_
_
_
_
_
Entrevista:CARLOS NÚÑEZ | Gaiteiro | Luces

"Estou orgulloso de abrir mercados e ser independente"

Crítico co 'boom' folk dos anos 90, Carlos Núñez regresa do Brasil con novo disco baixo o brazo e confianza no futuro da lingua galega. "Debemos falarlle aos nenos sobre as enormes posibilidades do idioma", afirma

Carlos Núñez (Vigo, 1971) é o músico galego de maior recoñecemento internacional. Acaba de ser galardonado como mellor artista continental cun dos premios musicais mais prestixiosos do mundo, o Ireland's Music Award, a primeira vez que se concede a un músico non británico. Ven de triunfar no Festival Intercéltico de Lorient, onde as 4000 persoas que puideron mercar unha entrada disfrutaron da presentación do seu último disco, Alborada do Brasil, que el cualifica como "viaxe iniciática" na busca das orixes do seu bisavó, emigrante a principios do século XX.

Pregunta. Non lle está indo nada mal con este novo disco.

Resposta. É o peor momento da historia para sacar un disco pero, de todos os discos que saquei, é o que mellores críticas colleitou. Estou contento e sorprendido, aínda que as vendas non son o que eran hai uns anos.

"Xa percorrín o camiño do celtismo. Agora busco outros horizontes" "
"Nós estamos máis preto do Brasil que os propios portugueses"
"Aquí hai unha perigosa tendencia ao mudar en músico-funcionario"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
"O poder lisboeta sempre atendeu máis a Madrid que a Galicia"

P. As vendas non serán as de antes, pero a xulgar pola produción e os colaboradores (Carlinhos Brown, Lenine, Adriana Calcanhoto...) dá a impresión de que fixo ás cousas ó grande.

R. Facer este disco tivo algo de locura. Non só é un disco, ten outra parte que se está a rematar e que é un documental musical. Para min facer un disco é algo mais que meterse nun estudio. A música son aventuras,viaxes e vivencias. Por iso metínme a fondo no Brasil, e por iso este disco é un disco moi caro, no que invertimos moito.

P. Cando di caro, canto?

R. Máis de 30 millóns das antigas pesetas...

P. Que descubriu musicalmente no Brasil?

R. Hai un espírito galego moi presente levado alí polo Portugal do Norte. Portugal divídese entre Lusitania, o Portugal da viola (a guitarra), e o Portugal do Norte, Gallaecia, o da gaita. Acabou gañando o da guitarra, como en España, pero eu creo que o Portugal do Norte foi o que mais aportou, o que está conectado a Galicia, e o que fun descubrindo no Brasil. A miña intuición como artista é que Galicia no Brasil funciona.

P. Cal é a síntese desa conexión galaico-brasileira?

R. A parte galaica está aí metida, pero transformouse. A gaita chegou a Brasil e desapareceu, pero as melodías permanecen claramente na música de baile. O acordeón colleu logo protagonismo e así o reflicten as súas denominacións: no norte chámanlle sanfona, e no sur, chámanlle ao acordeón nada menos que... gaita! Brasil copula con todas as músicas. Sen mestura non habería Brasil.

P. Que saben en Brasil de Galicia?

R. Coñecen o Camiño, pero creo que non saberían ubicar Santiago. Galicia alí non existe, excepto para pequenas minorías. Brasil non ten un coñecemento de nós como teñen no ámbito celta e mesmo en EE UU.

P. Os artistas que colaboran no disco coñecían a tradición musical galega?

R. Carlinhos Brown coñece algúns dos nosos ritmos, porque é de Baia, e Baia está cheo de galegos, Adriana Calcanhoto adora a Martín Codax e encántanlle os trovadores medievais. Gústalles que a súa lingua non veña de Portugal, senón de Galicia. Dálles sensación de maioría de idade. Os cantantes brasileiros son herdeiros dos nosos trovadores... Parece como se Martin Codax fose un tipo cool que vive en Rio e cea sushi nun xaponés.

