_
_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Dona Emilia, 'a Pardo Bazán'

Que no que foi o enderezo familiar de Emilia Pardo Bazán, onde naceron os seus tres fillos e comezou a escribir a súa obra, teña hoxe a súa sede a Real Academia Galega debera obrigarnos a ver que hai unha relación íntima entre aquela escritora e a cultura propia do noso país. Qué relación é esa, velaí o asunto. (Tamén poderiamos preguntarnos que lle parecerá á pantasma da escritora ter eses hóspedes na súa casa).

Conservamos imaxe dela a partir das abundantes fotografías, mais o estatismo propio das fotos de época engana. Debeu de ser unha muller que viviu con certo degoxo ou frenesí. Unha muller humanamente forte e unha escritora literariamente poderosa, dinamiteira. Filla única e criada como unha pequena raíña na súa casa, xa de nena participaba nas tertulias do seu pai na casa coruñesa. Aquela nena que sabía capítulos do Quijote de memoria era unha atracción. E continuou de mociña, cando se trasladou a familia a Madrid acompañando ao seu pai, deputado en Cortes e tamén alí abriu tertulia con xente da política e das letras. Esa estadía madrileña debeu ter importancia decisiva para imaxinarse ela, para proxectarse no futuro, para configurarse como intelectual e escritora: nunca renunciou a ese escenario madrileño, probou o xarope da Corte e xa nunca soubo renunciar a saborealo. Era un momento no que Madrid medraba e bulía, semellaba querer pasar de ser Corte a capital dun Estado. Anos máis tarde, xa casada e escritora recoñecida, seguirá a organizar veladas, na súa casa de A Coruña e na de Madrid; ela no centro. E tiña a capacidade e o merecemento para selo. Tivera boa formación cultural, viaxara por Europa, e tiña capacidade intelectual, que daquela non se atribuía a unha muller, para publicar un ensaio, La cuestión palpitante, e novelas importantes, como Los pazos de Ulloa. Tiña ademais outro atributo, a autoconfianza para esixir recoñecemento pola súa obra e polas mulleres.

A tensión entre a capital e a aldea foi seguramente o seu motor literario
Negáballe o valor a Rosalía para poder explicarse a si mesma

E tiña, asemade, outro atributo segredo, o coñecemento dunha terra afastada con pazos e cidades, de onde ela procedía. Viviu dacabalo de vivendas en Madrid e Galiza, A Coruña e Meirás principalmente, aínda que residiu temporalmente en casas e pazos en diversos lugares do país. Viviu demediada, indo e vindo. Seguiu atada a esta orixe e sen renunciar nunca a ser unha escritora que á fin triunfou no escenario cultural e social madrileño.

