_
_
_
_
_
Entrevista:JAUREGUIZAR | Novelista | Luces

"Nin lle teño medo ao folio en branco nin me comunico co cosmos"

N'O Globo de Shakespeare, Santiago Jaureguizar regresa á estratexia do esperpento. Se Cabaret Voltaire (2005, premio García Barros) situaba a intriga na encrucillada histórica dos anos 30, a galería de personaxes despregada na súa última novela recupera histriniosmos e comedia slapstick para fedellar no xogo de identidades e nas relacións humanas. "C'O Globo de Shakespeare [premio Terra de Melide] estou recibindo as mellores críticas que tiven nunca", recoñece. Nado hai 44 anos en Bilbao, Jaureguizar é un premiado e prolífico narrador -"son a Corín Tellado da literatura galega", chacotea-, xurdido no tempo do bravú, comezos dos 90, e que traballa, arestora, en dúas novelas: "Non podo dicir máis porque quero concursar con elas".

"A literatura debe buscar o espectáculo para competir co DVD ou a Play"
"Neste país, todos os escritores queren ser como Méndez Ferrín"

Pregunta. O CDG representa Noite de Reis, Xesús Constenla publica Shakespeare destilado e vostede O Globo de ídem. O dramaturgo inglés está de moda?

Resposta. Nunca deixou de estalo. Hai 400 anos creou unha serie de personaxes impresionantes que seguen vivos. Cervantes fixo dous personaxes, pero Shakespeare fixo un cento. O de Constenla foi unha coincidencia, e o seu libro é magnífico pero distinto ao meu.

P. Que obra de Shakespeare prefire?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. Eu son de Macbeth: a ambición polo poder, esa manipulación dun home por unha muller, Lady Macbeth, un dos grandes personaxes malia a que non se fale moito dela. Hai moito de Macbeth n'O Globo de Shakespeare.

P. E recupera a liña de humorismo expresionista de Casa Skylab (premio Xerais, 2003).

R. Hai unha intención melodramática. Shakespeare, cando escribe as súa obras, sabe que compite con prostitutas, xogos de dados, con tabernas e pelexas de cans. Eu compito co DVD, coa TDT ou coa PlayStation. A literatura debe buscar o espectáculo porque senón a xente deixará o libro só para ler na cama. Nin iso: eu déitome co computador para ver Os Sopranos.

P. Que procedementos usa para cumprir ese obxectivo?

R. N'O Globo... procuro exacerbar os sentimentos, as emocións. Tárdase en entrar na trama porque quixen definir ben os personaxes. Logo acelera cara a un final apoteósico.

P. Pero a literatura pode competir na orde do espectáculo?

R. Eu fago libros. Podía facer guións, non me faltan oportunidades, pero a literatura é unha arte que me gusta e seguireina defendendo. Temos armas para competir co audivisual, achegándonos a el. O que non podemos é tirar a toalla antes de empezar.

P. Chama a atención o emprego de marcas comerciais nas descricións. Unha crítica mesmo falou de product placement.

R. A razón fonda é o meu gusto pola literatura centroeuropea. Outra é que se trata do signo dos tempos: falamos de levis, e non de pantalóns, de cocacola, e non dun refresco... Sebe e Adriana [protagonistas d'O Globo] son persoas de clase media alta, acomodados grazas ao éxito dos libros del.

P. A escritora María Reimóndez acusou a ese personaxe, Adriana, de misóxino.

R. Reimóndez debería ler os libros dos que fala, porque amosa grande atrevemento falando dun personaxe por dúas frases que leu no meu blog. Pero é como se digo que ela non pode escribir unha novela sobre malos tratos porque o seu home a maltrata. Non todos temos que facer superheroínas como fai ela.

P. Por que é recorrente Ribadeo na súa obra?

R. Porque é recorrente na miña vida. Cheguei con tres anos e pasei alí infancia e mocidade. É un lugar curioso: mantén o único periódico local do mundo no que houbo unha polémica sobre a existencia dos centauros. Unha vila pequena pero moi culta, que sempre estivo en contacto con Europa. Nas escrituras de propiedade puña "esta finca linda ao leste con tal finca, ao oeste con estoutra e ao norte, mar por medio, con Irlanda".

P. Quitado O Globo..., cal das súas novelas máis o satisfai?

R. Salitre [2000]. Hai rapaces aos que non lles gusta ler, que non len nada e con Salitre descobren que a literatura pode ser divertida. Vai pola sexta edición.

P. Para quen escribe?

R. Para o público.

P. E quen é o público?

R. Eu son a Corín Tellado da literatura galega. Non, en serio, escribo para grandes públicos, busco grandes públicos. Temos que ser ambiciosos. Porque na literatura galega existen dous reparos fundamentais que non entendo: un, todos queren ser Méndez Ferrín, un grande intelectual cunha cabeza poderosa e unha prosa estupenda; e dous, non nos facemos respectar.

P. Respectar en que sentido?

R. Neste país hai medios e institucións que a un escritor de Murcia de cuarta fila lle pagan avión, hotel e conferencia mentres o libro galego, nas librarías, está coma os baños: ao fondo á dereita. Veño de pasar por unha do centro de Lugo e no escaparate só estaban as traducións ao español dos libros de Murado.

P. Nunca quedou sen nada que escribir?

R. Non me pasan esas cousas raras que lle pasan á xente, non lle teño medo ao folio en branco, nin me comunico co cosmos nin aparecen pantasmas a visitarme. Escribo tres libros ao ano e os meus libros véndense ben.

P. Que opón á esa prosa poética que tan pouco lle gusta?

R. A miña prosa hiperxornalística. Amais de estrutura e personaxes, nunha novela importa o ritmo. Senón a xente abúrrese e vai ver a televisión. A prosa poética tapa todo: rematas reparando en como soan as palabras e non no que hai debaixo. Caneiro, por exemplo.

P. Non se atopa a súa quinta, a dos posmodernos [Borrazás, López López, Queipo, Camilo Franco...], oculta demais?

R. A miña xeración rompe co compromiso político. Porque De Toro ou Rivas, autores que teño en alta estima, mantéñeno. Pero nós estamos tapados polos máis vellos e polos máis novos, nos que volve aparecer a política. A literatura galega ten a eiva de ir sempre canda o compromiso político. Eu son nacionalista, pero nunca escribín sobre iso...

P. En Casa Skylab.

R. Si, aí había unha reprimenda contra o nacionalismo bastante dura. Pero nos meus libros non aparece a política.

P. Faga quiniela para o vindeiro Premio Nacional galego.

R. Agustín Fernández Paz primeiro e, logo, Xabier P. Docampo. Pouca xente sabe construír unha novela como Agustín.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_