_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Elas cantan soas

As cantantes reinan nunha música galega carente de 'crooners' masculinos

Galicia, polo menos musicalmente, é máis matriarcado ca nunca. Elas dominan os escenarios e os andeis de discos de música galega. Rosa Cedrón anda na xira de presentación de Muller, o primeiro disco de Soas, o seu proxecto común con Cristina Pato. Uxía Senlle acaba de reeditar un dos clásicos, Danza das areas, e dentro duns días comeza a gravar en Brasil outro, Meu canto. Mercedes Peón vén de actuar en Copenhague na sección oficial do Womex, o certame internacional máis importante de world music, e presentará a vindeira semana o seu cuarto disco, Sós. Marful, o conxunto liderado por Ugia Pedreira, foi invitado ao prestixioso marco da Casa da Música de Porto hai pouco para mostrar o seu segundo traballo, Manual de sedución (recente e xa esgotado). Todas elas, máis Guadi Galego, outra voz que tras varias independencias (Berrogüetto, Nordestinas, Rosalía 21) gravou en solitario Benzón; Silvia Penide, a solista pop que está a penetrar nos mercados foráneos e Sonia Lebedynski, a promesa consolidada, conformaron a pasada primavera o espectáculo Sete sereas. Un piano e sete voces. Un proxecto impensable hoxe con cantantes masculinos. Porque non hai sete tritóns con ese bagaxe ás costas, e menos con esa diversidade de tendencias.

Soas queren recuperar as raíces clásicas de certa música popular
"É que hai melodías que chegan ao corazón da xente", explica Rosa Cedrón
"Nós transmitimos a música cantada, por iso é cousa de mulleres", di Uxía
"Os cantantes están minorizados", opina Xabier Díaz, "e vainos habendo"

"A verdade é que non hai crooners", confesaba entre divertido e apesarado Fernando Luaces, o factótum de Boa, o grupo empresarial que inclúe a Do Fol, a discográfica que coproduciu Muller na presentación con aires de première de Soas, hai uns días no Centro Galega da Arte Contemporánea de Santiago. Muller, con Cristina Pato ao piano, a voz de Rosa Cedrón, arranxos dun mozo compositor residente en Nova York, Octavio Vázquez, e todo arroupado pola Orquestra Sinfónica de Bratislava, é un intento de volver ás raíces clásicas de determinada música popular. "É recuperar a canción de concerto, os lieder de Schubert ou Schumann que nós xa tivemos con Castro Chané e Marcial del Adalid, que fixeron con poemas de Rosalía e Curros temas cultos que se fixeron populares", sinala Cristina Pato. "A xente pensa que a música clásica é algo aburrido e solemne, cando é un mundo cheo de sensacións e de fantasía", engade Cedrón.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

As dúas botaron precisamente a andar Soas hai dous anos, cando coincidiron no backstage dun concerto e en confesar os seus desexos máis ou menos ocultos. "Rosa botaba de menos o cello e eu levaba os últimos anos centrada no piano. Así que lle dixen de quedar na miña casa para tocar Rachmaninov e cousas así. Acabamos facendo ese crossover, que ao fin e ao cabo, é o que viñamos facendo ela con Mike Olfield e eu con Yo Yo Ma. Ademais, a viaxe da música popular á clásica non é tan longa. Unha noite na eira do trigo ou Negra sombra son clásicos da música e da literatura galega que son populares", di Cristina Pato. Ningunha das dúas teme que o seu proxecto conxunto lle vaia chocar ao público habitual. "O primeiro concerto foi en Carballo, na praza e nas festas patronais. Aos dez minutos a xente pensaba que eu ía sacar a gaita e ela cantar Camariñas, pero logo xa se enganchou", di Pato, rindo e con ese ton a contratempo do inglés norteamericano. "É que hai melodías que chegan ao corazón da xente", di a sempre máis circunspecta Rosa Cedrón.

Sobre a carencia de voces masculinas, Cedrón non atopa razóns: "Hainas, pero é certo que menos, e non sei por que, pero eu estaría encantada de que as houbera". Pato atopa contraexemplos e unha xustificación: "En Berrogüetto hai voces moi bonitas, e tivemos un pedazo de crooner que foi Pucho Boedo. Pero eu penso que o peso das mulleres na canción é cousa da herdanza, ten que ver coa importancia e o papel da muller en Galicia". "É certo que a palabra cantada é cousa de mulleres, posiblemente porque fomos as que nos encargamos da transmisión da música cantada. Hai un nexo coa tradición e tamén hoxe as mulleres temos un discurso propio, contar as cousas coas nosas palabras e por nós mesmas", opina Uxía Senlle.

Uxía, unha das promotoras de Sete sereas e de anteriores proxectos similares como O cantar das mulleres o Son delas, considera que a forza da presenza feminina actual nos escenarios débese en boa parte "ao traballo referencial de María Manuela ou de Pilocha, que marcaron unha forma de facer, dos arranxos, de escoller repertorio". E pensa que cantantes masculinos hainos, pero daquela maneira: "Ademais de Pucho Boedo, agora hai crooners, pero sui generis. Está Germán Fandiño

[Tony Lomba y Elio dos Santos], ou Paco Lodeiro, pero está máis centrado na televisión, e Mini

[Fuxan os Ventos, A Quenlla]. E calquera día Xabier Díaz, a voz poderosísima de Berrogüetto, nos sorprende cun disco en solitario. E hai cantautores como Emilio Rúa, ou Xoán Curiel, con linguaxes moi persoais, por non falar de Fran Pérez, Narf", degraña exemplos. Uxía Senlle, recoñece, porén, que un crooner, ademais dunha voz, precisa unha actitude, aínda que aventura que, "por tradición xeográfica, terá que vir do norte".

Por alusións, Xurxo Souto, home e do norte, admite que non hai moitas voces masculinas, pero asegura que si hai crooners. "Etimoloxicamente significa o que vocaliza moi ben, e o que fala susurrando. A min paréceme que tanto Mini como Xabier Díaz cumpren co papel. Non todo é smoking, fai falta gorxa, e Xabier Díaz tena, aínda que apareza diluído dentro do grupo que é Berrogüetto". Así que, en conclusión, Xabier Díaz, truá puánts. "Eu son un humilde cantor. Autodenominarse crooner no concepto clásico é unha exaltación impropia, eu fago o que podo", nega entre risas o papel Xabier Díaz. "O que si é verdade é que os cantantes como xénero estamos minorizados, sempre lle digo ás compañeiras que hai que facer espectáculos para presentar cantantes novos. Pero vainos habendo: Fran Pérez, Xoán Curiel, Emilio Rúa, e a Paco Lodeiro acáelle ben o papel... O que si me parece é que, máis ca unha necesidade musical, é da sociedade, do público".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_