_
_
_
_
_
Luces | Unha vida na memoria e na vangarda

Misión e produción

A faceta central da personalidade do cofundador de Sargadelos foi a de deseñador - O obxectivo de producir formas presidiu a súa traxectoria

Os artistas din que máis que nada foi deseñador, os deseñadores que foi un empresario, os empresarios falan del como artista, aínda hai quen di que tamén foi editor... Isaac Díaz Pardo doulle a todo isto e a moito máis, pero cómpre abandonar o tópico do home renacentista e centrar a súa personalidade, deliberadamente ensarillada entre a morea de empresas e sociedades que el mesmo foi tecendo arredor de si.

Non sei ben por que decide abandonar a profesión de pintor, que xa desenvolve con éxito ao pouco de rematar Belas Artes, pero mesmo despois de poñer a andar Cerámicas do Castro (1949), con 29 anos, continúa a pintar e aínda as primeiras pezas que saen da fábrica son pequenas esculturas, extensións da súa obra plástica, que mesmo mostra en exposicións xunto aos seus cadros. É na estadía americana (1955-1968) onde está a clave. Isaac acode a Bos Aires, é sabido, buscando o encontro cos exiliados. É alí onde se opera a conversión industrial, a transfiguración total do pintor de cabalete tradicional, dotado de extraordinaria facilidade, a un deseñador que se fai empresario para xerar as súas propias encomendas. É Luís Seoane quen lle achega o coñecemento dos modelos teóricos do deseño europeo, nomeadamente a Bauhaus, pero tamén a experiencia que naqueles mesmos anos se está a desenvolver na escola da cidade alemá de Ulm (1953-1968), todo peneirado pola actitude crítica cara ao estilo internacional que todo o estandariza na arquitectura e no deseño daqueles anos. "Nós queremos enriquecer ao mundo coa nosa diferenza", e Seoane e Díaz Pardo propoñen a necesidade de ollar as "formas esquecidas" de Galiza para atopar "os siños do seu propio sistema de expresión" tal como afirma o Manifesto (1970) do Laboratorio de Formas, entidade con vocación reitora fundado polos dous en 1963. Isaac abandona a fábrica de cerámica que emprendera na Pampa arxentina -"non sei que se nos perdía alí, na fin do mundo"- e volve a Galiza. Seoane sinala o norte. De traballar na cerámica hai que recuperar o espírito do Sargadelos de Ibañez, o pioneiro da Ilustración que se anticipa á creación da industria española. Alí está aínda o caolín, a materia prima da porcelana, e as ruínas dun motivo de orgullo para os galegos. Tamén un nome, un topónimo que pode volver a ser marca de prestixio. Armado con toda esta bagaxe e xa cun grande coñecemento tecnolóxico, Isaac bota a andar a nova fábrica en 1970. Nunha década consegue ocupar os espazos íntimos de todos os galegos. As clases medias, que nos anos setenta entran nun acelerado proceso de urbanización, enchen as súas salas con aquela cerámica, ao mesmo tempo que o plástico remata totalmente coa produción de pezas artesanais, étnicas, un novo enxoval simbólico é elevado aos andeis dos cuartos de estar.

Armado con gran bagaxe tecnolóxica e cultural, abre a fábrica en 1970

Se agora tentamos explicar o éxito e facer balanzo, apresurado e probablemente inexacto, do traballo de Isaac Díaz Pardo, teño que constatar de entrada que é a de deseñador a faceta central da súa personalidade. Pero non como deseñador industrial, que tamén, senón como produtor de signos, como deseñador de comunicación ou máis exactamente do que hoxe chamaríamos branding, termo inglés que, na xiria profesional do deseño de identidade, expresa a construción deliberada, planificada e continuada dunha marca, descubrindo e cultivando os valores propios, dotándoa de atributos materiais e inmateriais e, por suposto, creando a súa identidade gráfica, packaging, deseñando un modelo de tendas a implantar, creando acontecementos para xerar notoriedade, producindo noticias... Todo un programa clásico que Isaac desenvolve persoalmente, sen modelo a imitar, intuitivamente, mais sen crear equipos nin contar con colaboradores. Pero o máis importante, Díaz Pardo dota á súa empresa dunha misión. Anticípase así ao que aínda hoxe é unha novidade en moitas empresas, a responsabilidade social corporativa, concepto que pretende algo máis que o mecenado pero que aí comeza. Coa ambición que sempre puxo en todo, Isaac asume que pode "cambiar o mundo e máis concretamente Galiza", fin elevado e nobre como excesivo e desmesurado para unha fábrica de porcelana. É un ideario que el mesmo recoñece utopista, que xa está en Morris, Gropius e outros pais fundadores da disciplina do deseño, pero que Isaac aborda cunha dobre estratexia, como deseñador e como empresario. Como deseñador de produto practica a relectura de formas tradicionais para dotar de sinais de identidade galega aos obxectos, prima a comunicación e pon pouco interese noutras funcións. Como empresario tentará sempre investir os beneficios en investigación, pero sobre todo en financiar acontecementos culturais, edicións de libros, soster institucións, crear museos..., "todo un movemento para axudar a Galiza". É a política por outros medios, Isaac pon en práctica con Sargadelos un proxecto de redención social e persoal.

Alén dos beneficios, Díaz Pardo ofrece á sociedade a súa empresa, é a última carta do comunicador, ofrece un paradigma, presenta un modelo a seguir na utilización da materia prima do país, no desenvolvemento tecnolóxico que precisa, na creación de marca e no deseño propio, todo co obxectivo de producir formas galegas. Ese era o debate, oxalá volvamos a el, os tempos fannos retroceder ao límite porque agora o debate é, sen máis, se os galegos aínda podemos producir algo.

Diálogo coa tradición

- Díaz Pardo fai unha relectura da planta do castro de Samoedo (á esquerda, abaixo), un dos seus lugares vitais, para deseñar o símbolo do Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro e o Museo Carlos Maside, que as tres entidades comparten logotipo. Proxectado en 1967 ou quizais antes, Isaac acode ao plano realizado por Florentino López Cuevillas n 'A Edade do Ferro na Galiza. No mesmo deseño rebolen as formas dos botixos de Buño e a lembranza do labirinto de Mogor. É posiblemente esa cualidade de síntese contemporánea a que consegue a identificación e apropiación popular do debuxo, utilizado en tempos por unha libraría de Monforte, por unha urbanización dos arrabaldos da Coruña e aínda como adorno "celta" do antroido coruñés en 2011.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_