada, imos vendo agora ao país enteiro metido, por unha estratexia ultra que foi entrando polas veas da predisposta sociedade conservadora, nunha situación que se encamiña cara a unha psicopatía histórica. Un Goberno que o é da "nacionalidade histórica" galega, segundo a Constitución, un Goberno que existe por mor de tantos mártires, un Goberno que está aí porque triunfou a democracia (do que as autonomías son parte consubstancial) fronte a un fascismo que se alzou, entre outros estandartes, contra o Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado poucos días antes do golpe do 18 de xullo de 1936.

O paradoxo no que Galicia vive estes días en relación coa lingua, por mor da irresponsabilidade destes gobernantes abducidos ou espiritados, ten unha fasquía esperpéntica e manicómica: un Goberno galego que quere desprotexer o idioma galego, privándoo das medidas legais positivas para a súa recuperación, que adoitaran por consenso todas as forzas políticas, despois de séculos de discriminación. Preséntase como reparación dos "dereitos civís" o que é, xustamente, unha reaccionaria volta atrás ao estatus discriminatorio. Só o cinismo, ou a ousada ignorancia do rampante Tuzarismo, pode levar a presentar como avance o que nos sitúa nun tempo preconstitucional e preautonómico. Como é enmascarar de "liberdade" no ensino o que é un insensato laissez-faire, que supón a renuncia a facer xustiza con políticas positivas para recuperar o tempo perdido. Velaí o simpático proverbio que resume o novo programa educativo: "Ti vas á escola y haces lo que te dea la gana". Que modelo, que amor ao país! O neoconservadurismo xogou sempre a ter esa máscara de anarquismo de dereitas. Coido que o amigo e intelixente Pedro Arias pode explicárllelo moi ben aos seus compañeiros do Grupo Popular.

Si. Tempo perdido. Tempo de vergoña allea.

Polo menos o presidente de Galicia puido saír dignamente e non apendejarse ante o reverendo Losantos, atinando a dicir: "Non sei".

Esas foron as dúas sílabas máxicas que repetiu Wislawa Szymborska, a poeta polaca, cando lle deron o premio Nobel en 1996.

"Non sei".

Esa é a primeira porta da sabedoría. Na poesía. Na filosofía. Na política. Deberiamos ter a valentía de dicir de cando en vez: "Non sei". Non para ficar aí, senón para comezar as preguntas. A descuberta.

Leo un retrato literario de Szymborska feito por Elena Poniatowska e prendo nese principio luminoso do Non Sei. Anoto nese texto fértil dous detalles históricos que me chamaron a atención. Houbo soldados polacos que cargaron montados de a cabalo contra os tanques alemáns. Despois da guerra, o primeiro estabelecemento que abriu as súas portas en Varsovia foi unha tenda de flores. Talvez o feito de fixarme neses detalles ten de ver co xeito de escribir unha e outra. Por unha banda, vai unha amazona a cabalo contra un tanque. Por outra, ábrese unha floraría.

Agora si. Agora é tempo de orgullo. Se todo vai ben, teremos en Galicia a vindeira semana a Elena Poniatowska, elixida pola Asociación de Escritores de Lingua Galega como Galega Universal. Entre outros froitos desta visita, darase a coñecer o volume A filla do filósofo, relatos de La Poni (como lle chama con agarimo Carlos Fuentes) traducidos por escritores de nós ao galego.

É unha moi boa iniciativa a da AELG, que en ocasións anteriores distinguiu con esa condición de escritor ou escritora Galega Universal a autores relevantes de moi diversas orixes planetarias: Mahmud Darwish, Pepetela e Nancy Morejón. É evidente que Galicia sería algo moito máis pechado, provinciano, de non existir a cultura galega, esa floraría, esa amazona. Na liña de cultura aberta van tamén os premios Rosalía que outorga o Pen-Club de Galicia. Na última edición, o colombiano Álvaro Mutis, o catalán Joan Margarit e o vasco Jon Kortazar.

A nova Galega Universal é mexicana nacida en París e de orixe polaco. Como escritora, enfeitiza o xeito en que crea personaxes inesquecíbeis, como o son para min, por exemplo, os protagonistas das novelas El tren pasa primero e La piel del cielo. Mais ela, Elena Poniatowska, tamén é un personaxe co seu propio ronsel de lenda. Unha escritora e xornalista que tivo a coraxe de enfrontarse ao silencio criminal cando todos, ou case todos, calaban. Foi cando escribiu La noche de Tlatelolco, que trata da matanza de máis de 300 persoas na praza das Tres Culturas, na capital mexicana, en 1968, durante unha protesta estudantil, pouco antes de que comezaran as Olimpíadas. Un dos episodios máis sinistros e brutais da recente historia latinoamericana.

Como escribe ese libro Elena Poniatowska? "A noite, viúva do día", di un verso da súa amiga Szymborska. Pois ben. Nunha lección maxistral de xornalismo, o que fai Elena é apañar as cachizas daquela noite e compor con elas un tremente día. Vai apañando na escuridade todas as voces baixas, perseguidas, feridas, encarceradas, horrorizadas. Mais tamén figuran as do poder e os titulares ominosos duns medios de comunicación que deron por boas as trolas do poder criminal que ordenou a carnicería. É así que La noche de Tlatelolco figura entre os mellores libros de novo xornalismo do mundo enteiro, xunto cos tamén para min imprescindíbeis: Memorias do cárcere, do brasileiro Graciliano Ramos; Recuerdo de la muerte, do arxentino Miguel Bonasso, Memorias del calabozo, dos uruguaios Mauricio Rosencof e Eleuterio Fernández Huidobro, e El olvido que seremos, do colombiano Héctor Abad.

Elena Poniatowska, Galega Universal. Que sorte!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_