_
_
_
_
_
Entrevista:XAVIER ALCALÁ | Luces

"Nin unha lexión de escritores daría contado a aventura da emigración"

Medio cento de libros e moitas lexislaturas despois, Xavier Alcalá (Miguelturra, 1947) asegura que nunca tanto desgarro oíra como cando escoitou aos exiliados relixiosos na Arxentina. Os evanxélicos galegos pedíronlle que escribise a súa historia. Segundo di, "temían deixar de crer o que lles pasou".

Despois de Entre fronteiras (2004) e Nas catacumbas (2005), Unha falsa luz (Galaxia) pecha a priori o proceso narrativo da triloxía Evanxélica memoria, ás veces "penoso", di Alcalá, "como é sempre escribir novela adaptada á Historia". O autor d'A nosa cinza, fito editorial da primeira novelística galega (16 reedicións desde 1980), imaxina agora "quizais unha segunda versión de Tertulia", obra moi polémica na altura teórica de 1984. Había comezar por un "divertimento". "Galicia dentro de 30 anos, gobernada por un grupo de rapazas adoptadas na China".

"Non se pode contar tanto cura fusilador e tantas persoas martirizadas"
"Os evanxélicos foron vítimas dos falanxistas e da guerrilla comunista"
"O que aconteceu aquí entre 1940 e 1950 nunca se dará contado"
"Esta sociedade é onanista, nihilista, só vale o políticamente correcto"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Pregunta. Non vai haber tetraloxía, logo?

Resposta. O pacto foi rematar coa morte de Franco, descansemos un pouquiño. Temos material de sobra para calquera cousa, pero son temas moi complicados, e nunha España como a actual aínda hai cousas incorrectas. Digamos que é unha triloxía e que Ézaro a está traducindo ao castelán. Logo eu tamén teño, como escritor, a esperanza intereseira de que algún editor inglés contacte con nós, porque a historia dos seus misioneiros aquí é un relato descoñecido da historia de Inglaterra. Ollo, que eles tamén estaban fóra do sistema, pero ninguén os mataba por non seren anglicanos.

P. Como se axusta unha historia con tantas fontes?

R. Aquí tería que citar a Manuel Rivas, que tamén estivo tentado de abandonar cando escribía Os libros arden mal. A min uns paisanos contáronme a chegada dun guerrilleiro morto enriba dun carro de leña, e o seu nome. Cando eu o someto ao proceso histórico, con Ramón Máiz á cabeza, doume conta de que é outro guerrilleiro. Tamén se me desmontou o estoupido da polvoreira de Ferrol, cando a xente cría que era a invasión aliada que estaban esperando, e tiven que desfacer outro capítulo. É un proceso penoso, pero os que non queremos escribir novela histórica, de reinterpretación da Historia, senón novela adaptada a ela, temos que axustarnos a iso ou facemos o ridículo. Díxenlles que, de reproducir o seu relato, ían saír nomes. Eu crieime entre esta xente, cheguei a identificar familias de asasinos, así que concluímos facer ficción, aínda que quixeron manter con nome e apelidos ao Padre Rubinos, un perseguidor sistemático. E claro, tampouco se poden negar personaxes como Franco ou Fraga.

P. Autocensurouse?

R. Un dos vellos que me contaron a historia paroume na praza de Pontedeume, indo eu coa miña neta, e púxoseme a berrar: "Non o contaches todo, non o contaches todo!". Pero non se pode contar tanto cura fusilador e empreñador de rapazas, tantas persoas martirizadas antes de morrer. Por pudor e por evitar que alguén poida pensar que hai regusto no relato da brutalidade.

P. A ficha policial do protagonista mestura conceptos ao xeito da época: comunista, masón e protestante.

R. Era algo demencial, pero o patético do que pasou cos evanxélicos en Galicia foi que foron vítimas dos falanxistas, por un lado, e da guerrilla comunista polo outro. As igrexas estaban no monte, e os que máis os molestaban ás veces eran os seus propios fillos, captados pola guerrilla coa cantarela do opio do pobo. Cos socialistas nunca tiveron problemas e, curiosamente, tampouco cos cenetistas, que non eran castigadores. Un evanxélico analfabeto non pode ler os libros sagrados, e eu penso que ese anceio de alfabetización tiña unha certa correspondencia coa necesidade de formación continua que defendían os anarquistas como idea de paz.

