_
_
_
_
_
Entrevista:RAMÓN VILLARES | Presidente do Consello da Cultura Galega | LUCES

"Galicia é nación porque creou unha cultura"

É o quinto presidente que ten o Consello da Cultura Galega e hai unha semana ingresou na Academia Galega cun discurso sobre Otero Pedrayo no que lembraba a educación sentimental dun intelectual galeguista. Ramón Villares (Vilalba, 1951) conta cunha longa bibliografía como especialista na historia contemporánea de Galicia e a súa proposta para definir Galicia no novo Estatuto de Autonomía presentouse polémica.

Pregunta. Vostede é o pai da proposta para definir Galicia no estatuto como Nazón de Breogán, usando os versos de Pondal no Himno Galego. Que lle parece que agora ninguén queira referencias míticas?

Resposta. Déuselle máis importancia da que tiña. Quería ilustrar a idea de que Galicia ten unha forte identidade como nación-cultura e menos desenvolvida como nación-política, pero sei que non se poden facer estes distingos nun texto normativo. Trátase de recoñecer que temos unha tradición cultural e que moitos pais do galeguismo definiron a Galicia como unha nación e dalgún modo hai que recollelo. A dupla condición cultura e política distínguese claramente en Galicia, porque a nosa identidade é moi forte como país pero a nosa conciencia política é máis débil, polas razóns que sexan (atraso económico, peso do mundo campesiño, desgaleguización da Igrexa ou porque a burguesía non se comprometeu coa súa terra...)

"Como historiador doulle moita importancia ao exilio porque aínda temos con el unha conta pendente"
"A nosa identidade como país é moi forte, pero a nosa conciencia política é máis débil por diversas razóns"
"A lingua é un elemento decisivo da nosa condición nacional, pero temos que convivir con outras linguas"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
"Esa idea cosmopolita de que todos somos iguais non funciona. A igualdade está nos dereitos"

P. Por que se lle dá tanta importancia a establecer unha definición precisa?

R. A definición nacional, salvo para algúns melancólicos dos vellos estados-nación, crea uns problemas que non son capaz de explicarme. Se ten sentido falar de nación é por marcar unha identidade cultural, que tamén pode soportar unha definición política. Pero hoxe as identidades políticas nacionais están máis esluídas (fronteiras, moedas, exércitos...) Sería unha perda para Galicia non aproveitar a debilidade da idea de nación política e afirmarse máis na nación cultura. É útil porque nos dá dignidade e nos sitúa no mundo. Esa idea cosmopolita de que todos somos iguais non funciona. A igualdade está nos dereitos, pero o mundo está cheo de diferentes. Hai que desdramatizar a palabra, que Galicia sexa nación non implica que ao día seguinte se independice.

P. No seu discurso de ingreso na Academia Galega asegurou que a novela Arredor de si de Otero Pedrayo, reflectía o intento de fundar unha identidade nacional. Era ese o proxecto da xeración intelectual do escritor ourensán?

R. Era, porque tiñan conciencia de estar a facer algo novo. Rexeitaban a tradición enxebrista, folclorista e rexionalista na que, en parte, foron criados, e tamén a formación sentimental, en Ourense e logo en Madrid, na que Galicia era algo moi vago. No momento da súa conversión, nos anos 1917 e 1918, chegan a Galicia e tratan de crear, case desde o fundamento, unha idea de cultura nacional. Fago fincapé na cultura porque é a que define a identidade dos pobos. Non é que deixen de lado a relación coa terra, a relixiosidade ou compoñentes étnicos, como o celtismo, pero pasan a un segundo plano. O núcleo central é que Galicia é unha nación porque foi un pobo capaz de crear unha cultura, unha lingua e unha forma de ocupar o territorio ou relacionarse entre si.

P. A galega parece unha historia de cortes profundos, porque eles viñan tamén dun intento fundador anterior, truncado cos fusilamentos de Carral de 1846 e despois as súas ideas varreunas o golpe de 1936.

R. Manuel Murguía é esencial en todo este proceso porque é o que asenta as bases dun ideosistema de Galicia. Faino esencialmente cunha condición étnica, dubida entre falar de provincia ou de rexión e xa ao final da súa vida teno máis claro e concédelle a condición nacional. Pero Murguía non ten sucesores e queda bloqueado e desdebuxado nunha especie de rexionalismo cultural, que fixo cousas moi importantes desde o punto de vista simbólico e da memoria: o Panteón de Galegos Ilustres, o Monumento de Carral, a fundación da Academia Galega... todo iso foi decisivo. Pero non contaban con amparo político e chegaban xa esgotados. O que nos faltou foi facer o enlace entre Murguía e a xeración do 14 porque o movemento do 98 non tivo en Galicia nin a influencia que tivo en España, preguntándose por si mesma, nin en Cataluña co Adeu Espanya.