P. Que papel pode ter a música galega na Lusofonía?

R. Non me gusta a etiqueta de Lusofonía, é caer nas redes do poder lisboeta, ao que sempre lle interesou mais Madrid que Galicia. Nós estamos máis preto de Brasil que os propios portugueses. Brasil é moito mais galego que lusitano, e ese é un potencial aínda non codificado de forma política. A través dun libro de Paz-Andrade descubrín un termo, o de "galecidade", esa área enorme conectada lingüisticamente con 200 millóns de persoas.

P. Xa que fala das posibilidades da lingua, que lle parecen os debates sobre o idioma?

R. Cando Alonso Montero me contou que Rosalía falaba con Murguía en castelán, comprendín bastantes cousas. Todo isto a quen menos beneficia é ao galego. Que o galego non ten futuro? Xa lle gustaría a Cataluña que o catalán o entendesen 200 millóns de persoas. Brasil pode darnos a autoconfianza que necesitamos. Pero para iso temos que empezar mais atrás, explicando aos nenos na as enormes posibilidades do galego.

P. En que lingua foi criado?

R. O castelán foi a miña lingua materna e aprendín galego na escola. Nunca, ata agora no Brasil, reflexionara tanto sobre a importancia do galego. Aquí non se transmite ben esa idea. E a min non me interesa a autodestrución continua. Hai que darlle a volta como fan os irlandeses. A quen lle importa se os Chieftains son de dereitas ou de esquerdas? No grupo teñen prohibido falar de relixión e de política. Hai esa idea de que o país está por enriba de todo.

P. Que supón ser galardoado con Ireland's Music Award?

R. Ufff! É un gran premio. En Irlanda son un irlandés máis. Sentinme levando o facho de Murguía e chegando á meta logo dunha carreira de máis de cen anos. Un artista é catalizador das enerxías que recibe do lugar onde mama, un medium entre a túa cultura e o mundo. Xa teño andado o camiño do celtismo e agora hai que buscar outros horizontes.

P. O seu debú (A irmandade das estrelas, 1996), coincidiu co boom dos gaiteiros. Houbo evolución?

R. Ese boom foi interesante sobre todo polo apoio de xente de fóra como os Chieftains ou Ry Cooder. Pero despois houbo unha sobreexposición que queimou moitísimo, demasiados concertos gratuítos, un empacho devastador. Ese pulpo e gaitas gratis para todos acabou sendo perigoso. O público chegou a non distinguir uns artistas de outros.

P. Por iso, durante un tempo, actuou menos en Galicia?

R. Despois do segundo disco [Os amores libres, 1999] optamos por fuxir ao estranxeiro. Aquí tocaramos teito e cambiar era preciso. Botámonos outra vez á estrada, en furgoneta, a Alemaña, onde non nos coñecía, buscando público xenuíno. Estou moi orgulloso de ter aberto mercados e ser independente.

P. Abriu mercados, vendeu milleiros de discos e converteuse nun músico prestixioso. Pero moitos dos seus colegas quéixanse de que en Galicia é difícil vivir da música.

R. Non sei se é así, ou é que aquí existe a perigosa tendencia ao funcionariado. Cáese axiña no de ser músico-funcionario e ese é outro tipo de artista. Outra cousa é ser un profesional e estar no mercado. Vivir da música é moi duro. Ser gaiteiro foi de sempre un oficio como o zapateiro ou a redeira, un oficio cun mercado e cun público, non un funcionario.

P. Despois de transitar pola senda irlandesa, de se achegar ao flamenco, e agora a conexión galaico-brasileira, Asia será o vindeiro destino?

R. No 2010 iremos a China e a Xapón imos todos os anos. Pero hai que darlle tempo. Agora estou nun proxecto con orquestras sinfónicas, que xa fixemos en Alemaña, Cuba, Xapón, Francia e Irlanda... Estamos esperando para facelo aquí na casa.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_