_
_
_
_
_
ROLDA DAS LETRAS | Luces

Non se deixen enganar polas apariencias

Talmente coma se ventaran a chegada da primavera, as novidades empezan a agromar nos andeis das librerías galegas. O primeiro Cunqueiro dun ano que se intúe prolífico convídanos a un Viaje a Lugo, nun volume editado por Alvarellos que recolle, con moito máis rigor do que nos teñen afeitos as editoras foráneas, un feixe de artigos xornalísticos e outros textos elaborados no seu día para guías de viaxes. O compendio non pretende ser unha colectánea exhaustiva, senón unha mostra dos escritos lugueses máis representativos do autor que exemplifican de xeito paradigmático a condición híbrida e transgresora do seu xornalismo.

Moito se falou do 1Q84 de Murakami ben antes da súa aparición. Como adoitan, algúns medios silenciaron ou ningunearon a súa tradución ao galego, que tivo lugar antes có castelán: non se trata de andar ás carreirasm pero sen dúbida supuxo un esforzo editorial notable que moitos non quixeron ou non souberon recoñecer. Non se deixe enganar polas apariencias: velaí o título do primeiro capítulo e un bo consello á hora de abordar a lectura desta novela estruturada cun ritmo alternante, pois os capítulos pares están centrados en Tengo e os impares en Aomame. Ambos personaxes comparten a condición de protagonistas dunha historia singular, cuxo mérito principalísimo é estar concibida e narrada dende uns parámetros culturais, mesmo antropolóxicos, que nos resultan alleos por completo; mais, ao tempo, a novela afonda tan na cerna da nosa condición humana que remata cativándonos. Percibir esa outredade integradora que emana do texto, e deixarse abducir por ela, é unha experiencia lectora dunha intensidade pouco común nestes tempos. Non desfalezan se por un momento a trama perde folgos: pódese disculpar nun texto de máis de 900 páxinas. E teimen na lectura, que paga a pena. Agardamos expectantes a segunda parte.

- Un xeito de ver. En poesía, A ferida de comprender de Baldo Ramos, unha voz que nunca decepciona, quizais porque lle interesan "as palabras que abren espazos, non as que os pechan". Toda a obra artística -plástica e verbal- de Ramos quérese indiscernible, e esta colleita poética agroma da convicción de que "escribir é un xeito de ver, non de contar". Dalgún xeito, unha poética do silencio para estes tempos cacofónicos. Un convite a explorarmos os límites da palabra, alí onde se converte en imaxe e onde quizais todo poida ter un sentido que, polo de agora, só intuímos.

Con gran acerto, Espiral Maior ofrécenos Pequenos encontros, as marcas deixadas de Farruco Sesto, fundamental contribución á recuperación da nosa historia literaria pois o volume non só recolle a obra galega édita do autor, pouco coñecida entre nós por circular ás veces de xeito clandestino e outras en circuítos reducidos por mor do carácter artesanal das breves tiraxes. Incorpóranse aquí ademais varios libros inéditos, elaborados dende 1990. O rigor filolóxico con que se organizou esta publicación testamentaria, e un documentado limiar da súa responsable, Yolanda Castaño, permitirán ás novas xeracións coñecer en profundidade un poeta que foi cualificado alá por 1980 por Xosé Luís Méndez Ferrín como "o mellor poeta galego vivo, como case ninguén sabe".

- Pregunta perfecta. Sotelo Blanco traenos puntualmente, ano a ano, os textos gañadores e finalistas do Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta. Nesta xeira o galardón foi para As horas rotas de Chelo Suárez Muíños, reconstrución dunha de tantas historias de vidas fanadas pola guerra co estilo lírico que caracteriza á autora e que, se ben lle proporciona notables acertos no discurso da voz narrativa, pexa os diálogos, converténdoos en artificiais e retóricos. Para amantes dos xogos metaliterarios, A pregunta perfecta (o caso Aira-Bolaño) de Juan Tallón, onde se mesturan ficción e autobiografía para pescudar na cotidianeidade de quen está a escribir a historia de dous homes que pasan a vida a piques de cruzarse. A novela preséntase como o diario que rexistra, día a día, o proceso escritural dun relato que, ao cabo, non ocupa máis de 30 páxinas, pero tamén resulta ser a metáfora perfecta dun mundo no que os discursos meta teñen cada vez máis importancia fronte ao orixinal. O exceso de citas con que o texto nos acosa non consegue evitar que sintamos certa empatía por un narrador vítima da súa obsesión creativa e que remata sendo un individuo tan convencional coma nós.

