_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os excéntricos da arte procuran o seu lugar

Un heteroxéneo grupo de creadores explora camiños alternativos ás vías convencionais da creación plástica

Excéntrico-a: Que está afastado do centro, que ten o centro desviado dun punto dado, que non ten o mesmo centro (ca outra cousa). Nos tempos nos que o mundo da arte asiste abraiado a fenómenos coma o protagonizado polo británico Damien Hirst e as súas vendas multimillonarias de pezas con dubidoso valor artístico, aínda poden atoparse creadores que elixen ou vense obrigados a transitar polos camiños alternativos ás grandes autopistas da arte. Trátase dun colectivo heteroxéneo, non se coñecen entre si e os seus nomes son distintos aos habituais na programación dos museos e galerías do país. A maioría deles síntese a gusto neste papel de outsider e non ten outras pretensións que facer o que máis lles gusta: amosar o seu traballo á maior cantidade de xente posible.

As pezas de Aguilera eran demasiado realistas para unha institución
"A viaxe converteuse xa nunha necesidade artistica é vital"

Isto é o que pretende José Cao, un dos poucos canteiros da vella escola que aínda se poden atopar en Galicia e que ten o seu museo particular nunha leira, ao carón da súa casa, aos pés do Monte do Gozo de Santiago. Os peregrinos que chegan a esta zona son os visitantes máis habituais do peculiar universo de pedra que Cao construiu ao longo de máis de 25 anos. Se a obra de Cao chegase aos grandes centros da arte sen dúbida que podería sorprender por unha iconografía na que se mistura a crítica social, política e relixiosa. En todo caso non pretende chegar tan lonxe, o que lle gustaría é poder conseguir que as autoridades municipais lle fagan algo de caso para garantir a conservación das súas obras cando el non esté. A calidade artística do seu traballo -coma o de tantos outros que exhiben nas mellores galerías e museos- pode ser discutible, pero a forza e peculiaridade das súas esculturas de pedra están á vista.

O seu caso ten algunhas similitudes co do escultor lalinense Antonio Taboada Willy, que faleceu hai dous anos nun accidente de tráfico e que deixou no seu taller de Lalín un cento de pezas, a maioría en madeira, na que amosa as súas excelentes calidades artísticas. A súa irmá, Cruz Taboada, e algúns amigos loitan agora por conseguir que se poidan restaurar as esculturas deterioradas e por atopar un lugar no que ensinalas ao público e conservalas en bo estado. Willy era un artista cunha obra moi vencellada á natureza. Traballaba con troncos de árbores ou con raíces que atopaba no entorno da carballeira na que se ubicaba o seu taller. Os nomes de Francisco Leiro ou Stephan Balkenhol veñen á mente cando se ven as súas pezas.

Hai outros artistas que emprenden o camiño de forma tardía para o que se acostuma na arte contemporánea. Tratan de abrirse paso nun mundo no que ter máis de 35 anos é un atranco case insalvable ante a enxurrada de artistas mozos que invaden o escenario. Este é caso do vigués Javier Aguilera, quen leva máis de dez anos traballando como caricaturista no xornal Faro de Vigo e que hai uns seis anos empezou a traballar no terreo da escultura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

As súas obras foron seleccionadas para algún concurso de novos valores, pero a decepción chegou cando lle confesaron que unha das súas pezas non foi premiada porque era "demasiado realista" para o lugar ao que estaba destinada: os corredores dunha institución oficial. Hai poucos meses empezou a traballar cunha galería de Barcelona, pero de momento non pode vivir da escultura como lle gustaría e ten que seguir traballando de caricaturista. "Sempre fun autodidacta, ainda que me axudaron moito as clases na escola de artes e oficios, onde tiven a bos profesores como Miguel Vázquez", explica Aguilera.

Tamén hai casos de artistas que xa percorreron o camiño habitual e nos últimos anos deron un xiro a súa traxectoria. O compostelán Guillermo Aymerich participou en moitas exposicións e exerce como profesor na Facultade de Belas Artes de Valencia. Sen embargo, leva xa varios anos convertido nun viaxeiro das artes e investigando en distintas culturas para incorporalas ao seu traballo.

"O feito de ser profesor de universidade dáme a liberdade para non ter que estar constantemente perseguendo as mozas da verbena, que no mundo da arte son as galerías", explica dende Pekín, o seu último destino, no que leva xa ano e medio despois de viaxar e residir en lugares como Nova York, Brasil, Bretaña ou os Alpes Bávaros. "Para min a viaxe converteuse xa nunha necesidade, tanto artística coma vital. Os lugares aos que vou escollóos mirando un mapa", sinala un artista que tamén procura fórmulas distintas ás convencionais para construir o seu universo creativo.

Istos son catro exemplos de artistas que traballan nas marxes, pero hai moitos máis que non son habituais nos circuitos da arte contemporánea e quenon teñen nada que envexar a moitos dos que forman parte do circo no que as veces se converte o mundo da arte.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_