Non lle bastarían o seu talento, a súa intelixencia e a súa formación de non ser porque tamén tiña vocación e a necesidade de facer unha carreira literaria: ser muller de letras. París xa creara o modelo. De volta na Rúa Tabernas, casada, criando fillos e publicando as súas primeiras obras, escribe a Giner de los Ríos: "Mis hijos lo que necesitan es o el campo con sus beneficios higiénicos, o Madrid para su cultura. [...] Me horroriza que piensen que lo que yo busco es un centro favorable para mi fama literaria [...]". Ten a necesidade de disimular o que era a lexítima arela de facer carreira literaria pública. Esa dependencia de Madrid é determinante ao longo da súa vida. "El provinciano (¡cuántas veces me ha sucedido esto a mí!), durante las largas noches de invierno, entretiene la tediosa velada leyendo los periódicos donde se reseñan los estrenos. Con la imaginación adivina el recinto iluminado, los palcos atestados, las butacas sin una mella, el paraíso hormigueando, la atmósfera vibrante, las discusiones de los entreactos y el silencio religioso del momento en que sube el telón. ¡Cómo le gustaría estar allí!", escribe en La Ilustración Artística. Nese texto non estraña a representación de obra teatral ningunha, senón o acto social, deleitándose á distancia. Dona Emilia necesitaba vida en sociedade. Intelectualmente, vivía entre a Corte e a aldea. A Corte era o mundo ao que dicía pertencer. Aquel mundo capitalino era parte súa, mais tamén sentía que no pazo da aldea había outra parte dela. Esa tensión é seguramente o seu motor literario.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Intelectualmente tivo que afrontar o debate literario que se abriu daquela. O Rexurdimento formulou á xente de letras un dilema novo: escribir literatura na lingua do país ou non. Emilia entende que a súa lingua é o castelán e non lle interesa participar no esforzo daqueles intelectuais galeguistas. Ela sabe que o seu lugar non está alí, o seu público primeiro é outro. Alén diso, percibe agudamente a debilidade do galeguismo que está a nacer, o seu dubidoso futuro: "Al afirmar que el atraso de la lengua gallega nace de su carencia de literatura, no me refiero solamente a las bellas letras. También es cultivo literario para un idioma la conversación entre gentes instruidas, el comercio epistolar, la oratoria sagrada o profana, los instrumentos públicos; y en Galicia esto se hace en castellano. No así en Cataluña, donde todas las clases sociales, para todos los usos de la vida, se sirven del habla provincial [...]". É consciente de que o galego non é a lingua da clase dirixente. Do mesmo modo que a nobreza rusa falaba francés, tamén a clase social á que ela pertence desertara había tempo da lingua do país e vivía sobre territorio coma no ar. Comprende a evidencia de que é imposíbel desenvolver unha carreira literaria nunha lingua sen clases dirixentes e Estado detrás. Iso lévaa a combater aos galeguistas e ao Rexurdimento. Con motivo da morte de Rosalía, nunha homenaxe do Liceo de Artesanos coruñés imparte unha conferencia sobre La poesía regional gallega: "Cuando Rosalía habla por cuenta propia, como sucede en la mayor parte de los poemitas de Follas Novas, pidiendo al dialecto solamente la envoltura de su sentir, es, sin duda, un poeta digno de estima, pero que repite quejas muy prodigadas en la enfermiza poesía lírica de medio siglo acá...". Rosalía morrera aínda non había dous meses.

É difícil de comprender esta belixerancia, ese xuizo literario tan equivocado e esa falta de respecto aos prazos que recoñecemos para o dó privado e público. Mais pode ser comprendido por dous motivos. O primeiro, que a estética na que escribía Rosalía, o romanticismo, era combatida por Emilia, que defendía a nova ollada naturalista. O segundo motivo é que precisa negarlle á lingua galega a capacidade de expresar reflexións profundas con altura literaria e por iso nese mesmo discurso celébralle a Rosalía a poesía máis costumista de Cantares Gallegos e raléalle o valor a Follas Novas: "Los poemitas". En Follas Novas Rosalía trascende as estéticas e fai parte da mellor poesía europea. Era inaceptábel para a Pardo Bazán, que precisaba negarlle o valor para poder explicarse a si mesma.

E con todo a representación de Galiza como país na súa obra é impecábel. Aparecen desde a cidade mítica, Estela, á cidade contemporánea, a súa Marineda, coas Rúas Altas e baixas, onde se moven as traballadoras de La Tribuna. Está a aldea coas súas personaxes e o folklore e tamén o pazo decadente: antes que Valle e que Otero, Emilia retratou a caída da clase dos señores da terra, enlamados e confundidos cos seus criados. A Pardo Bazán foi unha gran intelectual, moderna e feminista, triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. O seu triunfo ten o mérito das dificultades e resistencias engadidas por ser ela muller.

Porén, non se lle comprende completamente se ignoramos que foi unha figura que participou nun debate que se deu na Galiza nese momento, moi concretamente na súa Coruña e que está no arranque da historia social, cultural e política até hoxe mesmo: ser nación ou provincia, ser centro ou periferia. Ela defendeu unha posición, dacordo co seu punto de vista persoal, da súa historia familiar e os seus intereses como escritora, unha posición que é parte da nosa memoria. Non sabemos se a súa fantasma enreda nos papeis da Academia Galega, mais a súa figura e os debates nos que participou forman parte da nosa historia intelectual.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_