_
_
_
_
_
Entrevista:ANXOS SUMAI | Escritora | Luces

"Interésame poñer en evidencia as clasificacións sociais tradicionais"

Para Anxos Sumai (Catoira, 1960), "na literatura galega hai o mesmo refugallo e a mesma marabilla que nas literaturas portuguesa, castelá ou catalá". A escritora non evita desdramatizar algunhas opinións emitidas nos últimos tempos: "E tamén hai os mesmos problemas, promociónase moito unha obra mediocre e hai xoias literarias que pasan desapercibidas; problemas que se comparten con outros sistemas, non son exclusivos".

Cun medo confeso pola "parte pública" da súa dedicación á literatura, Sumai concibe a escrita como liberación persoal. Logo de publicar os híbridos Anxos de garda (2003) e Melodía de días usados (2005), nos que cruza realidade, ficción, prosa poética e narración, a editorial Galaxia vén de poñer na rúa a súa primeira novela Así nacen as baleas, premio Repsol-YPF de narrativa curta. Así nacen... enfróntase á concepción convencional da "familia monógama" como centro das sociedades ocidentais a través dunha galería de personaxes externos á normalidade. Durante o primeiro trimestre de 2008 aparecerá Perigosa normalidade, unha escolma das súas colaboracións xornalísticas para a Radio Galega e o portal web Culturagalega.org.

"Non penso que as palabras poidan cambiar o mundo, é pretencioso"
"Creo na liberación individual, non nos grandes discursos para as masas "
"Unha novela dunha escritora de Benín cóntame a vida na miña aldea"

Pregunta. Por que decidiu atacar a idea normal de familia?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Resposta. Hai dous anos que comecei a interesarme por analizar a familia monógama e tentar destripala un pouco. Porque non comparto esa idea de que a familia sexa a forma perfecta de relación para que a sociedade funcione: detrás hai cousas terroríficas, situacións de infelicidade, de maltrato. O que pretendín neste libro foi amosar a outra face da familia, o aspecto violento, e as diferentes posibilidades de fuxida que existen.

P. Escribiu Así nacen as baleas con vontade de intervención sobre o real?

R. Xa non creo en que as palabras poidan cambiar o mundo, paréceme demasiado pretencioso. E a miña intención ao escribir o libro tampouco foi cambiar nin criticar nada. Soamente quero amosar, facer o traballo de fotógrafo. Porque, como antes que escritora son lectora, considero que todos os lectores son xente intelixente que teñen a capacidade de chegar ás súas propias conclusións. Eu expoño e que cada lector, co seu punto de vista, tire as súas propias conclusións. Amais, iso é o bonito da literatura, a relación entre escritor e lector.

P. Un libro que abandona ao seu autor e faise propiedade do lector.

R. E que eu realmente abandono o libro unha vez que está escrito. Nunca releo os meus libros. Xa están fóra e pasan a outras mans, a outro proceso creativo como é a lectura.

P. Non existe o risco de caer no sensacionalismo á hora de narrar acontecementos e escenas tan duras como as deste libro?

R. Pero eu non quero amosar o violento con toda a evidencia, non quero ser pornográfica. As palabras sérvenme para transformar unha escena terribelmente desagradábel nalgo fermoso. O doado sería escribir a violencia dende a linguaxe descarnada, mais o que me interesa é ese proceso de transformación a través das palabras.

P. As baleas do título remiten ao poemario de Luísa Castro [Baleas e baleas, de 1986], como unha declaración de independencia?

R. Encántame a poesía de Luísa Castro, pero ese libro aínda non o lin. A metáfora da baleas naceu do proceso de evolución dun personaxe, Ramón [discapacitado mental], que interpretaba pasar horas na bañeira como unha salvación persoal no ambiente familiar opresivo. E aínda que a imaxe procede de min como escritora, non sei de onde xorde. Paul Auster dicía nunha entrevista, que me gustou moito, que lle nacían as historias nalgún punto do cerebro, pero que el non se preocupaba de facer unha psicanálise para coñecer a súa procedencia. Iso si, durante moitos meses acompañei a escrita coas voces das baleas que atopei en Internet.

P. A novela, a través dos seus personaxes, presta atención a grupos sociais ou relacións interpersoais non hexemónicos.

R. Eu observo moito e quero mostrar esas outras formas de vida que existen. Na miña literatura nunca aparecen heroes e, por outra banda, procuro e interésame poñer en evidencia as clasificacións sociais tradicionais, as estruturas pechadas de parentesco e mesmo as imposicións de identidade sexual. Os personaxes de Así nacen... axúdanme a iso.

P. Os seus personaxes chegan a adquirir vida propia?

R. Eu déixolles moita liberdade aos personaxes, para que vaian medrando, pero non os teño descontrolados [risos]. Con todo, é bonita esa sensación de que comezan a tomar vida pola súa conta, comezan a sorprender... Aínda que detrás vou estar eu, a miña experiencia na vida, malia a que esta novela non sexa en absoluto autobiográfica.

P. É posíbel esa liberación persoal que procura Así nacen... sen unha liberación colectiva?

R. Eu creo nesa liberación individual, non nos grandes discursos de liberación das masas. Pero considero que dende un cambio de mentalidade individual pódense provocar cambios na mentalidade da sociedade. E así actúan na novela, cada un toma a súa decisión e deixa á marxe todo o demais.

P. Os seus libros anteriores practican un xénero pouco frecuentado na literatura galega, o diario.

R. A min tamén me sorprende, porque nunca escribín diarios nin fun lectora de diarios. Foi unha decisión, a do xénero, que tomei xunta o produtor de Culturagalega.org [onde se publicaron parte dos textos recollidos en Anxos de garda e Melodía de días usados], Santi Montes. Mais asumino axiña, porque se trata dun xénero flexíbel que me permite facer opinión e literatura a un tempo, ou meter o poema dun autor que me interesa. Ademais, de súpeto o diario permitíame xogar cun tema que me apaixona literariamente, os límites entre a ficción e a realidade, o que chamo ficción autobiográfico.

P. Tampouco deixa nidia a liña entre prosa e poesía.

R. Non creo nas convencións xenéricas da literatura e leo moita poesía. E, porén, aínda que xero recursos poéticos e utilízoos na narración, sería incapaz de escribir un poema. Ou, se o escribise, sería un poema narrativo [ri].

P. Considera a existencia unha especifidade feminina ou masculina na escrita?

R. Respecto ás autoras ou autores que utilizan esa marca feminista ou feminina, pero a medida que entremos máis mulleres na literatura tamén se irán espallando os xeitos de narrar, os temas serán distintos... Agora leo literatura africana de muller e, por exemplo, nunha novela de Agnès Agboton, que naceu en 1960, coma min, e que transcorre no seu país, Benín, cóntanme a miña vida na aldea. Se atopo esa semellanza cunha muller africana, tamén a vou atopar cunha muller de aquí. É máis lóxico que unha muller escriba sobre un cancro de ovarios que sobre un cancro de próstata. Aínda que despois as propostas literarias sexan totalmente distintas e eu síntame máis cercana a Xesús Constenla ou a outros escritores.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_