P. A liberdade relixiosa como débeda histórica?

R. Todos os reformistas son protestantes, pero os evanxélicos non admiten a xerarquía da Igrexa, como pode acontecer noutras igrexas luteranas. Sendo cristiáns primitivos, o que hai que preguntarse é por que os evanxélicos representaban un perigo para un sistema fascista: porque non admiten a teocracia nin, aínda que eles non o digan, a monarquía. Os antigos evanxélicos son antiborbónicos porque os borbóns representan o pecado. Alfonso XIII é un grande adúltero, e iso supéraos. Estes días que anda por aí Zapatero falando co Nuncio Apostólico, habería que pensalo de novo: desde 1812 en diante, sistematicamente, certificouse que a libertade relixiosa non era necesaria porque aquí todos somos católicos, apostólicos e romanos. Visto así, cando a Constitución de 1931 recoñece a libertade de culto, os evanxélicos abrazan a causa republicana con tanta forza que lles custa a vida. Eles non predicaban a mansedume, e ao sistema non lle gustaba velos asociados á rebeldía dos paisanos. A batalla, relacionada cos foros, comeza nos anos 20. Xa daquela os inimigos da "crenza", como lle chaman os evanxélicos, eran cregos, caciques e quen había por tras.

P. Como era a comunidade evanxélica antes da guerra?

R. No Arco Ártabro non había parroquia sen un grupo de evanxélicos... Pero falamos incluso de Calvos de Randín. Aquí o evanxelismo avanza na segunda metade do XIX, a partir da presenza célebre de George Borrow. Coidado, que aquel evanxelismo rural era exclusivo de Galicia e Asturias. Compartimos a mesma estrutura de proletariado propietario, xente que sempre lle di o mesmo ao crego: eu non pago décimos nin oblatas, quero relixión gratis e que te defendas pola túa conta. Que non vivan das almiñas, como din os vellos evanxélicos. Todo aquilo foi varrido, pero a dimensión que alcanzou antes da desfeita non está clara. O libro dos irmáns González Raposo

[Liberdade relixiosa e asentamento dos protestantes en Galicia] chega ata 1931, non cifra o gran desenvolvemento inmediatamente anterior á guerra.

P. A historia do xastre protestante e o capitán militar de Vigo vale como metáfora do réxime...

R. Merecía que resucitase Valle. En Bos Aires falei moito con Eduardo Cartea, pastor na igrexa do barrio de Munro. O seu avó Juan era o xastre de Felipe Sánchez, capitán militar de Vigo no 36. Sánchez tiña corcoba, e só Juan sabía taparlle o uniforme para agochar a eiva. A única igrexa evanxélica que nunca pechou en España foi a de Pi i Margall de Vigo! O que aconteceu aquí entre 1940 e 1950 nunca se dará contado.

P. Que mudanzas introduciu na narración o contacto cos emigrantes?

R. De testemuña en testemuña, un día falei cun pastor vello que me explicou a existencia dunha emigración teoricamente económica que agocha unha persecución relixiosa sistemática. Que ti es protestante? Pois rebentámosche o traballo, botámoste del ou conseguimos, púlpito mediante, que non che merquen nada na tenda. Se un día che din que neses países se pode predicar na rúa, vaste.

P. Vostede sempre reclamou con teimosía a centralidade da epopea americana na literatura galega. Comeza a encherse o oco?

R. Non, desafortunadamente. Coido que toda unha lexión de escritores galegos postos a tiraren zume das aventuras dos galegos nas Américas non o darían contado, non poderían realizar o corpus literario que merece. E o problema é que os vellos que se lanzaron alá están a morrer.

P. Hai escritores que afirman que a súa literatura podería ser de consumo masivo nun sistema literario máis normalizado, ao estilo dun Pérez Reverte.

R. Vaia por diante a miña admiración polo inventor do Alatriste, e a tentación de comparar é doada: coincidimos en novelas de aventuras, supostamente históricas e mariñas, velaí Alén da desventura. Pero eu teño outros rexistros como Nos pagos de Huinca Loo ou Fábula.

P. Por que non foi a Cuba?

R. Porque son autor de La Habana Flash, libro considerado "politicamente inoportuno" por Don Manuel, e vituperado por quen se atreveu a cualificar como "jineteros" aos informadores que, sabiamente, Carlos Casares me fixo ocultar no invento dunha viaxe novelada.

P. Que prepara agora?

R. Ando a remexer no dereito ao plaxio, quizais nunha nova versión de Tertulia. Unha visión de 30 anos despois, tan amarga como para min é a realidade dunha sociedade onanista, nihilista, na que só vale o que é politicamente correcto. Vaise titular A banda das chinesas, e comeza cun divertimento: Galicia dentro de trinta anos, gobernada por un grupo de rapazas adoptadas na China. É sobre o dereito a procrear, crear, recrear, mesmo plaxiando e mellorando.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_