_
_
_
_
_
Reportaje:PRIMAVERA DE LIBROS | LUCES

Máis competentes e menos militantes

O éxito das versións galegas de autores como Auster marcan un punto de inflexión editorial

A inminente chegada da primavera anuncia novidades literarias que compensarán un chisco a enxurrada de publicacións sobre María Mariño que nos agarda, as máis delas perfectamente prescindibles e reiterativas, e que nos fan devecer por ese inédito da poeta que Alvarellos ten xa no prelo, e polas conclusións que do seu estudo tire Helena González. Esperemos que se deteña a tendencia á mixiricada que apreciamos nalgunha das achegas á autora.

O último premio Cunqueiro, Manuel Guede, recupera a figura da Bella Otero
Camilo Franco propón un exercicio de hixiene mental pouco habitual entre nós
As novidades compensarán a enxurrada de libros sobre María Mariño

As últimas endeitas literarias, máis ben pouco estimulantes, canxaban ben co ambiente da costa de xaneiro, nada proclive a eventos e saraos. O panorama veuse animado polas traduccións, como ven sendo habitual no último ano, dende que a aposta decidida de Galaxia polos autores foráneos, e a aparición da especializada Rinoceronte Editora, marcaran un punto de inflexión. Talmente tivemos nestes meses a sensación de estar sometidos a un experimento que, a xulgar polo que anuncian as editoriais para as vindeiras semanas, validou a hipótese de que o mercado editorial galego está maduro para outorgarlle un espazo relevante nel as traducións. ¿Qué mudou dende aqueles xa lonxanos 80, cando Xerais apostara con afouteza por Salinger, Wells, Buzzati e outros na colección Grandes do noso tempo, unha operación pouco afortunada dende o punto de vista comercial? Moitas cousas: temos lectores máis competentes e menos militantes, máis esixentes e menos compracentes, e temos varias promocións de profesionais da tradución, daquela inexistentes e cuxa carencia suplía o entusiasmo voluntarista de moitos.

O sucedido nestes últimos meses desminte a impresión de estatismo que ás veces ofrece o mundo do libro galego e revela que posúe axentes con intuición e capaces de arriscar, o cal non deixa de ser algo positivo nunha cultura tan conservacionista. Brooklyn follies, de Paul Auster vendeu 4.000 exemplares, que sen dúbida turrarán das vendas dunhas Viaxes no scriptorium que veñen acompañadas dunha serie de críticas que non lle benefician nada, pois califican o libro de endogámico ao lelo exclusivamente como un exercicio autorreferencial do propio Auster, que retoma personaxes e situacións de obras anteriores. Non fagan caso: é unha estupenda novela, narrada cun ritmo implacable e cunha economía de medios que se agradece logo do exceso de almibre de Brooklyn follies, e perfectamente asequible para aqueles que descoñezan o resto da súa producción. Coma Ferrín, Auster é un deses escritores que, malia o carácter macrotextual do conxunto da súa obra, consegue que cada unha delas sexa un texto excepcional e autónomo. E estas viaxes lévannos polas eternas vereas da xustiza e da inxustiza, da lexitimación ou non da violencia, dos fins que xustifican (¿xustifican?) os medios, en fin, por asuntos de radical actualidade para enfrontarnos ao remate co espello dunha vellez posible: a nosa. E falando de Auster: con el dialoga e tras as súas pegadas vai ILSa, a protagonista de New York, New York, de Inma López Silva, a cabalo entre o xogo metaliterario e o blog reconvertido en ficción (¿ou será ao revés?). Diversión asegurada, sen renunciar á vontade de estilo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O que está a suceder co Premio de Novela Europea Casino de Santiago amosa que aínda hai marxe para a imaxinación e a innovación nunla leira tan sachada como a dos certames literarios. Xa no 2005 nos deixamos engaiolar por ese conto de fadas contemporáneo que era Xuntos e máis nada de Anna Gavalda, e arestora agardamos expectantes por Kazuo Ishiguro e o seu Non me deixes nunca, que nos chegará en galego logo de facerse co galardón no 2006.

