_
_
_
_
_
Reportaje:LATEXO DE CULTURA | LUCES

Dous xeitos de interpretar a movida

En Ordes e o Barbanza a mocidade tentea experiencias diferentes de acceso á cultura

"Moita da cultura xuvenil que hai nas vilas vén do caos institucional", afirma García, un dos catro rimadores da banda ordense Dios Ke Te Crew, autores de Xénese, disco fundacional do rap en galego. Di García que estas iniciativas saen "da xente que precisa da cultura". "Non polos cartos", matiza, senón "para non tolear".

No plano musical, deixando á parte a DKTC, a tradición roqueira en Ordes, con grupos como Castomä, os fuxidíos Gintonics ou os actuais Chícharo Psicótico, é semellante á de vilas lindeiras como Cerceda -onde naceron Zënzar- ou Carral. Hai festivais de rock (Sons, Revoltosa e Ordes Rock), mais o tecido asociativo no fogar de LP 45 -unha discoteca máis grande cá barcelonesa Razzmatazz- é outra cousa. "En Ordes o punto de encontro son os bares", di García, "e iso está moi ben, pero non hai outras alternativas".

"As iniciativas saen da xente que precisa da cultura para non tolear", din desde Ordes

O colectivo DKTC, nacido en 2003 da fusión de Cinco Talegos e Ghamberros, conta actualmente con 15 membros activos. Este ano entraron na Rede de Música ao vivo que puxo en marcha o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, o que lles permitiu pechar 18 datas de concertos. No directo a súa proposta integra rap, graffiti e breakdance, os paos do hip hop que se poden escenificar. García e Jamas, outro dos mc?s da banda, pasan agora a maior parte do tempo en Santiago, berce de Malandrómeda e Non Residentz, os proxectos do Hevi, outra das grandes referencias do rap galego, pero aínda ensaian en Ordes. Polo que din, a súa aposta pola autoxestión non responde unicamente ao retrouso que esixe rimar nos sotos das grandes superficies. O incómodo chegoulles tras analizaren a situación. "A nivel asociativo non hai movemento", afirma García, "nin actividade cultural".

"Desde o concello imos potenciar os grupos de rock que temos en Ordes", di Silvia Marín (Unidos por Ordes), recén adquirido o mando de Cultura no estreado goberno de coalición. DKTC vén de rexistrar a Asociación Cultural Cultivarte, cunha exposición de pintura e fotografía ás costas. Para García, non é cousa de pedir, "senón de esixir o que é noso", di. "Acontece que iso adoita entenderse mal".

E como ordena o pobo, se falamos de cultura? Ao vocalista Jamas dixéronlle que comezan a verse polas rúas cativos cantando, co radiocasete ao lombo. "Como empezamos nós", resume. Para Sito Reboredo, de Castomä, apócope de que queres tomar, "habería resposta xuvenil se houbese outras propostas á parte de sendeirismo e baile tradicional". García apunta as virtudes pedagóxicas da cultura hip hop. "Poderíanse crear obradoiros de breakdance... Unha escola onde se realizasen actividades de xeito autoxestionario", sinala. A falta de mediadores habíana solucionar "facéndoo directamente".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Rumbo suroeste, na comarca do Barbanza, o outro exemplo escollido insírese mellor nos manuais de xestión cultural. Son o Proxecto Cultural Leñaverde e a Asociación Barbantia. "Avanzamos, nun primeiro mundo que só avanza no que a química se refire... Prozac, Viagra e Tranquimacín elevan a tristura, a impotencia e o estrés como a nova trinidade". Esa foi a presentación editorial do proxecto Leñaverde 2005, nacido en Boiro en 2000 coma unha iniciativa municipal de dinamización da mocidade a través da cultura. "O estudio previo á posta en marcha de Leñaverde concluíu que non había iniciativas públicas que promovesen a participación da xuventude", di o director, Alberto García.

Nunha segunda fase, en 2002, déronse conta de os rapaces xa tiñan canles de expresión cultural, malia non seren coñecidas. "Había que darlles máis visibilidade", resume. A época actual é de profesionalización: polo centro social de Boiro, o sindicato, pasan hoxe 100.000 persoas ao ano, máis das que suman os concellos de Boiro, Rianxo, Ribeira e Pobra do Caramiñal xuntos. Concibido coma un espazo de creación contemporánea, o sindicato é antes ca nada un punto de encontro de 120 creadores e máis de 500 socios integrados.

