_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Inxustos con Rodríguez

Manuel Rivas

Coa pretensión de ridiculizar as opinións do deputado Rodríguez, un anónimo lector do Correo Gallego ironiza cos potenciais contidos galegos da chamada Cidade da Cultura e propón, a modo de exemplo, meter alí a gaita de Carlos Núñez e os rizos de Manuel Rivas. Lamento provocar unha decepción patriótica mais as miñas guedellas reviritadas xa non poden ir para o monte Gaiás, que as comprometín co Museo de Vestixios Insólitos, onde gardan, entre outras cualificadas reliquias, a ferradura do zapato de Kruschev, o Baculum Diaboli, a Cadeira Esquizoide, o Capirote Autorreflectante e o vello da pube da Olimpia de Manet. Chamaron primeiro, que lle vou facer! Os de fóra sempre te valoran primeiro e aló foron os rizos. Agora co cabelo pásame o que a Onetti cos dentes. Unha entrevistadora ficou absorta coa boca do escritor, coas monumentais faltas dentarias, como quen mira as vellas antas nunha paisaxe arqueolóxica. Onetti decatouse e dixo: "Antes tiña unha dentadura macanuda, perfecta, do trinque, mais regaleilla a Mario Vargas Llosa".

"O que hai que debater verbo do Gaiás non é que meter senón que sacar"

Meter cousas na Cidade da Cultura é doado. Todo o mundo anda a meter cousas alí. Estar está baleira, mais a cidade semella ateigada de ideas fantasma como de toallas os foxos de Valença do Minho os días de feira. Todo é carrexar ideas para Gaiás. Vas pola autoestrada e notas pasar veloces vehículos inmateriais. Unha espelida Santa Compaña. Son as ideas que van para Gaiás!

Hai xente que pensa que as ideas non ocupan lugar, mais depende. Hai ideas parasi. Ideas que se instalan e despois non hai quen as bote. Se cadra ven unha chea de ideas mellores, pero xa a idea primeira apoltronou, xa ocupou o lugar coas súas ideíñas, xa contratou unha idea de seguridade e así as outras ideas, por moi boas que sexan, non poden entrar,

O curioso é que unha das críticas que máis se repite é a de que non se sabe que meter en Gaiás. Velaí o Gran Paradoxo. O Tremendo Oxímoron. Como non se vai saber o que meter se está metido todo? Dise que é un contedor sen contido. Sen contido? Pero se semella, en escala xigantesca, aquela maleta de Charlot que tanto a encheu que quedaron por fóra mangas e pernas e tivo que ir recortando coas tesoiras. Polo que levo lido, en Gaiás non é que non se saiba o que vai ir senón que vai ir todo. Cando digo todo, digo Todo. Dende a mesa redonda de Ramón Piñeiro ao guindastre de Astano. Arquivos, bibliotecas, hemerotecas, fonotecas, espazos de arte, museos sincrónicos e diacrónicos, auditorios, etcétera, etcétera. Esas ideas propiamente culturais xa están alí, collendo sitio. Mais tamén hai unha morea incalculábel de ocorrencias, xenialidades e brincadeiras.

O primeiro espazo do futuro Gaiás debería ser unha sala onde se exhibira todo o que se escribiu e se opinou de Gaiás dende a súa xénese. Todas as metamorfoses, os silencios, os orzamentos. Esa sala podería ter o aspecto de cova platónica e cun apartado con todas as propostas que se deron nos diferentes foros, dende unha granxa de morcegos e vampiros a unha suite apostólica para Sarkozy e Carla Bruni. Queixámonos dos custes, si, mais como calcular o que Gaiás ten dado de si como tema de conversación? O entertenaiment, a industria da rexouba, quen paga iso? Ti entras en calquera taberna, en calquera perruquería, en calquera ultramarinos, en calquera obradoiro mecánico, e de que está a falar a xente? Pois de cultura. Mais en concreto, da Cidade da Cultura. Hai algún outro país no mundo onde se entras nunha tasca a xente está a debater na barra a diferenza entre o MOMA e a Tate Modern? E en qué lugar do planeta son máis coñecidos os arquitectos que os futbolistas? Aquí a xente no autobús xa non fala do Celta ou do Deportivo, senón de Einsmann, Gehry, Nouvel ou Niemeyer. Mágoa que se perderan tantos anos polo silencio imposto. Agora mesmo estaríamos todos subscritos a Architecturel Record.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Así que o hai que debater verbo do Gaiás non é que meter senón que sacar. É dicir. Xa temos de todo e de nada. Unha mestura de feirón e pandemonio. Un Titanic en terra. Hai que baleiralo o máis posíbel das ideas parasitarias, convencionais, antes de desatar as forzas do Absurdo. Cómpre deixar en limpo Gaiás para pensalo coa máxima ambición intelectual. O primeiro, desfacerse do lastre da denominación de Cidade da Cultura, tan do corte de Mussolini. E pensar Gaiás como o lugar onde pouse Gaia. Gaiás-Gaia. Como diría Torga, o local universal. O lugar da deusa terra no tempo da sociedade de risco. O lugar onde teñan expresión creativa todas as crises, a comezar pola da biodiversidade. Por exemplo, se falamos de son, por que non pensar nun rexistro das seis mil linguas que aínda fala a humanidade. E así no cine, na música, nas artes. Que en Gaiás se faga coñecido o descoñecido.

O caso é que eu non quería falar de Gaiás, senón do deputado Rodríguez. De Paco Rodríguez. O anónimo crítico metíase con el polo seu enfoque do caso Cidade da Cultura. Dicíalle con sorna esgallada que como atracción no Gaiás podía montar un grupo de danza con Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras. A verdade é que o que manifestou Paco Rodríguez é moi razoábel. O que sexa Gaiás ten que ser pensado dende Galicia. O mellor galeguismo (nacionalismo, dirá Paco Rodríguez) non deixa de ser expresión dun principio elemental do humanismo: o mundo pode ser pensado dende Galicia. E facelo dun xeito orixinal, anovador. Un espazo cultural verdadeiramente non se pode concibir como simple pista de aterraxe, senón como unha referencia antes non existente. Mesmo Galicia parece situada no mapamundi non para ficar como recanto provinciano senón como un lugar de encontro e fecundacións culturais. Por qué non soñala así?

Cambiou máis o nacionalismo que os seus detractores

O nacionalismo galego terá cousas importantes que revisar, sen dúbida. Mais tamén moitos deben revisar o trato que se lle dá ao nacionalismo galego e os seus representantes. Cambiou máis, a mellor, o nacionalismo galego que os seus detractores. Paco Rodríguez é un magnífico exemplo. Cantos deputados galegos en Madrid poden presentar un balance semellante non a prol do partido senón da comunidade? Fixo un traballo que hoxe se demostra como moi eficaz, e expresouse con firmeza, porque é un tipo duro de roer, mais tamén con decoro. Sen renegar dos seus principios, soubo negociar sen sectarismos. O mesmo podemos dicir do traballo como eurodeputado de Camilo Nogueira, antes de perder de xeito tan inxusto un escano que outros manteñen só por figurar na lista pechada dunha escudaría política. E que dicir da experiencia de Xosé Manuel Beiras? Segue aí, pelexando, escribindo, coa enerxía creativa de quen se bate no piano cunha complicada partitura.

É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_