_
_
_
_
_
Entrevista:XAVIER QUEIPO | Escritor galardoado co premio Xerais | Luces

"Hai un ataque e cómpre reconstruírmos isto pedra a pedra"

Cando Extramunde saia do prelo, en outono, os lectores e a crítica poderán comprobar os méritos da novela gañadora do 28º Premio Xerais. O pai da criatura, o escritor e tradutor compostelán Xavier Queipo, da vizosa colleita intelectual de 1957, é quen de cáseque reproducir o extenso relato, con exactitude abraiante, sentado á mesa dun restaurante tailandés de Matongé, o barrio africano de Bruxelas, a cidade na que reside desde hai máis de 20 anos e que lle proporciona "a distancia suficiente para ser independente e a desvantaxe de non participar no ambiente cultural galego, nos contactos e no ensino". Dúas décadas publicando nas que Queipo, quen se sinte "pouco coñecido en Galicia", conformou unha carreira literaria prolífica e diversa que se abriu coa saída de Ártico e outros mares (1991, Premio da Crítica Española), que Galaxia reedita agora nunha versión ampliada, Ártico 2.0. Con Extramunde marca na súa traxetoria outro fito que, de novo, conta con escenarios marítimos nun convulso século XVI.

"Na posmodernidade a apocalipse de agora é ausencia de emprego"
"Na novela hai moitas lecturas que teño feito de pequeno, libros de aventuras"
"Os Gobernos de Fraga eran protofachas pero con Rosalía e Castelao"
"Cómpre colocar a cultura nos lugares que están ao alcance da xente"

Pregunta. Un mundo no que reina a maldade, a fame e un clima desfavorábel para a vida mais "unha serie de sucesos ensarillados como as doas dun colar de desgrazas" comparecen no inicio de Extramunde. Un cadro apocalíptico...

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Resposta. No século XVI houbo unha microglaciación que provocou esa paisaxe gótica, de película de medo, que se describe. Hai que pensar que estamos na fin do feudalismo e que o punto de partida é unha sociedade pechada, de casamentos consanguíneos, miseria extrema, enfermidades e un poder omnipotente por parte da Igrexa que se mestura con crenzas ancestrais. Existe outro esoterismo en Galicia alén da brétema morriñenta, as pedras de abalar e a Santa Compaña que fai palidecer ao realismo máxico. É menos mediático, pero é máis real. Agradecínlle ao xurado que a escolla fose por maioría e non por unanimidade. Que houbera debate até o final é síntoma de boa saúde na literatura galega.

P. No seu discurso de recepción tamén lle mandou un recado ao conselleiro de Cultura, presente no acto.

R. Dirixínme a Roberto Varela para dicirlle o que penso: "Somos galegos, moitos momentos da nosa vida son en galego, facemos o amor en galego, queremos que os nosos fillos vaian á escola en galego. Dígalle ao Goberno da nosa parte que queremos galego". Despois agradecínlle que estivera alí nese día. A xente, que até entón estivera un pouco tensa, merecía esa alegría e penso que todos saímos gañando.

P. Un grupo de condenados pola Inquisición inicia unha travesía en barco cara a unhas selvas ignotas onde ían ser abandonados á súa sorte, o que enlaza coa figura da ordalía, ou xuízo de Deus, que se aplicou desde a Grecia clásica para probar a inocencia ou a culpabilidade dos acusados mediante probas de forza que os enfrontaban coas potencias superiores. Por que recorre a unha ambientación histórica para este libro de aventuras? Trátase dunha fábula sobre os tempos actuais?

R. A pobreza e a violencia sempre son parecidas. Agora na posmodernidade a apocalipse é a ausencia de emprego. Puidera ser que hogano houbese menos miseria, pero que significa que a cocaína sexa máis popular nas aldeas có café? Ou que haxa máis anuncios de prostitución feminina e masculina ca ofertas de emprego? É miseria mental. Metáforas tan primitivas como esta permiten extraer a esencia dunha idea. O que me interesa é que a xente poida ler con varios niveis de atención. Nesa nave de tolos están á mercé da providencia... Dicían que non os mataban, simplemente deixábanos alí, que era o mesmo! Hai personaxes secundarias moi potentes, como un hermafrodita, descricións moi plásticas de treboadas, episodios de violencia contra as persoas, unha conspiración da curia de Compostela, unha rebelión a bordo, desembarcos en portos africanos, encontros con criaturas e paisaxes descoñecidas e motivos clásicos... O relato está engarzado de varios xeitos: un narrador principal, outro que se chama o cego de Zas e que ten o seu referente no cego de Gondar de Valle Inclán, o escribán que vai tomando nota de todo o que pasa e, ademais, acontece que a personaxe central nunca é a mesma.

