_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

"Ninguén fixo o que fixo Seoane"

Arturo Casas e Ferrín asexan ao intelectual no congreso do Consello da Cultura

Aínda que o profesor Arturo Casas non deixou de advertir, botando man de Pierre Bordieu, contra os excesos de personalización das culturas periféricas, os traballos e os días de Luís Seoane (Buenos Aires, 1910-A Coruña, 1979) acabaron por se impoñer. "Ninguén fixo o que fixo Seoane", afirmou o teórico da literatura. Falaba do pintor, pero tamén de editor incansábel, do poeta brechtián e dramaturgo da historia dos condenados, do home inequivocamente de esquerdas, do exiliado que nunca regresou de todo. Xosé Luís Méndez Ferrín, logo de asexar ao autor d'A soldadeira nos recantos da súa memoria, tampouco dubidou en empregar maximalismos: "O intelectual galego de esquerdas máis importante dos que se cruzaron na miña vida, canda Carlos Velo".

Ferrín: "O intelectual galego de esquerdas máis importante da miña vida"
"Ao cabo, o que fixo Seoane toda a vida foi falar coa xente do común", di Casas
Más información
O Centro Piñeiro edita prosas inéditas de Uxío Novoneyra

Os dous compartiron mesa, presentados polo académico Xosé Luís Axeitos, no congreso Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía, onte no Consello da Cultura en Santiago. Para Casas, que presentou a súa intervención como "panoplia de preámbulos" e que partiu do despezamento da noción de compromiso, Seoane "só se entende se se entenden as súas relacións cos outros". Situado nun campo cultural crebado polo alzamento fascista de 1936, expuxo, aquel intelectual activou a noción de memoria histórica. "Galicia resnace en homes novos tras cada martirio", escribiría.

Foi o Seoane que comunicou a historia negada do país nunha pintura figurativa pero atravesada de naïveté e avances pop (eran os 50), na súa dramaturxia histórica que materializaba a Brecht en Galicia, nos 17 anos que durou, relataba un abraiado Casas, a emisión radiofónica Galicia Emigrante. "Ao cabo, o que fixo fundamentalmente Seoane durante toda a súa vida foi falar coa xente do común", asegurou Casas, un dos pioneiros e máis sutís estudosos doutro exiliado ilustre, Rafael Dieste. Toda unha vida de acción realizada coa óptica do materialismo histórico "e uns sólidos principios marxistas". A realidad, a historia, conformaban o solo dun Seoane ao que os repertorios de Nós ou do Seminario de Estudos Galegos "non lle abondaban".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Non faltou á comparecencia o Luís Seoane, o republicano que logo da guerra deixou de ter partido, en perpetua confrontación. "Non foi Piñeiro o seu único antagonista", lembrou Casas, "tamén discordou de Castelao, de Celso Emilio, de Díaz Pardo". Era ese home irado pero leal, que non podía non tomar partido, o que fascinou ao Méndez Ferrín de 1960. O agora presidente da Real Academia Galega recibira en Madrid, co grupo Brais Pinto, a visita dun Seoane que pisaba territorio español por vez primeira despois do 36. Ferrín esmiuzou aquelas citas, "nun reservado de La Región Gallega, metro Noviciado por precisar", nunha fermosa e emocionada "corrente de conciencia" memorial: Seoane no fondo dos espellos. Notas para un libro de memorias que se cadra non escribo.

A "liña Maginot" que dividía o galeguismo interior entre adeptos a Piñeiro e disidentes de corte marxista foi evitada polos mozotes Brais Pinto para atopar Seoane. "Non encaixaba no marco piñeirista: era un nacionalista que incidía no que Galaxia detestaba e un marxista da mesma beira que Sartre", anotou. O diagrama de Guerra Fría aplicado polo círculo de Piñeiro, a dicir de Ferrín, non toleraba veleidades comunistas.

O poeta de Con pólvora e magnolias, na crónica da súa educación sentimental, tamén debuxou o intre exacto no que, con 17 anos e na rúa Policarpo Sanz, colisionou coa poesía dos exiliados. "Aborrecidos do Rilke prescrito polo galaxismo", sinalou, "na Escolma de poesía galega estaban Lorenzo Varela, Seoane: os guerrilleiros, os Irmandiños, Roi Xordo". Tampouco non esquivou as súas discusións co pintor e a decepción que lle supuxo que en 1979 Seoane asinase o manifesto, que desembocou en Realidade Galega, o piñeirismo na praxe.

O presidente da Academia rematou, sentido, relatando a súa estancia na cadea de El Dueso, de 1972 a 1974. Foi alí, detido por antifranquista, onde a folla voandeira Cuco-Rei pasou o filtro da Garda Civil. Editaba Luís Seoane na Arxentina un poema de Lorenzo Varela: Cantiga nova que se chama cadea, con dedicatoria, "A Xosé Luís Méndez Ferrín, na gaiola".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_