En canto á colección As literatas, de Xerais, segue a súa traxectoria ascendente en calidade. A factura dos libros, moi mellorada, segue dando a impresión de que as escritoras xogan en segunda división. Desta volta temos ocasión de achegarnos en galego a dúas autoras imprescindibles do século XX: Jean Rhys e Carson McCullers, con Ancho mar de argazo e A voda, respectivamente. ¿Que poden ter en común as obras dunha escritora dominicana asentada en Inglaterra, e unha estadounidense do sur rescatada por Nova Iorque do conservadurismo da súa Xeorxia natal? Para empezar, a singularidade das súas voces, o afán de rachar cos binarismos (raciais, sexuais, económicos...) que nos aferrollan, e a convicción de que a literatura é unha ferramenta axeitada para facelo. A partir de aí, cada unha delas pescuda no seu mundo literario, ambos igualmente exóticos para nós, e conseguen que nos recoñezamos nos medos, frustracións e incertezas dos seus personaxes.

Tamén o teatro gaña terreo na traducción. E agora que chega o tempo delas, os libros ensaríllanse como cereixas: Xerais fíxonos chegar na última endeita O que ocorreu despois de que Nora abandonara o seu home ou os piares das sociedades, unha obra na que Elfried Jellinek, premio Nobel en 2004, imaxina unha posible continuación da Casa de bonecas de Ibsen, que moito nos tardaba e que chegará nos vindeiros días ás librerías xunto co último Premio Cunqueiro, O caso Otero de Manuel Guede. Este recupera unha vez máis a figura da Bella Otero, nun texto que non precisa para nada do rebumbio que o acompañou cando se fixo público que, tras o pseudónimo de Claudia Grandal con que concursaba, estaba un escritor que fora director do Centro Dramático Galego. O caso Otero debe ser presentada como a obra dun excelente dramaturgo, e nada máis: non hai tantos neste país como para que nos podamos permitir agochalos tras falsas polémicas.

Entre os escritores galegos agardamos polos 32 dentes de Xavier López, finalista do Torrente Ballester 2006. Dragona de Xavier Queipo sabe un pouco reseso, malia o indubidable atractivo dos seus personaxes e dun alento universalista e antienxebrista moi de agradecer, igual có esforzo estilístico do autor, aínda que se vexa deslucido por certas reiteracións léxicas. Camilo Franco proponos en Palabras contadas un exercicio de hixiene mental pouco habitual entre nós, e que compensa o clasicismo narrativo de Os pecados capitais de Francisco A. Vidal, Premio Terra de Melide 2005, unha novela moi ben resolta, sen alardes pero desas que fan lectores, neste caso coa sucesión de monólogos dos personaxes que a agonía dun narcotraficante convoca arredor do seu leito de morte; por certo, que Xerais anuncia para xa o gañador do 2006, Os paxaros tamén migran ao sul de Silverio Cerradelo.

Das novidades últimas de poesía que nos achega Espiral Maior quédome coa madurez de Xavier Seoane en Para unha luz ausente, un exercicio de vitalismo que se esforza en compensar o pulo da saudade polo que sí se deixa arrastrar sen complexos Martín Veiga en Fundaxes, aínda que a densidade do seu imaxinario nos rescata dunha lectura excesivamente sentimental. Seoane resultou gañador da XIV edición do Premio Espiral Maior, aberto por vez primeira a textos en galego e portugués, e chega a nós ao tempo có finalista Livro de estimaçao de Jorge Reis-Sá. Oxalá a iniciativa deste galardón bilingüe se consolide porque eses son os camiños posibles polos que as culturas galega e portuguesa poden chegar a atoparse. Que non pase coma cos finados premios Eixo Atlántico, dos que nunca máis se soubo.

Pero, sobre todo, para combater alerxias, depresións e outros males primaverais, déixense convocar polo Shakespeare mata o porco cunha rosa de Ramón Reboiras, onde ecoan Outeiriño e aqueles provocadores Ronseltz (¡botámosvos de menos!) e onde a ironía, os xogos de palabras e a autoparodia se alían en eficacísima receita para evitar que nos tomemos demasiado en serio a nós mesmos, como individuos e como sociedade.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_