P. Segundo vostede, a intención literaria de Otero Pedrayo é singularmente política. É esa unha marca de parte da literatura galega?

R. Otero é o autor dunha grande narrativa nacional-patriótica que en boa medida quere formar a xente. Non só busca divertir e facer soñar, as súas obras teñen mensaxe e tese. É unha forma de lelo, porque hai quen só ve a eufonía das súas palabras, a riqueza do seu léxico, o decadentismo ou a mitificación do mundo perdido. Penso que el quere formar politicamente coa súa narrativa. Otero ten unha prosa difícil, pero tiña vontade de crear unha narrativa nacional.

P. Finalmente ese intento de fundación resultou literalmente fusilado co golpe militar. Como pagamos hoxe que se rompese esa continuidade política e cultural?

R. Recupérase dándolle o rango que debía. Otero, sabendo que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) fora incautado e prohibido, fai testamento en 1941 deixándolle todos os seus bens. Os do SEG son os nosos papeis de Salamanca e espero que iso se resolva a non moito tardar. Outro problema é revisar as nosas relacións co 36 a través do exilio. Aquel intento anterior á guerra trasladouse a América, pero despois houbo unha ruptura co exilio, tanto do galeguismo tépedo, non nacionalista, como do nacionalismo radical, que fixo unha estratexia de recrear Galicia desde dentro. Esa é a xénese da anomalía galega na Transición: unha autonomía recoñecida como histórica, porque votara no 1936 o seu Estatuto, pero sen unha forza política electoralmente importante que o defendese, e unhas opcións nacionalistas que, polas razóns que fosen, rexeitaban a reforma pactada. Como historiador e tamén desde o Consello da Cultura Galega, doulle moita importancia ao exilio porque temos con el unha conta pendente. Non se trata de remover o pasado senón de restaurar en xustiza o que eles levantaron. Luís Seoane, Antonio Baltar, Núñez Búa, Lois Tobío ... seguen sendo figuras moi secundarias e temos que darlles rango de pais da patria.

P. Vítor Freixanes respostou o seu discurso de entrada na Academia e reivindicou un papel xeracional de enlace con ese esforzo truncado, pero hoxe detéctase que, sen trauma bélico polo medio, a xente máis nova empeza a ver distante ese discurso cultural galeguizador. Seguindo co seu símil, que se preguntan os Adrián Solovio [protagonista de Arredor de si] de hoxe?

R. Estamos en peor situación, relativa, que o Solovio do ano 30, que tivo un encontro case amoroso con Galicia e a súa adicación total tivo unha resposta positiva, naquel tempo de entusiasmo no que se trataron de derribar as vellas ataduras caciquís. Hoxe o que queira facer iso fáltalle unha idea teórica de Galicia. Tívoa o grupo Galaxia, tívoa o primeiro Beiras cando en O atraso económico buscou unha explicación coherente de como estaba o país, pero o mundo avanzou moito e esa ausencia de modelo pesa. Non é só un problema galego, pasa en toda Europa porque hoxe non é un momento de grandes teorías, estamos en momentos de tacticismo. O risco é que a transmisión desta herdanza ou a facemos sobre novas bases, tecnoloxías e conceptos máis abertos que no pasado ou teremos pouco éxito. O test é a lingua. Fixemos o milagre de pasala do mundo rural ao urbano, pero en moitas capas da mocidade hai problemas. Non se perde porque está no sistema educativo, pero non se usa. E non só é a lingua, é tamén unha concepción unitaria de Galicia como cultura.

P. Outro debate de actualidade é a posibilidade de que o Estatuto inclúa o deber de coñecer o galego.

R. Estou convencido de que ten que figurar o deber de coñecelo e o dereito a usalo. A lingua é un elemento decisivo da nosa condición nacional, pero temos que convivir con outras linguas. Ademais do castelán debemos resolver o noso contencioso co portugués e ter coñecementos instrumentais dunha lingua franca como inglés. Como país europeo iso hai que formulalo. Temos un patrimonio que é o galego, e outras linguas moi próximas (castelán e portugués) que falan case 700 millóns de persoas. Esa situación privilexiada hai que aproveitala.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_