_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Memoria de Balbino

600.000 exemplares despois, o mítico libro de Xosé Neira Vilas fai medio século da súa primeira edición - "Eu non imaxinaba o éxito", confesa o autor

Entre as tres e as catro da tarde dos días laborábeis do segundo semestre de 1960, nun café da rúa Cullen de Buenos Aires e á saída do seu traballo nunha empres importadora de madeira paraguaia, Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) redactou Memorias dun neno labrego nun caderno riscado. "Eu non ambionaba nada, non proxectaba nada, só quería escribir unha historia para os emigrantes galegos e contra a literatura chocalleira da aldea, contra o chiste", lembra na súa casa de Gres o escritor da, talvez, novela máis difundida das letras galegas.

600.000 exemplares vendidos, traducións a 14 linguas incluída unha recente ao esperanto e outra cubana en castelán cunha tiraxe de máis de cen mil unidades, 31 edicións en galego e oito en español, estudos universitarios, adaptacións teatrais -unha en maia representada, hai 25 anos, en tres estados mexicanos-, dous documentais ou un filme de ficción, dirixido por Ignacio Vilar e a piques de rematar a rodaxe, conforman, a día de hoxe, os fitos de Balbino. Pero na orixe, Neira Vilas unicamente quixo contar a historia dun rapaz campesiño. "Eu mesmo fora un neno labrego, que estaba emigrado en Buenos Aires", di, antes de repetir que a carraxe tamén foi, para el, motor da escrita. A carraxe porque a aldea non era a paisaxe, o lugar do riso, que pintaba certa literatura. "Todo era mentira, o campesiño feliz, eu quería protestar contra iso", teima.

A obra traduciuse a 14 idiomas. En castelán leva nove edicións
"Eu estaba en Cuba e non fun moi consciente do éxito". explica o autor

Aquel manuscrito convertiuse no máis exitoso título, con colofón do 5 de xaneiro de 1961 pero en realidade fóra do prelo en decembro do ano anterior, da editorial Follas Novas da capital arxentina. A casa fundárana o propio Neira Vilas coa súa dona, Anisia Miranda, para editar os seus debuts literarios: Dende lonxe e Esto es Cuba, hermano. E antes de entrar en máquinas, o libro contou con lectores excepcionais. O camareiro Evencio, do bar onde o autor redactou as andainas de Balbino, escoitou por primeira vez a prosa, aínda que de boca do autor. Era ourensán, pero non afeito a ler en galego. Tamén Anisia Miranda deu o visto bo a unhas Memorias dun neno labrego que entusiasmaron a Rafael Dieste. "Gabou o léxico do libro e retrato da vida campesiña e da psicoloxía de Balbino, cousa que para min non fora moi difícil, dado que eu fora un cativo labrego de 14 anos", recorda. Xusto despois, Seoane quixo editalo en Citania, un dos múltiples proxectos editoriais que inventou no seu longo exilio. "Pero díxenelle que non, quería sacalo na nosa editorial", explica Neira Vilas.

De 2.000 copias desa primeira prensa arxentina do libro, 300 viaxaron a Galicia por encargo de Francisco Fernández del Riego. "Tivo moi boa acollida na prensa galega da emigración, sobre todo, e ígualmente nos poucos periódicos de aquí que trataban do libro galego". A obra esgotouse e non foi até 1968 que apareceu de novo, desta volta xa no país natal do autor. "Ediciós do Castro empezou con Memorias... a publicar literatura no mesmo ano do maio de París, da Nova Canción Galega. Até ese intre só botaba monografías artísticas", explica Neira Vilas. Agora esmorecida polo conflito que afastou a Díaz Pardo de Sargadelos, Do Castro chegou a publicar 25 edicións da célebre obra do de Gres.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

"Sucedíanse as edicións, pero eu estaba en Cuba, mergullado na revolución, e tampouco era moi consciente", conta, "de feito tardei catro anos en publicar o meu seguinte libro, Xente no rodicio". Coa implantación do ensino en galego, o éxito das aventuras de Balbino, o rapaz de aldea, multiplicouse e xa nada volveu ser igual para Neira Vilas. "Libros como Querido Tomás, en que fago o exercicio de introducirme na psique dunha muller, ou Aqueles anos do Moncho, ou Remuíño de sombras, son obras moito máis elaboradas", matiza, "pero as Memorias... non sei se serán orixinais ou innovadoras, pero auténticas si que son".

Xosé Neira Vilas, de todos os xeitos, tampouco se presta a divagar sobre as razóns do best seller. "Iso corresponde á socioloxía da literatura", engade. Porén, si lle prace intentar dexergar por que, aínda, os pícaros len a Balbino e gústalles. "O recordo desa vida na aldea existe nos pais, ou máis ben nos avós", teoriza. E cun aquel de nostalxia, conclúe: "Eu alégrome moito do avance de Galicia, de que os nenos coman mellor, vistan mellor, vaian á escola e haxa mellor educación. Agora teñen bicicleta, e radio, e teléfono móbil e mesmo un computador. Pero está aínda por ver se son máis felices do que eramos nós aos 14 anos. Está por ver".

Xosé Neira Vilas le un exemplar da primeira edición de <i>Memorias dun neno labrego</i> (1961), o xoves na súa fundación de Gres.
Xosé Neira Vilas le un exemplar da primeira edición de Memorias dun neno labrego (1961), o xoves na súa fundación de Gres.ÓSCAR CORRAL

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_