_
_
_
_
_
Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Máis futuro para o galego

O pasado mes de abril veu a lume un avance dos datos sobre coñecemento e uso do idioma recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2008. Nas presentes notas, ofreceremos unha primeira lectura deles, aínda provisoria, coa que agardamos contribuír á súa interpretación. É inevitable comparar os devanditos resultados de 2008 cos que o mesmo IGE ofreceu en 2003. Pasando por riba de moitos matices (en particular, o feito de que a poboación inmigrante se incrementou aproximadamente un 2,5%, ata supor o 12% da poboación residente en Galicia), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes 1) o descenso do galego como lingua habitual, 2) o incremento dos bilingües iniciais, 3) o aumento da presenza do galego no sistema educativo. Revisaremos estes tres puntos, antes de concluír cunhas observacións xerais.

O nacionalismo debe tomar nota: a batalla decisiva para gañar hoxe o asenso da maioría xógase no bilingüismo

- O descenso do galego como lingua habitual. O galego pasa de ser a lingua falada no día a día polo 61% da poboación (2003) ao 56% (2008), o que significa unha perda porcentual de un punto por ano (aínda que hai que ter en conta que a metade desa caída é atribuíble ao aumento da poboación inmigrante). A primeira vista, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI. Neste senso é interesante notar que, a pesar de todo, a franxa en que se rexistra unha menor caída do galego é na correspondente á mocidade: no grupo entre 15 e 29 anos pásase do 45% en 2003 ao 43% en 2008, e esta perda de dous puntos porcentuais pode atribuírse ao incremento da poboación inmigrante. Unha raiola de esperanza e unha pista para o porvir: a mocidade debe ser un obxectivo prioritario da política lingüística, e para iso o ensino é ferramenta fundamental, aínda que non única: as actividades de lecer e as novas tecnoloxías deben acompañar.

Por parte, abraia o rechamante incremento de persoas que se declaran bilingües habituais: en 2003 constituían pouco máis dun terzo do total da poboación, a partes practicamente iguais os bilingües con predominio do galego (18%) e do castelán (19%), mentres que en 2008 representan a metade do total, sumando o 27% dos bilingües con predominio do galego e o 23% do castelán. Pero, como se deduce das devanditas cifras, o bilingüismo increméntase bastante máis entre as persoas galegofalantes ca entre as castelánfalantes. Ademais, o monolingüismo en castelán mantense nunha porcentaxe por volta do 20%. Isto quere dicir que o bilingüismo en Galicia camiña maioritariamente do galego cara ao castelán, isto é, constitúe unha etapa transitoria no camiño da desgaleguización.

- O incremento do bilingüismo inicial. De regra, un aprende a falar nunha soa lingua, pero cando está en contacto desde cativo con dous idiomas no seu ambiente social máis próximo (comezando pola propia familia), é posible aprender a falar de xeito máis ou menos simultáneo nos dous. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre os datos de 2003 e 2008 é o incremento das persoas que se declaran bilingües iniciais, desde o 16% (2003) ao 23% da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos: na faixa entre 5 e 14 anos de idade, chégase a un terzo de bilingües iniciais sobre o total.

O abalar do bilingüismo inicial vén compensar en certa maneira o devalar do galego. Se sumamos as porcentaxes correspondentes ao galego como lingua inicial única coas de bilingüismo inicial, pasamos do 68% 2003 ao 70% en 2008 de falantes iniciais do idioma do país, e na franxa de idade máis nova, pasamos do 53% en 2003 ao 59% en 2008. Este dato pode ser esperanzador, sempre que os bilingües iniciais manteñan o uso do galego e non acaben tendo como lingua habitual só ou preferentemente o castelán. Neste aspecto, outra volta as políticas lingüísticas, particularmente no ensino, revélanse como un factor de crucial importancia. Precisamos, pois, medidas de fomento do bilingüismo de recuperación, orientado a facilitar e estimular que os castelanfalantes incorporen progresivamente o galego ás súas prácticas lingüísticas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

- O incremento de uso do galego como lingua vehicular no ensino. A porcentaxe de persoas que declaran ter o groso ou a maior parte da súa docencia en galego pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, un incremento moi notable. Se atendemos ao grupo de idade máis relevante, dos 5 aos 16 anos, as cifras son máis elocuentes, pois pasouse do 49% ao 71% da poboación que recibe a docencia maioritariamente en galego. Doutra banda, esta última porcentaxe sitúa en termos moi concretos o alcance do grave retroceso que suporía a aprobación do proxecto de decreto que a Xunta está tramitando, pois obrigaría a máis de dous terzos dos centros educativos a reducir substancialmente o uso do galego. Por que e en nome de que? Para satisfacer as reivindicacións de sectores minoritarios empeñados en vivir no noso país ignorando o galego, vaise obrigar a recuar á inmensa maioría dos centros, que foron avanzado sen conflitos visibles e con grande esforzo de toda a comunidade educativa, comezando polo profesorado e seguindo polo alumnado.

- O bilingüismo equitativo e a recuperación do galego. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre as dúas enquisas é o corremento da poboación cara ás opcións bilingües, no caso da lingua habitual e no da lingua inicial. Esa tendencia é merecente dunha análise demorada, pero a nosa primeira impresión é que ao menos en parte pode responder a factores actitudinais, que deberon incrementar o seu peso na medida que a cuestión da lingua gañou visibilidade pública e se viu sobrecargada de tensión política. Non semella inverosímil pensar que a partir de 2007 comezou a calar na cidadanía a percepción de que se estaba xestando un grave conflito lingüístico, e en consecuencia, a xente tendeu a preferir opcións de resposta máis conciliadoras, que subliñan a cohesión da sociedade galega arredor do bilingüismo. Os resultados de 2008 poden expresar unha reacción social non tanto contra a política lingüística do goberno PSdG/BNG, canto ao clima de crispación alimentado polo Partido Popular, por movementos como Galicia Bilingüe e por importantes medios de comunicación social.

Dito o dito, os colectivos defensores do galego, en especial do ámbito do nacionalismo, teñen que tomar nota: a batalla decisiva para gañar hoxe o asenso da maioría xógase no campo do bilingüismo. Temos que gañar a complicidade da poboación castelanfalante que maiormente sente simpatía polo galego. Ou conseguimos popularizar a noción dun bilingüismo recuperador, orientado á restitución do galego; ou senón deixaremos o campo libre para os impulsores do bilingüismo de substitución, orientado á súa supresión. En conclusión, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca políticas de protección e impulso, orientadas cara a conseguir un bilingüismo equitativo, e non políticas de deslixitimación e retroceso, en nome dun bilingüismo impostado ou dun tramposo equilibrio. Só así evitaremos que a mediados do século XXI, os nosos fillos e fillas se vexan ante a ominosa perspectiva da decadencia irreversible e da desaparición do idioma galego, o que suporía unha perda desastrosa para o país. Velaí a gravísima responsabilidade histórica que afrontan Núñez Feijoo e o PP.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_