_
_
_
_
_
Reportaje:ROLDA DAS LETRAS | Luces

Na procura da identidade

María Reimóndez cuestiona o xénero en 'Pirata' - Aneiros describe a fuxida

Ese semella ser o desafío que a vida lle propón a Mary Read: descubrir a súa verdadeira identidade, agochada baixo roupaxes masculinas durante ben tempo, por mor dun deses argadelos que a necesidade de sobrevivir tende. Esas roupaxes que disfrazan, que confunden, que disimulan... mais que finalmente non son nada ante a forza dos sentimentos e dos desexos. Inspirándose nas figuras históricas das piratas Mary Read e Anne Bonney, María Reimóndez argalla en Pirata unha novela que completa libremente as lagoas que a bibliografía sobre o asunto (de Defoe a Mireille Calmel) deixa. Aproveita así para introducir de esguello outras cuestións que arrequentan o argumento, que o dotan de amplitude e fondura máis alá do anécdotico, como a da importancia da sororidade (isto é, o correspondente feminino da fraternidade) na construción das identidades femininas, ben representada aquí polos personaxes de Malinke e Annette.

O nomadismo é un xeito de estar no mundo, lémbranos 'Sol de Inverno'

O truco do disfrace masculino, ao que Mary Read recorre para abrirse camiño nun mundo feito en aparencia por e para os homes, non é novo entre nós: xa Marilar Aleixandre botara man de el en A expedición do Pacífico para lle permitir á rapaza Emilia embarcar, en pleno século XVIII, nunha expedición científica. No caso de Pirata, a vacilante identidade de Mary afirmarase, logo de casar cun home e de non recoñecerse no rol convencional de esposa, grazas á afouteza de Anne, compañeira, amiga, amante e mestra. Anne, que é muller pero vive coma un home do seu tempo, e que ama a quen quere e como quere. No espello de Anne, Mary descubrirase outra e construirase nesa alteridade intuída, agora posible grazas a un amor que a quere libre, que a quere ela.

Nesa teimuda procura da súa identidade, Mary Read aprenderá a importancia de contar e de contarse. Pirata fala tamén da necesidade de ir deixando ronseis no mar, testemuñas do que somos, elos cos que anoar unha xenealoxía posible de mulleres que se irá alongando con tantas posibilidades de selo como nós -legatarias de Anne Bonney e Mary Read- queiramos. Fronte a Malinke e Anne, que constrúen e transmiten oralmente as súas propias historias, erguerase a figura impositiva de Charles Johnson. El representa esoutra versión da historia, a escrita, a canónica e deturpada, aquela que ignorará a verdadeira razón de ser da vida de Mary Read para utilizala, coma a de tantas outras mulleres ao longo dos séculos, ao servizo dunha suposta verdade, a da ortodoxia sustentada polos poderes políticos e económicos que Mary e Anne desafían polo simple feito de existiren. Neste senso, non hai happy end, quizais porque a historia oficial, que rexistrou a morte na cadea de Mary Read, lle impón á autora un determinado final, aínda que ela consegue abrir fendas abondas no muro das certezas como para que os lectores e lectoras poidamos poñerlle o noso propio ramo ás vidas desas mulleres.

No ronsel da nosa mellor novela de aventuras, de Morning star a Pepa a Loba ou Monbars o exterminador, é mágoa que o exceso de tese estrague as posibilidades desta engaiolante historia. A autora debeu confiar máis na competencia de lectoras e lectores, nas súas capacidades para tiraren as súas propias conclusións, e aforrar doutrina. Hai demasiados momentos ao longo da lectura nos que a tese abafa o potencial épico do argumento e encorseta personaxes que poderían ir alén do que a ostentación da súas ideas lles permite.