Leva tempo Xerais apostando polos libros que abertamente toman partido por certas causas urxentes: nesta ocasión cómpre saudar o de Yasmina Shawki, Fundación Libélula, onde as sinxelas historias de catro mulleres nos mergullan no mundo do maltrato e a explotación feminina.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

- Afondando na memoria. E se nos últimos tempos a reelaboración da nosa memoria colectiva foi máis ben literaria, non podemos ignorar a conveniencia de articulala como discurso historiográfico. Velaí temos as últimas achegas de Dionisio Pereira, quen en Loita de clases e represión franquista no mar contribúe á reconstrucción da memoria gremial das xentes do mar, ou A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra de Gonzalo Amoedo, un dos moitos capítulos que faltaban por escribir do relato da represión no ámbito local. Aníbal Otero. Lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo de Xesús Alonso Montero é a biografía, concibida ao xeito persoalísimo do seu autor, que deixa ben claro -entre outras moitas cousas- que fronte as ditaduras non hai disciplinas inocentes: o coñecemento, para os tiranos, sempre é culpable. Benvido sexa este novo contributo a un xénero cobizado polo público e que tanto camiño ten aínda por percorrer entre nós. Tamén Carlos Reigosa foxe dos xustillos xenéricos e aposta pola interdisciplinariedade que tan bos resultados lle leva dado en A agonía do león, versión galega dun libro publicado en 1996 no que o autor hibrida modelos xornalísticos e literarios para reconstruír a andaina vital do guerrilleiro berciano Manuel Girón.

- Voces novas e vellas. Mágoa que as novas voces que algúns editores rescatan do circuíto de premios menores, voces que deberían ser o substrato que alimentase a renovación da nosa narrativa, non ofrezan nada de interese. Cara B de Ignacio Silva válenos para cuestionar unha vez máis o convencional dos límites cuantitativos dos xéneros literarios: neste caso, o de micronovela, como se define unha das narracións incluídas no volume. ¿Por qué aporlle esta etiqueta, e non calquera outra das posibles, a un texto narrativo de pouco máis de 50 páxinas? Os excesos taxonómicos, en literatura, non sempre resultan esclarecedores. Máis conseguidas están as catro narracións d'As palabras que move o mar de Xaime Toxo, especialmente Cartografías, a segunda, articulada como unha novela breve de focalización caleidoscópica, centrando cada capítulo nun personaxe diferente. Pola contra, na primeira, O alento das pedras, o efecto da axeitada dosificación con que se nos permite intuír o desenlace estrágase un chisco polo artificial que resulta o rexistro do monólogo evocativo da narradora.

Mais tamén hai autores que nunca desenganan: voltar aos relatos d' A sombra dos teus ollos, de Anxo Rei Ballesteros, reeditados máis dunha década despois de seren recolleitos por vez primeira, fainos lamentar que o abraio provocado polas súas novelas lles roubase protagonismo a uns textos de factura impecable. Nestes, a ollada sempre implacable que o autor adoitaba deitar sobre a condición humana semella iluminarse cun aquel de afectiva irmandade.

En canto a O bebedor de rakia de Xesús Manuel Marcos, a madurez do autor resolve con habelencia unha historia na que se vencellan de xeito orixinal a guerra dos Balcáns (da que xa se ocupara algunha outra obra na nosa narrativa recente) e a violencia de xénero cunha factura técnica e discursiva máis que notable.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_