P. Adivíñase un esforzo importante de documentación detrás da novela.

R. Moitas delas son lecturas que teño feito desde pequeno, dos libros de aventuras que me gustaban! En particular, é froito de soños que tiven e de dous anos mergullado en Conrad, Cortázar, García Márquez, as películas de vaqueiros, Lévi-Strauss, Wallace, n' O rinoceronte do Papa, de Lawrence Norfolk, en moitas lecturas das que non lembro nada pero deixan pouso. Coido que Extramunde terá preto de 500 páxinas, pero co material que xuntei tería para moitas máis! Tiven que frearme! Pensando no lector e pensando en min, porque chega un intre no que cómpre pechar as historias. En calquera caso, quedan apuntamentos para proxetos futuros.

P. Que hai de aprendizaxe nesta viaxe?

R. É o sentido de procura primixenia que guiaba aos exploradores naturalistas, aos adiantados e aos descubridores: querían ver mundo para contalo, recrealo, gozalo ou o que fose. Estas xentes non tiñan nada que perder, porque viñan dunha miseria inmensa e saían dun ambiente de represión. Eran como os emigrantes nosos polo mundo coas súas maletas de cartón. Outros aspectos son a solidariedade que nace entre presos e mariñeiros, que ao final son todos iguais a bordo, e o choque coas forzas da natureza, con descricións de tempestades formidábeis inspiradas, en parte, na Historia Natural do conde de Buffon, do século XVIII, porque eu nunca vin unha néboa negra por riba do mar, aínda que existe! É no confronto onde as persoas ven a medida de si mesmas e que non son tan distintas das demais. Tamén o home precisa arredarse de si mesmo e buscar espazos abertos non opresivos, como o mar, para ser un mesmo, un novo mundo no que expresarse como é, como seguimos procurando nesta sociedade, na que xa estivemos mellor.

P. Cando foi iso?

R. Cando había menos paro, menos agresión á lingua e existía outro pudor. Os Gobernos de Fraga, sobre todo os primeiros, non nos odiaban. Eran conservadores e protofachas, pero con Rosalía e con Castelao. O seu carácter non era antinacionalista; tamén é verdade que o nacionalismo estaba daquela menos organizado e polo tanto non era considerado un enemigo potencial. "Como non nos fai dano, non o imos masacrar". Ademais, cando hai, como agora, un momento de crise económica e ética, e hai que dicir ética porque senón os encausados por casos de corrupción non sairían elexidos nuns comicios como ven de pasar, a xente é menos espléndida e cada un vai máis polo seu. Diso falei no discurso do Xerais, da solidaridade entre os creadores galegos, mesmo en sentido guerreiro.

P. Que propón vostede?

R. Hai un ataque e cómpre unha estratexia para reconstruírmos isto pedra a pedra. Como formulou, no século V a. C., o chinés Sun Tzu n'A arte da guerra, se amosas febleza cando te atacan, o inimigo arrisca máis para acabar contigo dunha vez por todas, envalentónase. A loita é crónica cando levas 16 anos na oposición, houbo unha vitoria parcial durante catro anos, e despois o desencanto foi terríbel e é maior cando desaparecen Vieiros e a edición en papel d'A Nosa Terra, o símbolo que foi Sargadelos está fóra de combate, vai pechar a sala Nasa e as axudas culturais desaparecen na súa meirande parte porque todo está absorbido pola gran chupadeira que é a Cidade da Cultura. Este país non ten infraestrutura empresarial para semellante megalópole. Cómpre recuperar a idea das comarcas e colocar a cultura nos lugares que están ao alcance da xente, ao xeito das capitais culturais europeas.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_