_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Episodios galegos: tempos de esperpento

Manuel Rivas

A situación galega, por mor da política vixente, parécese máis cada día ao mundo disparatado do misterio da cripta embruxada. Un dos papeis protagonistas neste enxebre teatro do absurdo teno a donairosa conselleira de Sanidade a quen un día se lle extravía o novo hospital de Vigo, outro desaparécenlle unha morea de camas hospitalarias e por fin esta semana atopa caixas secretas con miles de citas médicas subtraídas polo bipartito, tal e como destacaban onte en primeira páxina os xornais galegos. Non na sección de arqueoloxía, senón na de actualidade política. Sete meses despois das eleccións do 1 de marzo!

Estamos ante outro caso no que se demostra que o anterior goberno non só era manifestamente incompetente, senón que tamén se nos revela como unha coalición de auténticos malvados. Polo oído á señora conselleira, Pilar Farjas, estes do bipartito non roubaban cartos ao estilo da trama Gürtel, senón que conselleiros e comisarios políticos entraban disfrazados nos hospitais galegos e dedicábanse a furtar as citas médicas, en especial as de oftalmoloxía, reumatismo e ludopatía. De onde deducimos que o bipartito non só equivocaba a política senón tamén os adversarios. Os seus inimigos non eran nin a reacción nin empresarios cabreados, como se ten dito. Non. O bipartito mantiña unha guerra soterrada contra birollos, reumáticos e disléxicos. Talvez este pulso de ideoloxía sanitaria explica a frase atribuída a un prominente magnate galego, de quen se afirma que presentou unha esixencia incondicional ao presidente Touriño para facer as paces: "Quiero la cabeza de ese camillero!". Quen era o camillero? Velaí estamos ante estoutro misterio da cripta embruxada.

Coa deconstrución consumada, o PP traerá a milagre da construción: unha nova Lei do Solo

Mentres a conselleira atopa toneladas de petroglifos clínicos ocultos nos hospitais, agochados, é de supoñer, coa complicidade de miles de funcionarios da Sanidade pública, en especial oftalmólogos, reumatólogos e outros extremistas, o Departamento de Deconstrución do novo Goberno da Xunta prosegue o seu inxente e meritorio labor para ir demolendo o perigoso belén galeguista que montaran nun asubío os da endemoñada coalición. Se tal fixeron en menos de catro anos, imaxinen o quilombo que armarían cun mandato máis! Despois da delicada operación de retirada dos mandilóns e dos letreiros das galescolas, fontes do Departamento de Deconstrución anunciaron á prensa que están en marcha dous operativos de extraordinaria envergadura: a disolución da Selección Galega de Fútbol e a aniquilación da feira denominada Cultur.gal.

Algúns bondadosos desinformados pensan que as actividades da Comuna instaurada en Galicia entre 2005 e 2009 reducíanse á imposición aos nenos crioulos da lingua indíxena, o galego ou vegliota, coa transformación dos centros de ensino público en campos de reeducación dirixidos por instrutores luso-cubanos. Algúns pensaban que isto era un esaxero. Dicían burlóns: A lúa está no couce! Abre a porta Marica que non cabe dentro! Mais co paso do tempo imos coñecendo a gravidade da situación, o abismo ontolóxico no que estabamos metidos. Son miles as persoas que esqueceron o castelán neste período, sometidas a procedementos de hipnose colectiva. Non soamente nenos e nenas afectados polo rito contaxista ou investidura do mandilón. Tamén os espectadores da TVG foron sometidos a sesións de hipnose colectiva e xente que se deitaba falando castelán en pretérito imperfecto erguíase falando galego en futuro condicional. Mesmo o adestramento doutrinario impartido nas escolas provocou que os bancos se subiran ás mesas. É dicir, rapaces que de súpeto se arrepuñan aos pais con frases intimidatorias do tipo: "Quítalle lobos!" ou "dálle atrás á vaca!" ou "saltou o raposo o valado!". Velaí nenos da urbe, civilizados, que dun día para outro falaban con estraña familiaridade de lobos, vacas, raposos e outros animais da selva.

Todo este proceso foi descuberto a tempo e hoxe a xente en Galicia é máis libre e feliz, onde vai parar. Con razón, unha das primeiras medidas do Departamento de Deconstrución, supoño que en colaboración coa Consellería de Sanidade, foi poñer fin a programas insáns da televisión e da radio públicas, como o titulado Hai debate!. Acabáronse aquelas interminábeis discusións, o encirrarse os uns cos outros, a disimetría, o desconxuntar, o lostregar, ese falar para o aire! Agora a auga volveu ao rego e recuperouse a liña do gran xornalismo de opinión: "Unha da boca lle sae e outra no papo lle queda".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Outro invento que estaba a trastornar Galicia era o da Selección Galega de Fútbol, á que deron en chamar a Irmandiña, convenientemente demolida polo Departamento de Deconstrución Nacional. Ademais dunha ocasión de lecer para a xente que gusta do fútbol, disque ter a selección era un símbolo de identidade, un xeito de proxectarse no mundo. Todas as comunidades teñen selección. Teñen selección Catalunya e Euskadi, e Cantabria e Extremadura... Tamén aquelas que goberna o Partido Popular: Murcia ou o País Valenciano. Por que non Galicia? E por que si? Tamén é identidade o non ter selección. Tamén é proxectarse no mundo o non proxectarse. Acábate, pobre, e vende a camisa.

O do Cultur.gal xa caeu polo propio peso. Esta feira da cultura tivo a súa última (e derradeira!) edición na Coruña. Foi un éxito total. Por vez primeira dende a súa apertura, o Palexco estivo ateigado de xente os días que durou o invento. Pobo de todas as idades. Mesmo pobo sentado no chan a gozar do lecer dos libros. Un lugar de diversidade cultural, coas expresións máis clásicas e as máis alternativas. Palabra, música, cinema. Un forno a facer pan día e noite. Por que se decide acabar con Cultur.gal se foi o máis grande éxito da "industria" cultural galega? Pois por iso, paspán. Porque foi un éxito.

Din que a nova Xunta vai contra a identidade e equivócase. Demoler unha identidade é unha identidade. Hai quen pensa que os voceiros da deconstrución son xente con pouca fachenda. Pola contra, van sobrados: "Se todo o mundo ten unha selección de fútbol, pois nós non a temos. E que? Aquí poñémoslle o rabo ás cereixas!". Pasamos anos co discurso galeguista de facer país, de Galicia como tarefa, da utopía da cidade-xardín, a democracia galega do benestar, de non poñer chatas á obra que hai sitio para todos, etcétera, etcétera.

Atención á historia como esperpento. Unha vez consumada a deconstrución, virá a milagre da construción. A nova Lei do Solo. Por fin, a liberdade de "facer país" sen límites nin a dereita nin a esquerda, nin polo alto nin polo soto, nin no interior nin na beiramar. Barra libre, Galicia ceibe, viva o Poder Popular!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_