Aínda que nos últimos tempos se fala moito de novelas que cuestionan a identidade como algo determinado polos corpos e que, por tanto, nola presentan como construíble ou reconstruíble, o certo é que o tema xa é vello entre nós, dende que en 1988 Peito de vimbio de Alfonso Álvarez Cáccamo nos dera a coñecer o personaxe de Tití (Xurxo Corzo no seu DNI) e a súa loita por sobrevivir, asumindo a súa condición de hermafrodita na Galicia dos 50. Despois viría A semellanza de María Xosé Queizán (1992) onde presenciamos como Juanjo Vieitez se debate consigo mesmo e coa súa contorna na procura da consoladora semellanza que proporcionan os pares e que atopará primeiro noutros homes e despois, tras unha traumática operación, entre as mulleres. Rexeitado por uns e por outras, por distinto e por semellante, só o sucidio lle permitirá pórlle o ramo á loita mantida dende o berce coa condición masculina que se lle asignara ao nacer. Canto a Benquerida catástrofe, a última novela de Teresa Moure, Pirata concide con ela na convicción do poder revolucionario que ten algo tan simple en aparencia como atrevernos a ser nós mesmos.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Mais eu, para explorar os lindeiros da incerteza e para convidar os lectores a acompañarme en tan desacougante percorrido, quédome con Ganga de Antón Lopo, ou con Dragona de Xavier Queipo, e cos personaxes que as protagonizan: seres que nos desafían sen adoutrinarnos, que nos engaiolan porque habitan alí onde as certezas perden a súa utilidade de ser, que nos convidan a sermos outros e múltiples. Fillos da posmodernidade e vangarda dun novo xeito de entender a identidade.

Identidades nómadas

Nunha vaga de saudade, o título do último Premio Xerais, Sol de inverno, de Rosa Aneiros, tráenos á lembranza O sol de verán, a derradeira novela de Casares, coa que porén pouco ten en común. Máis semellanzas amosa coas últimas entregas de Inma López Silva, Memoria de cidades sen luz, e de Luís Rei Núñez, Monte Louro. As tres son (ademais de longas) novelas nómades, protagonizadas por seres condenados case dende o berce á procura de si mesmos. Obsesionados coa memoria, escravos da necesidade de narrala, e obrigados polas circunstancias a unha permanente fuxida, os personaxes destas obras sintetizan as crónicas posibles de tantos dos nosos devanceiros pero tamén, nun deses abraiantes pinchacarneiros que só a literatura é quen de dar, despregan ante nós algúns dos vieiros posibles das identidades do mañá, e lémbrannos que o nomadismo é tamén unha maneira de ser e estar no mundo.Con eses vimbios como alicerce do seu proxecto, Rosa Aneiros constrúe o percorrido vital de Inverno, un accidentado percorrido que a levará dende a súa Antes natal, unha aldeíña norteña e mariñeira, ata a Cuba pasando pola Barcelona da guerra e os campos de concentración franceses, para rematar de novo en Antes, logo de que a protagonista descubra, no París do 68, que a súa memoria finalmente a vai traizoar, e que decida loitar contra ela coa única arma que lle resta: a palabra. Sol de inverno comparte coas novelas de Inma López Silva e Luís Rei Núñez unha perfecta circularidade estrutural que amosa un logrado labor compositivo, se cadra especialmente coidado nos tres casos por mor da inusual extensión dos textos pero que, xusto por iso, os lectores agradecen.Termando da corda adoito traizoería do lirismo, Rosa Aneiros aduba o seu relato coas pingas xustas de fantasía para evitar que sexa etiquetado como novela histórica. Así, ese Antes que podería ser doadamente unha aldea galega e que a autora eleva á categoría de metáfora da orixe. Ou algunha das imaxes coas que codifica os episodios máis cruentos da guerra, coma os morcegos de Silvia, portadores da morte nunha desas terribles ironías con que a vida se burla de nós. Sol de Inverno é logo moitas cousas: saga familiar, memoria da guerra e do exilio en que se mesturan con habelencia personaxes históricos e ficcionais pero, sobre todo, é o relato da construcción a contrafío dunha identidade, a de Inverno, arrastrada polo río da historia e recuperada só, nun iluminador paradoxo, grazas á enfermidade do esquezo, o Alzheimer. Contra ela ergue Inverno un muro das palabras de xeito que, dende unha perspectiva fenoménica, toda a narración se presenta ante nós como o resultado dese teimudo esforzo da protagonista por ser, por recuperarse a sí mesma, antes de que as portas do pasado se lle pechen de vez.Resultaría imposible que nun texto tan extenso, en que todas e cada unha das palabras teñen a súa razón de ser, non houbese intres de desigual intensidade, como acontece co monólogo de Luzdivina que comeza na páxina 321 e que renxe de inverosemellanza polo elevado rexistro que o personaxe emprega, ou que non se deslizase algún anacronismo como o sorprendente estresen que en plena guerra utiliza a nena Silvia en alusión aos seus pombos. Pero son cuestións puntuais, que non conseguen abrir fendas de importancia no poderosísimo edificio narrativo que Rosa Aneiros construíu neste inesquecible Sol de Inverno

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_