"Nós non buscamos artistas de galería", di Martín, "senón trasladar o eido creativo a todos os ámbitos da vida, incluído o tecido empresarial". No centro hai sala de exposicións, audiovisuais e tres aulas de ensaio insonorizadas cunha cabina de gravación. Grupos como Supersandwich, Golden Dicks ou Agorafobia benefícianse da iniciativa. "Facemos cultura sen mirar a liña política", di Xerardo Piñeiro (PP), actual concelleiro de Cultura de Boiro. Tanto o concello como a Mancomunidade Arousa Norte, ademais de tres consellerías, inxectan cartos na idea de Leñaverde. No Catálogo de Novos Creadores do Barbanza que editaron este ano figuran, entroutros, Iria Xestoso, de 18 anos, merecente do Minerva 2006. Ela fala de Leñaverde como un traballo "exemplar" de dinamización cultural. Tamén o ilustrador Rodrigo Chao, colaborador de Antón Riveiro Coello n?A voz do lago, o curtametraxista Fernando Cortizo ou Brais Rodríguez. Sigmund Freud en 'El niño que no tenía manos', obra de Rodríguez, mereceu o primeiro premio no recente XI Certame de Cómic de Cangas.

"Pódeche levar máis tempo aparcar en Santiago que chegar de Noia a Ribeira", di o escritor Antón Riveiro Coello, un dos coordinadores de Barbantia. A asociación conta hoxe 260 socios esparexidos polos oito concellos do Barbanza. Principalmente escritores e pintores, pero tamén mariñeiros, deixando á parte os mozos de Nova Barbantia, máis noveis cós de Leñaverde.

"Nós nacemos para cubrir lagoas, non para competir cos concellos", explica Riveiro. Ademais dos consistorios, fináncianse a través de Cultura, da Deputación e das empresas locais. Segundo o autor d?As rulas de Bakunin, limiao pero residente en Boiro, "algúns quixeron situarnos políticamente ata que se decataron de que só queriamos facer cultura". "Ao primeiro había xente do PSOE que nos preguntaba se eramos do Bloque, nacionalistas que cho dicían ao revés e aínda atopabas xente que comentaba que traballabamos para o PP... Esa foi a mostra de que o estabamos facendo ben".

Reunir 100 persoas na presentación dun libro é difícil en calquera cidade galega, mais no Barbanza conségueno bastantes veces. Tampouco houbo problemas de convivencia cando coordinaron, ao seu paso pola comarca, os actos do Barco da Memoria. "O único que está movendo o país é o asociacionismo", afirma Riveiro, "e iso enténdeno ben a Consellería e a Deputación". No Barbanza, os creadores son agora visibles máis alá do mercado local.

"Agora os novos móvense máis"

Entre as asociacións educativas rexistradas na web da Agrupación de Asociacións do Concello de Ordes campea Inestable.org, un colectivo de usuarios de Linux sen sede física. Un dos seus responsables, Nicanor Vidal (22 anos, estudante de Enxeñería Informática na Coruña), sinala que en Ordes se podería "aproveitar mellor o talento se falamos de computación". Con 20 socios desde a súa fundación en 2003, introducen á xente no sistema operativo libre. Este ano recibiron, de Industria, a súa primeira subvención. "En Ordes estou ben", di Vidal, que

conta ficar na vila.

"A nós salváronnos os socios", di Ovidio Castenda, da asociación cultural Tarandeira. "Espero que o cambio dea froitos [o popular Teodosio Martino perdeu a alcaldía despois de 20 anos], pero xente boa había en Ordes que antes non collía no consistorio". Tarandeira é unha das asociacións culturais máis activas da vila. Deixando á parte as rutas de sendeirismo, as xornadas micolóxicas e o patrimonio natural, Castenda agarda por un museo etnográfico onde sacarlle proveito á artesanía do liño.

"Nos últimos anos aínda deron oportunidade aos grupos de aquí", comenta Amancio Silva, baixista de O Chícharo Psicótico (antigos NH). "Esperemos que a cousa vaia a mellor", di, "porque ata agora estabamos sós". Os concertos de Ordes repártense polo xeral entre o Badulake e o Nunca Máis, acubillos fronte á marcha masiva das fins de semana. Silva teima no mesmo: "A nivel privado aínda hai, pero a nivel institucional non houbo nada ata agora". As bandas da zona xuntáronse hai dous meses na taberna Lume, en Carral, sede da Asociación Cultural Mil e Pico. O primeiro obxectivo é existir como bloque en Internet. Despois, conseguir un local de ensaio. "Xa non son ningún rapaz", di Silva, de 37 anos. "Agora a xente nova móvese máis", apunta.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_