_
_
_
_
_
Entrevista:LUÍS GARCÍA MAÑÁ | Escritor e xefe da policía de Galicia | Luces

"Interésame máis a novela humana que a negra"

No seu lugar de traballo, entre as placas e distincións propias do cargo e algúns obxectos característicos da profesión, hai retratos dedicados de Francisco Fernández del Riego, Domingo García-Sabell e da poeta María do Carmo Kruckemberg. Tamén, en lugar preferente, unha segunda edición de Aires da miña terra (Curros Enríquez) e, na mesa auxiliar, unha publicación francesa do século XIX sobre crimes famosos. É o despacho do xefe superior de policía de Galicia, dos poucos da comisaría que dá ao porto coruñés que a estas horas da noite está ocupado. Luís García Mañá (Ourense, 1950) remata unha xornada (que comezou hai catorce horas en Vigo, coa coordinación de 2.000 axentes de policía que velaron pola seguridade do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea e seguiu pola tarde na Coruña cos preparativos dos 4.500 efectivos previstos para a visita do Papa en novembro) falando da novela que acaba de publicar, O grito de Ipiranga (Edicións Xerais). A súa cuarta obra de ficción e a que pecha - "en principio, e se non me forzan moito"- a triloxía de Nemesio Castro, un predetective galego de mediados do século XIX.

"As miñas novelas teñen un 70% de investigación e un 30% de trama"
"Xa o dixen antes e moitas veces: o galego témolo que defender nós"

Pregunta. Por que un investigador do século XIX?

Resposta. A ollada retrospectiva é moito máis interesante que a do presente, que aínda se está a construír. E porque foi un século fascinante, no que se desenvolveu o preromanticismo, o romanticismo, o prerrealismo, o realismo e o modernismo. Unha etapa na que conviviron o Antigo Réxime e as ideas progresistas. E o ser humano era máis importante que a máquina. A primeira novela, O lume de Santo Antón [Xerais, 1997] está baseada en feitos reais, a intoxicación polo cornecho do centeo que houbo entre 1854 e 1856, e reflicte as pugnas que había entre o poder relixioso e o civil, a resistencia dos estamentos do vello réxime á perda de privilexios. A segunda, Menino morreu [Xerais, 2003] serviume para reflectir a realidade do Couto Mixto, esa pequena república que houbo entre Galicia e Portugal, e reivindicala.

P. E como se lle apareceu o personaxe de Nemesio Castro? Hai nel algo de Luís García Mañá?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. Eu non quería que fose un policía, senón que fose un home corrente pero cunha certa capacidade de perspicacia e valentía. Sempre hai algo do autor nunha novela, aínda que eu, de beber e de mulleres, nada. Posiblemente estean as ideas, e a aposta polo sentido común e a intuición como as mellores armas de investigación. Iso tan galego de ver un pouco máis aló, de analizar o que pode pasar.

P. E por que un investigador anda a cabalo de Galicia e do Brasil?

R. Porque é un escenario moi rico desa loita entre o vello e o novo, no que convivían os estertores da escravitude a as primeiras inquedanzas ecoloxistas. E porque Portugal e Brasil foron, para os galegos do sur, unha saída para mellorar. Emigraban a Portugal porque lles era un territorio lingüístico veciño e porque era a porta para o novo mundo que era Brasil.

P. Refírome a que O grito de Ipiranga, como as dúas anteriores, máis que unha novela policíaca, é unha novela de aventuras, que transcorre en Brasil, en Malta, en Lisboa, cun transfondo de intriga política... Moitos dirían que é unha mágoa non aproveitar todo o seu coñecemento profesional e da condición humana para escribir novelas dun xénero de moda.

R. Pode chegar o día, pero neste momento, polas miñas responsabilidades, non quero que ninguén se vexa reflectido nun relato, nin que nada do que eu faga poda dar pé a reproche ningún de que aproveito feitos ou situacións que coñezo polo meu traballo para a miña obra literaria, igual que tampouco me quita tempo. O tempo de escribir non llo quito ao traballo, quítollo ao lecer, aproveitando as noites, e poñéndome unha disciplina espartana nas vacacións.

P. Tampouco é lector de novela negra?

R. Son lector de Historia, de ficción non demasiado. Interésame máis a novela humana, a que fala do comportamento da xente, que a negra.

P. Como lle deu por escribir?

R. A miña nai, que ten 95 anos, tivo sempre unha grande capacidade de fabular, era moi conteira, e transmitiunos aos fillos a tradición oral e o que sabía dos seus escasos estudos pero moitas lecturas. De rapaz gañei algúns premios escolares, pero tamén me tiraban o debuxo e a bioloxía, aínda que acabei facendo dereito. Logo escribín algúns contos, xa a maioría en galego, pero empecei por un traballo de investigación, De los corregidores a los gobernadores civiles de Ourense, en 1986, e de aí arrincou o vicio.

P. Algunha vez dixo que lle era máis doado o ensaio que a ficción.

R. O ensaio gústame porque ten que ver coa miña profesión. É pescudar, ordenar os datos. Eu documento moito as miñas novelas, que quizais teñan un 70% de investigación e un 30% de trama.

P. E o de escribir non lle trouxo críticas no ámbito profesional, e ao revés, ser policía algunha reticencia no mundo cultural? Non ten ás veces a impresión de ser o monstro das dúas cabezas?

R. Non penso renunciar a ningunha. Fixen unha carreira profesional aceptable, deume a oportunidade de coñecer o mundo, o mellor e o máis ruín. A xente ten que ser poliédrica, non pode renunciar a todo o que o mundo ofrece. Quizais de máis novo tiven certo reparo de estar fóra do cliché, pero a mellor arma que temos, a que suscita máis seguridade e confianza da xente, é a palabra. As armas e as defensas son secundarias. Ademais agora este é un corpo plural, que admite calquera heterodoxia.

P. E que pasou por escribir en galego?

R. Incomprensión algunha vez si que houbo, non é raro que algunhas persoas me cualifiquen polo feito de defender a miña cultura. De feito téñenme posto algunha etiqueta pola miña militancia galeguista, pero a manifestación máis importante da cultura da nosa terra é a palabra, e é parte do que me ensinaron de neno, e coido que o noso témolo que defender nós. Sen renunciar a nada e a ningún idioma, no fondo de todo o que fago está o galego.

P. De todas formas, esa dobre condición de escritor e alto cargo institucional ten os seus inconvenientes, pero tamén as súas vantaxes. Na presentación d' O grito de Ipiranga na Fundación Barrié estaban na mesa, a maiores do editor, Manuel Bragado, o reitor da Universidade, José María Barja, o secretario da Real Academia, Xosé Luis Axeitos, e abaixo concentrábase o todo Coruña.

R. Imaxino que houbo xente que foi por compromiso, cousa que lles agradezo moito, porque ese día había moitos actos importantes, pero tamén había xente do común, coñecidos de toda Galicia, os amigos da fin de semana. O simple feito de que alguén teña o detalle de perder cinco minutos nun tema meu merece o meu recoñecemento máis fondo.

P. E o seu cargo permítelle pronunciarse sobre a actual polémica política arredor do idioma galego?

R. Xa o dixen antes, e téñoo dito moitas outras veces. A Galicia e ao galego témolo que defender nós.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_