_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Imaxes dos homes de pedra

Emilio Araúxo e o poeta francés Claude Royet fotografan esculturas de pastores construídas no monte

Son homes de pedra, estantes, muradellas, amanzóns. Amoreamentos con aires de tótem e aura pagana pero de construción recente. Coas imaxes fotográficas que Emilio Araúxo lles extraeu ao longo de 20 anos e os textos do poeta francés Claude Royet-Journod, un libro recolle as esculturas dos pastores da Serra de Queixa e o Val de Conso. "Son a nosa cara de pedra", expón Araúxo (Coles, 1946), "veñen de lonxe e son siluetas de voz queimada". Para o volume, que en setembro aparecerá baixo o selo editorial Toxosoutos, o propio fotógrafo escolleu un longo e explicativo título, disposto tipograficamente en vertical: Estantes, amanzois, muradellas, homes de pedra e outros dos máis tempos nomes perdidos de Queixa e do Val de Conso aumentados con algunhas frases de Claude Royet-Jounord tiradas da nosa correspondencia.

"Os máis deles non llos viron empezar a ninguén", explica o fotógrafo
Para o poeta francés Claude Royet, trátase de pedras como "enigmáticos tótems"

As peculiares construcións proceden do labor comunal dos coidadores de gando. Das súas mans medraron estes monolitos anónimos -"os máis deles non llos viron empezar a ninguén", explica Araúxo, "outros teñen uns 50 anos"- que puntúan os cordais ourensáns. Pero non só. Estes acenos de pedra tamén agroman na Serra da Estrela ou na Serra Amarela, de Portugal, en Francia, Alemaña, Irlanda ou en Canadá, Groenlandia, Mongolia ou o Xapón.

"Estas pedras chairas que se erguen como enigmáticos tótems", arrinca o seu escrito Claude Royet-Jounord (Lyon, 1941), "ou mesmo pregarias, libros amoreados para unha lectura futura e improbábel". O francés, traducido ao galego e editado por Araúxo en Amastra-n-gallar, elabora unha prosa que asexa o inestábel sentido dos estantes de pedra dunha perspectiva poética, fundada en Mallarmé: "Espetadas na terra e erguéndose como unha arma, láminas de pedra forman unha moi estraña procesión nese lugar devastado".

Da admiración de Emilio Araúxo por Uxío Novoneyra emerxeron as conversas de Dos soños teimosos. E neste rexistro dos homes de pedra ecoa o materialismo toponímico dos poemas d'Os Eidos: "No libro [70 fotos] espellan o amanzón do Lombo de Aceal, do Tombeiro do Cágado, as muradellas da Cagalla, o home de pedra do Corgo do Cabalo, as Aguilladas...". Son outros rastros para o labor do escritor Araúxo: testemuñar a desparición da vida rural.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_