_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

O Estado contra Curros

O bispo de Ourense causou o sonado xuízo ao poeta por versos "blasfemos"

Poucos libros na historia da poesía galega presentan a galería de adxectivos que o bispo de Ourense, Cesáreo Rodrigo, apuxo a Aires da miña terra. "Contiene dicho libro proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura", rezaba a denuncia que Rodrigo presentou o 28 de xuño de 1880 "na primeira autoridade da provincia", rexida polo xuíz Manuel Mello Montenegro. O escrito remataba cunha recomendación: "Y a fin de que nuestros amados diocesanos estén prevenidos, y dóciles a nuestra voz, como lo esperamos, se abstengan de tomar en sus manos el expresado libro". O poeta Manuel Curros Enríquez, morto en La Habana hai hoxe un século, era obxecto dun dos procesos máis sonados do século XIX.

"Ama a liberdade pola liberade mesma", escribiu Celso Emilio
O 'affaire Curros' foi case unha versión galaica do 'caso Dreyfus' francés
A Audiencia da Coruña revogou a condena inicial do xuíz de Ourense

Na fermosa biografía que o tamén poeta, e paisano de Celanova, Celso Emilio Ferreiro publicou en 1973 definía ao autor de Aires... en relación á liberdade. "A liberdade obsesiónao. A idea abstracta foise conformando e adquirindo unha forma case corpórea. Ama a liberdade pola liberdade mesma". Francisco Rodríguez achegaba a Curros ao liberalismo, "a fonte na que beben os homes adiantados da época", nunha monografía do mesmo tempo. O anticlericalismo non ateo, o republicanismo e un galeguismo nidio, aínda que logo impugnado por Manuel Antonio no manifesto Máis alá, trazaban o cuadrante ideolóxico no que pensaba o Curros Enríquez que deu luz a Aires da miña terra. "Dirigimos nuestras preces al Todopoderoso para impetrar de su infinita misericordia", pregaba o bispo Cesáreo Rodrigo, "de los que se hallan envueltos en las tinieblas de la heregía".

Para o "reverendo prelado" era en poemas como A igrexa fría nos que o poeta de Celanova "ataca e ridiculiza varios dogmas da relixión católica". A contundencia dos versos non deixa marxe á dúbida episcopal: "As virxes, forzadas, / Os probes, valeiros, / Pedían namentres / Socorro e romedio; / Y-a xusticia, escudeiro mal pago / D'o crime sanguento, / D' sagrado n'a porta quedaba / De rabia e de cólara os dentes batendo". Tampouco o xuíz Mello Montenegro se afastou da doutrina eclesiástica e fallou, o 4 de agosto de 1880, contra un Manuel Curros Enríquez que contaba 28 anos. "Fallo que debo condenar como condeno a don Manuel Curros Enríquez a la pena de dos años, cuatro meses y un día de prisión correccional, y multa de 250 pesetas, con la accesoria de suspensión de todo cargo y derecho de sufragio durante la condena inutilizándose los ejemplares del folleto que se ocuparon y obran en poder del actuario, tan luego esta sentencia cause ejecutoria".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O efecto inmediato da sentencia, segundo relata Celso Emilio, foi que a primeira edición de Aires da miña terra, de Tipografía de A. Otero, Editor e con limiar de José Ojea, se esgotou en 15 días. O efecto secundario conduciu o poeta ao fastío e, aos poucos días, "levanta a casa e sae coa familia cara a Madrid". O ambiente político que dominaba nas Españas finiseculares excedera a separación entre Igrexa e Estado que promulgara a Constitución xurdida da revolución de 1868 e o bienio radical da I República, e ficaba nunha caste de Termidor hispánico. A Carta Magna de 1876 declaraba: "Non se permitirán, sen embargo, outras cerimonias nin manifestacións públicas que as da relixión do Estado".

O fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra Benito Montero Prego, nun detallado estudio titulado O proceso penal a Manuel Curros Enríquez publicado hai sete anos, esmiúza os fundamentos de dereito da chamada "sentencia inferior" e conclúe a "pouca formación xurídica do xuíz Mella ou a mala conciencia de condenar por uns feitos que evidentemente non eran constitutivos de delicto". Montero Prego lembra que o fiscal ourensán solicitou a libre absolución de Curros no momento do xuízo e cualifica a sentencia de "fraude ou tapadeira legal para castigar a Curros pola súa arrogante valentía".

O affaire Curros, case unha versión galaica do caso Dreyfus pero sen solidariedade intelectual, aínda deu outra reviravolta. Porque a Audiencia da Coruña, tribunal de apelación, pronunciou o 11 de marzo de 1881 a revogación da sentencia do xuíz de Ourense. "Fallamos: que, revocando como revocamos la Sentencia consultada que dictó el juez de primera instancia de Orense en cuatro de Agosto último, debemos absolver y absolvemos á Dn. Manuel Curros Enríquez del delito que se le imputa y mandamos que se devuelvan al edictor Don Antonio Otero los ejemplares secuestrados que llevan el título Aires da miña terra y que se cancele la fianza prestada por el procesado". Os tres xuíces que redactaron a absolución pararon nos poemas da discordia, A Igrexa fría e Mirand'o chau, para determinar que, no primeiro, "colocándose el poeta en el terreno delos adelantos dela legislación y delas costumbres actuales, censura los abusos del derecho de asilo que en su época existiera, no ataca con ello dogma ni ceremonia de la Religión Cristiana", e, no segundo, "pone en su boca palabras de amarga censura contra la perversión á que ha llegado la obra a sus manos, así como varias instituciones en sus formas esternas, no se escarnecen los dogmas dela Religión Católica".

Nin as dificultades legais nin a estreiteza ética dun Estado confesional afastaron, con todo, a Curros Enríquez das escollas que o mudarían en ferramenta política no franquismo. O Divino Sainete, amais de inaugurar o xénero paródico para a literatura en galego valéndose de Dante, recuncaba voz anticlerical. Daquel escritor que se batía, na mesma Restauración onde nacía o socialismo marxista e o galeguismo avanzaba cara ao federalismo, contra a reacción e mesmo contra Pardo Bazán, apenas se detecta pegada na poesía contemporánea. A súa sorte, despois de certa sobreexposición nos 70, parece oposta á da escrita de Rosalía ou de Pondal. Celso Emilio falou así: "Ten todas as condicións para ser un home extraordinario, pero o país e case todos os poboadores van con cen anos de atraso sobre o horario da historia".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_