_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Irgendwo an irgendwo, nalgures dalgures

Manuel Rivas

- O PATIO DO RECREO. Verbo da cultura en Galicia está de moda o falar de "industria cultural" e de "proxección exterior". Escritores, e creadores en xeral, abordan iso con moita frecuencia. Pregúntannos e responden o mellor que saben. Mais hai algo de patético, de impotencia, nese mester de convencer da importancia do tal patrimonio, da tal industria e da devandita proxección. Un Club Financeiro, ancorado na preguiza do pensamento único, proclama en Galicia que a lingua galega é un lastre e non un valor engadido. Para eles semella que é industria do lixo e non de semente. Na Comisión do Parlamento que debería entender destes asuntos levan meses dando voltas arredor dunha nora nominalista. Todo o país convive coa sinonimia. Galicia está habitado por Galizas e Galiza por Galicias. E conviven, traballan. Funcionan. A Comisión de Cultura de Galicia/Galiza, non. Un deputado autor da coñecida peza de son El mojito infinito, o letrista señor López-Chaves, intenta que cada xuntanza do órgano representativo remate en escándalo. Algo que non se permitiría nun ámbito que tratase, por exemplo, da crise económica, de sanidade ou da infraestrutura do AVE. Que é para eles a cultura? O patio do recreo!

Eu o único que digo é que 'O natural é político' non hai que barullalo: hai que pasalo de man en man

- VIÑOS E LINGUAS. Tócache falar da bondade da diversidade lingüística ante un auditorio que escoita con condescendencia, mais con distancia prismática e fría, conectado a un secular iPod, cando falas do gozo do padal coas palabras. De súpeto, reaccionan con interese, co aceno intenso de experimentados catadores, de sublimes sumillers, cando apelas como metáfora ao mapa dos viños.

- BEIXAR POLO ESCURO. Se hai unha tradición forte en Galicia é a da vangarda transgresora. Cultivala é o mellor xeito non só de re-existir, senón tamén de acadar esa proxección da que tanto se fala. As guías de turismo son necesarias, Pessoa fixo unha para gañar uns pesos, mais non se lle pida ao escritor que faga novelas turísticas nin ao pintor que confunda pintura con decoración. Os seus roteiros pertencen a outro territorio. Cando escribiu as súas cantigas de amor e mar, fundindo corpo, linguaxe e natureza, Martín Códax estaba a facer vangarda. E vangarda de voz-mar fixo Mendinho co seu poema sáfico da illa-corpo de San Simón. E vangarda de sátira corpo-gráfica, de humor gramático sexual facía o Joan García de Guilhade. Hai xente que leva por estandarte cultural "o volver ás raíces". Eu gusto moito desa expresión. Mais hai moitos xeitos de volver. E moitas raíces. Gran parte do que chamamos neotrobadorismo, sendo froita doce para o seu tempo, apoiou de máis no esteticismo. Recomendo unha voltapolos ensaios de Carlos Paulo Martínez Pereiro, a comezar por As mulleres partidas (sobre a equívoca posesión na sátira medieval), para chegar a Joan García e outros colegas do rap e o hip hop medieval. Grombowitz dicía que unha peza literaria tiña de ser "un ovo duro". Velaí un dos ovos máis duros da literatura galega:

Don Beeito, home duro,

foi beijar pelo obscuro

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

a ma senhor.

Come home aventurado,

foi beijar pelo furado

a ma senhor.

Vedes que gran desventura:

beijou pela fendedura

a ma senhor!

Vedes que moi grand' achaco:

foi beijar polo buraco

a ma senhor!

É un un deses grandes poemas-cantiga que fala do que fala, mais tamén do que non fala. "Beixar polo escuro, beixar pola fendedura". Que mellor manifesto para a boca da literatura?

- SKYLINE. Pola boca da literatura fala Skyline. Había tempo que non me puña tan en vilo un libro de poemas. Unha desas sorpresas nas que prendes. Non é, dende logo, a primeira obra ben choída que escribe Ursula Heinze, nacida en Colonia, Alemaña, e tradutora ao galego e ao castelán de autores como Heinrich Böll ou Günter Grass. Mais para min este libro que ela escribiu en galego, e que Espiral Maior publica en versión bilingüe galego-alemana, é a súa obra poética máis potente. E un dos libros que naceu para ficar e medrar. Poemas escritos con brétema e noite na cortiza do corpo. Nun tempo feito de vento. Diante e detrás das sombras. En que lugar? Irgendwo an irgendwo. Nalgures dalgures.

- A BOCA DO EXILIO. "Eu vin unha desas cousas que se supón que os nenos non deben ver". Non é a primeira frase, podía selo, mais está no comezo de Memorias de cidades sen luz. Un comezo duro, perturbador, nos que o protagonista, esa voz única na novela, sabe que se está a xogar a propia existencia, non como dilema metafísico, senón como ser vivo. Iso ocorre na Coruña. O neno que viu o que non debía ver vai converter o seu corpo nun texto de aventura, cunha vida apaixonante, con intermitencias de escuridade que o devolven a ese intre en que viu o que non debía ver. Premio Blanco Amor do ano 2007, que agora publica Galaxia, con Memorias de cidades sen luz, Inma López Silva arquitectou unha novela impécabel, na que aparecen personaxes reais como a parella do editor Ánxel Casal e a mestra costureira María Miramontes. Xa sabemos que a impresora Minerva de Casal, decisiva para a Xeración Nós, movíase pola enerxía da máquina de coser de María.

- DESCULPEN AS MOLESTIAS MAIS ISTO É UNHA REVOLUCIÓN. Estar de acordo non é razón dabondo para subliñar unha obra nin para recomendala, se vén do forno como vén, e con lume de uz, O natural é político, o último ensaio de Teresa Moure. Que a obra é valente. Pois tampouco abonda. Que é desmitificadora e moi crítica co medioambientalismo esluído. Vale. Que a súa visión non é tampouco a dun ecoloxismo purista, que renegue do político, senón a formulación dunha "ecoloxía profunda", que entrelace e artelle os movementos alternativos non para maquillar de verde a política senón para unha reforma radical do xeito de vida. Magnífico. Tampouco vou loar O natural é político por casar ética e estética. Non. Nin reclamar a atención sobre este libro porque estea escrito con eficacia, que é un dos xeitos de manifestarse a beleza. Non. Tampouco porque sexa un libro que o sentes cando o pensas e o pensas sentindo. Non. Non recomendo O natural é político porque sexa radical, que o é. Tan radical que responde a unha intelixencia realista: Eco (loxicamente). Eu o que o único que digo é que deste libro non hai que barullalo: hai que pasalo de man en man.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_