_
_
_
_
_
Reportaje:O CREADOR NO SEU OBRADOIRO | Luces

Héctor Santos-Díez, a matemática da intuición

Nado en Madrid no 1973, aínda que fillo de pais galegos e morador da Coruña, Héctor Santos-Díez élles a personificación da diferenza que existe entre o termo "vocación" e o termo "paixón". Ou, se o preferiren, entre os dous sensos do termo afección: "1) movemento da sensibilidade que consiste máis ben nun cambio de estado anímico ca nunha tendencia duradeira, e 2) inclinación ou sentimento de amor, afecto ou simpatía". Foi ela, a escrita da luz, a que lle produciu esa "alteración", esa "doenza" que lle fixo abandonar a súa incipiente carreira de arquitecto para emprender a de fotógrafo profesional. Iso si, especializado, precisamente, en arquitectura.

"O meu achegamento á arquitectura e á fotografía", coméntanos, "ten unha orixe común: o meu pai. El é arquitecto, e montara na casa un pequeno laboratorio de branco e negro, onde me ensinou o básico desta arte, tanto do revelado coma do manexo da cámara". A partir de entón, e mentres seguía coidando, "erroneamente", que quería ser arquitecto, Santos-Díez leu todo canto puido ó respecto, asistiu a varios cursiños e entrou no colectivo Ollo de Vidro, ligado á Asociación Cultural Alexandre Bóveda. "Alí aprendín moito", prosegue, "falando con outros colegas, e rematei impartindo eu mesmo clases de iniciación e de composición, o cal me obrigou a analizar o meu propio traballo para ser quen de explicarlle ós alumnos por qué facía o que facía e cómo. Xaora, ese proceso analítico e de documentación marcou o meu labor, no que, por exemplo, coido e valoro moitísimo a estética, o encadre e a liña".

Curiosamente, ó entrar na Escola de Arquitectura, deixou de fotografar edificios. "Así fixera ata entón, imitando ó meu pai, Se cadra, por desconectar do traballo, se cadra por procurar algo distinto ou pola consabida épica de captar o intre: a máxima de aprehender o suceso preciso no momento preciso, que ás veces semella ser o único patrón válido para que un fotógrafo chegue a ser recoñecido", asegura.

Secasí, un bo día (bo para el e para nós), "farto da carreira, que non da arquitectura" decidiu dedicarse exclusivamente á fotografía, levado por unha paixón que, en moi pouco tempo, o converteu nun dos fotógrafos galegos máis admirados no seu eido. De feito, non para de traballar prás mellores revistas de arquitectura e de deseño; empresas e particulares reclámano para promover as súas obras, e o programa cultural Miraxes vén de incluílo nunha das súas últimas emisións.

"Unha reportaxe de arquitectura adoita levarme un día ou día e medio, dependendo do tipo e do tamaño da obra". No entanto, as imaxes deste creador (coma o autorretrato que encabeza este artigo) teñen moito de musicais e, daquela, de poéticas. A súa é unha lírica abstracta, abofé. Unha lírica ó Stéphane Mallarmé ou ó T.S. Eliot, na que case que nada fica ó azar. Malia que é iso precisamente, o azar, o que tantas voltas transforma unha foto vulgar nunha foto inesquecible. "Eu creo que o estilo de cada fotógrafo abrolla dun conxunto amplo de factores", asevera, "que van dende a elección do equipo co que traballas ata a túa sensibilidade ou a túa inclinación por certos aspectos visuais dunha escena, tanto na toma coma no procesado posterior das imaxes". No seu caso, el constrúe "devagar, matinando cada foto en cadanseu lugar, agardando a luz precisa, procurando acertar no punto de vista e na altura, mimando a composición e, sobre todo, mantendo a fundamental concentración".

Santos-Díez está convencido de que "as fotos hai que elaboralas, anticipalas, prevelas, sabendo o que queres contar de cada edificio para atopar o xeito asisado de facelo". A súa, xa que logo, semella ser unha poética case que matemática, coma a que, segundo Edgar Allan Poe, seguiu el para escribir O corvo. Mais, coma no caso deste (un poeta, en realidade, asolagado, mesmo superado polo seu inconsciente), non hai na arte de Santos-Díez un oco pró marabilloso, pró irracional? "Non sei cómo definilo", retruca el, "mais a verdade é que...". O corazón, consonte os sufís, é a sede da intuición. E ela, a intuición do corazón, a que nos permite ver alén. Por iso, confésanos este admirador do heavy metal, de Neil Young & Crazy Horse, "hai momentos nos que as imaxes nacen máis forzadas, mesmo sufridas, pois notas que poderías facelo mellor, que non estás a atinxir o que buscas. Pero hai outros nos que, de súpeto, todo sae a tergo, a fluír; as fotos boas sucédense unha tras outra; a luz é A Luz; as composicións xenan, si, coma intuitivamente... E iso, claro, prodúceche unha enorme satisfacción".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
HECTOR SANTOS-DÍEZ

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_