_
_
_
_
_
Crónica:NOTAS A RODAPÉ | LUCES
Crónica
Texto informativo con interpretación

Falando de falantes

Estoutro día ía acompañando a miña filla pequena ao colexio, cando de súpeto vai e me espeta esta pregunta: "Papá, por que hai moita xente maior que fala o galego e tan poucos nenos?". Tiña dez minutiños escasos (os que quedaban para chegar ao cole) para improvisar unha resposta. Díxenlle que durante moitos anos o galego estivera proscrito da escola, dos medios de comunicación e da vida pública. Conteille que a xente que falaba galego tivera que emigrar en masa para gañar o pan, deixando desertas aldeas e comarcas que antes buligaban dunha vida que se expresara desde sempre no idioma do país.

Tentei explicarlle como ás persoas que falaban galego se lles inculcara a ferro e lume a convicción de que aquilo non era un idioma, mais unha xerga de pailáns, e que isto marcara moita xente cun profundo complexo de inferioridade. Eu ben vía que a coitada ía entendendo máis ou menos o asunto da escola e da emigración, pero a trela do complexo de inferioridade lle resultaba incomprensible.

A EXPERIENCIDA DA HUMILLACIÓN

Minia debeu de quedar matinando, pois á noitiña veume outra volta coa mesma leria. Daquela, non me quedou outra que contarlle un sucedido que acostumo relatar aos meus alumnos de Sociolingüística na facultade, subliñando de cada vez que o fago que foi a máis rotunda lección nesa materia que recibín na vida. A miña nai -ela mesma galegofalante pero que cando cativos nos falou castelán- aceptou cunha mistura de sentimentos que algúns dos seus fillos, ao chegarmos á adolescencia, nos instálasemos de vez no galego. No fondo, coido que o aprobou (polo menos nos varóns), pero deu na teima (iso nos parecía) de que coa miña irmá menor utilizásemos o castelán. En vista de que non lle faciamos caso, un día colleunos por banda e explicounos a razón da súa insistencia: tiña medo de que a Maruxiña lle fose a pasar o mesmo ca a ela, que cando de moza fora a Santiago tivera que aturar moitas burlas polo mal que falaba o castelán.

A experiencia da humillación persoal por non falar ben o idioma fino sufrírona moitísimas persoas neste país. Con algúns organizadores de distinto tipo de actividades arredor do pasado Ano da memoria, teño comentado que botaba en falta a menor iniciativa que lembrase a dureza, a extensión e a profundidade da represión lingüística que padeceu Galicia durante a o franquismo. A parte visible é a persecución pública, pero hai toda unha trastenda de presión cotidiana pervasiva e incesante, sutil ou brutal segundo aquecía, que resultou dunha eficacia palpable. Calquera persoa maior de corenta e pico anos que proceda dun medio galegofalante pode rememorar anécdotas deste tipo. Un que medrou nunha vila en que o galego era o idioma de uso xeral de cotío, ten frescas memorias de brutalidades inflixidas a rapaces do seu tempo por mor do idioma.

RECTIFICAR A DESEDUCACIÓN

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A democracia e a autonomía puxeron as vías para superar este pasado ominoso, pero o certo é que a discriminación dos e das galegofalantes non desapareceu. Certo que se repararon os peores abusos e que se tomaron medidas de fomento do galego. Pero nin as condicións xerais mudaron tan radicalmente, nin a mentalidade social se librou totalmente da lousa duns prexuízos profundamente arraizados. Ninguén dubida que o ensino constitúe unha ferramenta fundamental para mudar este estado de cousas, por iso a Lei de Normalización Lingüísica aprobada en 1983 dedica unha boa parte do seu articulado ao sistema educativo. Hai que lembrar dous aspectos básicos desa Lei: os nenos e nenas teñen o dereito de recibir o primeiro ensino na súa lingua materna; e ao final dos ciclos de ensino obrigatorio, os estudantes deben posuír unha competencia equivalente nas dúas linguas oficiais. Dabondo sensato, non si?

Non imos entrar agora na valoración do pouco que os gobernos anteriores fixeron ou do moito que deixaron de facer para cumprir a devandita Lei. Limitémonos a apuntar dúas obviedades: primeira, os escolinos galegofalantes xamais viron plenamente garantido aquel dereito (desde logo, non en igual medida ca os castelánfalantes), e segunda, está comprobado que o nivel de competencia dos estudantes ao remataren o ensino obrigatorio é moito máis baixo en galego ca en castelán. En definitiva, que continúa a existir un claro desequilibrio que prexudica o idioma do país.

ENSINO EN GALEGO E GALESCOLAS

Supoño que desa constatación parten algunhas iniciativas nesta materia do actual Goberno. Velaí o decreto da Consellaría de Educación que, segundo se anuncia, disporá que ao menos a metade da docencia nos niveis primario e medio se reciba en galego. É unha óptima noticia que este decreto saia avalado polos tres partidos parlamentarios, cousa lóxica se se ten en conta que esa medida se enmarca nas previsións Plan Xeral de Normalización Lingüística que elaborou o anterior goberno. A Xunta actual debe pór todo da súa parte en que o decreto se cumpra, e isto implica moita pedagoxía (especialmente cara ao profesorado), un decidido apoio por caso mediante a creación de material didáctico acaído, e tamén unha grande determinación que non se confunda a flexibilidade coa neglixencia. Por isto mesmo, chama a atención a nula visibilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste asunto. Andará a Secretaria aos biosbardos, como nos tiñan afeitos os seus predecesores no cargo?

Outra iniciativa importante para o galego é a anunciada creación da rede de centros de pre-escolarización (as galescolas) que está a pór en marcha a Vicepresidencia. Deixando á marxe andrómenas de mandilóns, trátase dunha das iniciativas máis significativas que ten nas mans este Goberno. Hai tempo que un pensa que se debera baduar menos coas linguas e tratar moito máis de falantes. A forza de enfatizar a sacralidade daquelas, acábase esquecendo que o verdadeiramente importante son as persoas que as falan. Cantas veces ten un a impresión de que se parrafea de máis coa aquela de defender, dignificar e promover o galego, e se pensa de menos en defender, dignificar e promover os/as galegofalantes. Por suposto que temos que preocuparnos polo idioma,... pero que tal se dedicamos unha pequena parte do noso esforzo a corrixir as evidentes desigualdades de todo tipo que pexan o desenvolvemento e o benestar da comunidade galegofalante? Unha boa porción dos recursos nominalmente asignados á política lingüística (e realmente reservados para mesteres menos píos), estarían mellor investidos nestoutro tipo de empresas. Noutra ocasión teremos azo para esgaravellar neste asunto.

Se non me engano, por aí van as galescolas. Se con elas melloran as condicións de vida, os recursos educativos e as opcións de futuro dun sector francamente desfavorecido da nosa poboación -a que vive no medio rural, contando cuns servizos, uns equipamentos e unhas oportunidades inequitativos da cima ao cabo-, e ao tempo se evitan aqueles ferintes maltratos que padeceron e padecen tantas persoas neste país (entre outras, a miña nai), e que tanto me custou explicar á miña filla, pois mel nas filloas.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_