_
_
_
_
_
Reportaje:SON GALEGO | LUCES

Os emerxentes bouran alto

As bandas medran en tódalas bisbarras sen problemas para atopar locais de ensaio

Cando recibín a maqueta dos Trasnos de Moscoso, rap que pisa bosta -da mesma ringleira regueifeira e parrafeadora que Nonresidentz ou as Garotas da Ribeira- a primeira cuestión era saber onde quedaba o propio Moscoso. Nunha posición claramente egocéntrica - propia da cultura hip hop - os Trasnos estes non se molestaban nin pouco nin moito en situar a súa aldea. Resultou que está por Redondela, pero tirando cara o monte. Para gravar tiveron que cruzar a serra, léase ir a Soutomaior. Belo castelo medieval, escenario preferido das fotos dos casamentos, e un lugar no que ademais bouran neste momento dez conxuntos de todos os estilos.

Atención crítica especializada (onde a houber). Definitivamente cómpre ampliar o espazo das músicas emerxentes en Galiza.

Más información
Rock combativo, folc virtuoso

"Ordes é unha bofetada aos circuítos das grandes cidades: Santiago, Vigo e A Coruña", Matías, vocalista dos Gin Tonics, dixit. E abofé que impresiona o dinamismo sonoro desta vila. Acarón dos Gin Tonics, Kastoma, apócope de "Que queres tomar?", creadores do cd Mestres de pesadelos, clásico do rock obreiro. De alí parten as experiencias do Chícharo Psicótico. E en Ordes ten epicentro o colectivo pangalaico Dios Ke Te Crew, autores dun disco dobremente seminal, Xénese.

Ata as salas da vila acoden a tocar decote os roqueiros da montaña -así lle din ao temperamento heavy de Ith, da parte de Boimorto- e a canteira continua de grupos de Cerceda: do rap metal de Machina e Presencia 0, ata a distorsión clásica de Zenzar, vinte anos na ruta e un novo disco prodixioso: Sigue e dálle!

A aldea, espazo fecundo. Desaparece, de entrada, o problema primeiro dos conxuntos urbanícolas: atopar local. Son do Galpón, composteláns pero de aldea, co seu propio nome dan resposta a cuestión. Un elo máis dunha longa tradición de pendellos, cortes e casas vellas invadidas polos amplificadores, de onde saíron Rastreros, Ruxe-Ruxe, ou Skornabois. Os Cuchufellos de Manzaneda baixaron a Ponferrada e nunha noite gravaron o seu primeiro disco. Dez músicos, fillos directos de Gwendal e dos Papaqueixos. Asombra tanto virtuoso naqueles outeiros. Un deles é alemán e outro -isto si que é cosmopolitismo da montaña - polaco!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Do outeiro ao océano, porque na propia Ribeira cómpre destacar outro fenómeno psicófónico emerxente. A Compañía do Ruído, cun primeiro disco testemuño do seu labor: moitos instrumentos para un estilo igualmente extenso, entre balcánico e tropical. Unha sección deles, Os Chiquilicuatres, acaban de retornar dunha xira tasqueira por Escocia, Irlanda e... Guadalajara.

Sigamos co galpón e a alta tecnoloxía. O órgano crea a necesidade. Petetas, guitarra e voz de Tiro na Testa, montou un estudo na aldea, Donramiro, e todo o país do Deza se inzou de novos conxuntos. Ademais da última obra do seu grupo, o libro-disco Agüécate el pelícano, de Donramiro saíu a maqueta de Motor Perkins, máquina neofolki, e Skarmento, a última fornada punki da volta, que, por certo, hai pouco andou de xira por bares rabudos do sur de Francia. A día de hoxe creo que non hai bisbarra sen estudo. Mesmo un deles é meca de peregrinaxe para as vangardas do Mediterráneo. Falo do Abrigueiro, a factoría de Humanoid, gurú da música electrónica, que atrae ata Friol -mesmo neste tempo de xiadas- ás mentes máis preclaras do dance de Barcelona.

Pero é que co poder das novas máquinas -esas que deixaron obsoletos soportes e discográficas- se che proe a música dunha idea, nin sequera precisas estudio de gravación. Velaí o Projecto Mourente. Armou o disco todo, Baixo os eucaliptos, no ordenador da casa, no propio Mourente, en Pontevedra, e acadou difusión pangalaica a través da Regueifa Plataformas e do Apologhit, primeira lista da canción do verán en vernáculo, do programa Extrarradio da Radio Galega. Vilanova de Lourenzá, a carón das fabas, agora acada sona con Zimmer 103, un francotirador sonoro que afirma que as súas referencias musicais son cada día menos musicais. En Ribadavia están os Apeiron de Francelos. Hai uns anos colgaron na rede melodías gravadas con tapas de botes e, de alí a un pouco, foron reclamados para actuar no Xapón. Non poideron ir, eran moi novos, aínda estaban no instituto.

Que ninguén se sinta marxinado, na cidade seguen bourando as guitarras, e seguen bourando en galego. Aquí cómpre reivindicar tamén o orgullo de barrio. Falo de The Homens, tres do Castiñeiriño, en Compostela, un arrabalde tan intenso que ata ten festival propio, o Rock in costa. Os The Homens no 2006 foron quen de editar un disco, consolidar un estilo, o power pop, e actuar con constancia en Portugal.

Tras da apoteose ourensá de Lamatumbá, o selo Falcatruada anuncia o futuro en forma de disco: Loretta Martin, funki coruñés -outra mostra da falta de prexuizos destes tempos- disposto a enguedellarnos na súa consigna: Fai funki meu!

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_