_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Herminio Barreiro ou cando recordar doe

Manuel Rivas

O mestre preguntou: "Ponme un exemplo de animal invertebrado".

E o neno, con seseo de Sisán, e o estómago baleiro, respondeu: "O chouriso!".

De cando en vez, ao ler Recordar doe, tamén hai que facer unha parada para rir. Que título potente e fermoso ese de Recordar doe co que Herminio Barreiro nos presenta as súas lembranzas escolares e universitarias! Non son memorias nostálxicas, tipo saudade pola infancia como larpeirada perdida. Son punzantes. A lembranza aquí é insubmisa. Non se anda con andrómenas.

As memorias de Herminio Barreiro están a piques de saír publicadas. Debe andar xa o libro petando nas librarías. O papel a bramar. Esa, bramar, lembra o Herminio, era a palabra da que máis gustaba Reimundo Patiño. Un dos protagonistas de Recordar doe. A memoria é dor cando está escrita dende a xenerosidade, para escoitar de novo "os outros". Oímos, vemos a Reimundo. O seu bramar. Tiña todas as vangardas na cabeza, conectadas á señardade do puño. Mesmo a súa fasquía, o físico de Reimundo, era vangardista. Era moi galego, galego dos eidos do río de Monelos, un dos catro ríos ártabros, hoxe desaparecido. O rumor a bramar polo underground. Un río desaparecido, manda carallo! Reimundo, si, da estirpe do ateneo libertario O Resplandor no Abismo, témolo aí de novo, traído por Herminio.

No mester de lembrar, Herminio é moi pedagóxico: apaixonado, duro, elegante, preciso, entusiasta

Recordar doe. Reimundo a bramar. Reimundo a rir. Era moi galego, si: a súa etnia era a vangarda.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O muiñar artivista do grupo Brais Pinto, a factoría cultural galega que operou no Madrid dacabalo dos anos cincuenta e sesenta, ocupa unha parte senlleira nestas memorias. Herminio formou parte dese viveiro. Reconstrúe a súa topografía. Aquel Madrid onde un fato de mozos galegos degoran e mesturan o cinema neorrealismo italiano, o nouveau roman, o pop-art, o Kafka e máis o Che. Os lugares de Brais Pinto non eran os predios de Andy Warhol, mais eran os lugares de Brais Pinto. Entre eles, o café dos Mariscos e o ático chamado A estraña prisión de Junlái. Alí habitará, entre outros, un trío fascinante, irrepetíbel: Reimundo, Ferrín e Uxío Novoneyra.

Herminio Barreiro, no mester de lembrar, é moi pedagóxico. Ou sexa, apaixonado, duro, elegante, preciso, entusiasta. Non é mármore. É árbore. Cómpre dicir que as Ciencias da Educación en Galicia, tanto no eido da investigación como na orientación e no desenvolvemento da "pedagoxía activa", tiveron e teñen neste profesor, incorporado dende a diáspora á universidade de Santiago, a un retallo de Makárenko, o da experiencia Gorki, o mítico autor do Poema pedágoxico. Ou un anovo da Institución. Falas a secas de Institución e o primeiro que pensan algúns é na penitenciaría. Falar con Herminio da Institución só pode ser falar da Institución Libre da Enseñanza, o mellor agromo pedagóxico da historia de España.

Recordar doe. Como non vai doer!

Existe unha memoria persoal e, dalgún xeito, unha memoria colectiva. Herminio Barreiro sintoniza unha coa outra, como gran parte das noites da súa vida sintonizaba as emisoras prohibidas. O libro está inzado de caracteres e de fíos curiosos, como esa secreta paixón radiofónica, que tivo como berce a vella radio Philco de once lámpadas, traída polos tíos de América e que escoitaba na casa dos avós en Dorrón (Sanxenxo), onde naceu en l937. O son das radios clandestinas, ou ese rumor misterioso das ondas curtas na noite, como banda sonora da vida de Herminio Barreiro. Radio Paris, A Pirenaica (na que colaborou), Radio Habana (na que ganou un premio literario, nos comezos da revolución), Radio Moscova (os programas científicos)...

Mais estabamos a falar doutro fío. A conexión que restablece Herminio Barreiro co espírito e co labor da Institución Libre do Ensino. Asume como propia esa memoria. Eis a madeira do pedagogo. O seu eu non é unha buxaina a virar arredor de si. Moitos dos capítulos son subministracións de información esencial. Ler a Herminio é tamén oír unha radio que nos ofrece a "lección das cousas". Para a reacción española, a Institución Libre do Ensino, fundada por Giner de los Ríos, era o epicentro dos infernos, alí onde tiña o despacho o mesmísimo Lucifer.

A Institución foi un dos primeiros obxectivos a perseguir e destruír. A ilustración, esa a nai de todos os demos. A primeira inimiga. O 20 de maio de 1939, xusto despois de proclamada a vitoria, hai unha alocución de Franco na que define a tarefa inesgotábel: "Desterrar hasta los últimos vestigios del fatal espíritu de la Enciclopedia". O recordo doe porque sente a dor da amputación. Hai moitas "leccións de cousas" no libro de Herminio, pero esas memorias teñen xa valor de seu pola reivindicación dos proxectos reformadores da Institución, que de levarse adiante terían feito da sociedade española un referente no orbe.

Pódese dicir que Herminio Barreiro naceu nunha escola. Os seus pais eran mestres. Son mestres. Os mestres nunca pechan a cancela e eles están vivos. A nai Concha, con 98 anos, e o pai, Herminio, camiño dos 101. Este seu pai andou fuxido cando o golpe fascista precisamente por ser un mestre do espírito da Institución Libre. Era un mozo entusiasta que tomou posesión da escola en Bordel, ao pé de Carral, en 1931. Alí estivo até 1935. A Herminio Barreiro Calvete aínda o lembran en Bordel! Os netos dos seus alumnos saben del. Permaneceu na memoria popular como unha "faísca de esperanza" que un día chegou ao lugar. Despois do 36, andou fuxido. Foi encarcerado. Chegou a estar no corredor da morte, pois despois de presentar recurso, en lugar de reducirlle a pena, puxéronlle a máxima. Lembrade a alocución do Xefe. Herminio Barreiro Calvete era unha Enciclopedia de carne e óso. E había que exterminar o espírito da Enciclopedia.

O neno Herminio foi ver un día seu pai no cárcere. Ocorreu algo estraño. Os gardas estaban de boas e deixárono estar. Marchou no anoitecer. Os presos déronlle de agasallo unha gatiña que o acompañou moitos anos. Así que Herminio estivo xa no cárcere de neno. Mais a primeira lembranza é a de ir coa nai cara o destino dunha escola, en 1940, en Terra de Montes, despois de ser represaliada. Estamos en outubro de 1940. O neno ten tres anos. Escribe, recorda: "Melide! Alá cheguei, coma nun soño, unha noite de choiva, vento e tronos. Unha desas noites negras e case infindas do noso inverno. Un pouco andando, outro pouco no colo da miña nai, pero, sobre todo, nos ombreiros dalgún fornido veciño da aldea que nos viñera agardar a Cerdedo para indicarnos o camiño. Un camiño sen luces, tenebroso e neboento, portando os nosos acompañantes aqueles farois de aceite que iluminaban como pequenos fachos da santa compaña os camiños e as corredoiras da nosa terra..."

A vida ten vocación de conto. A memoria farase máis e máis insubmisa. Doe. Fai ben.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_