_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Otero Pedrayo, Marx e a caza do raposo

Manuel Rivas

Un poeta sueco, Göram Palm, escribiu con ironía que cando quería ver o mar ou unha paisaxe natural el o que facía era ir ver pinturas no museo do Louvre. Mais a este paso vai deixando de ser unha ironía. A chuvia enchoupaba a saudade, mais agora a grande saudade que temos é a da chuvia. Andan os paraugas tristes pola casa. Só lles falta grallar como o corvo de Noé. A Chuvia, a Neve, a Nube... Aínda habemos grallar nós o rondeau de don Álvaro ás belas mulleres pintadas no Ouso do Vilar, miñas donas amigas: Le temps s'en va! A máis fermosa filmografía de nós, a celeste, a das nubes, eses montes ceibados do mar a vagar cara oriente, imos ter que ir velo aos museos. O outro estivemos na rúa Médico Rodríguez, na Coruña, para ver a antolóxica de Urbano Lugrís. Aquela brisa que viña dos cadros! Alí orballaba, alí ventaba. Qué alegría o trebón dos Azores!

Marx e Federico Engels adiantaron no 'Manifesto comunista' o que ía ser o cambio climático

Non deberían pechar nunca esa exposición. Hai que atoparlle un fogar permanente. Quen me dera traballar de bedel de Lugrís! Ter un recanto cunha mesiña e un catre, entre o óleo de San Barandán e o dos fogos de San Telmo, ou por aí. Velaí que Lugrís non era un fantástico nin un nostálxico, non. Estaba a pintar un refuxio. Alí non chegou o cambio climático.

- HAI QUEN PENSA QUE O QUECEMENTO GLOBAL VAI MUDAR NUNHA GALICIA TROPICAL. UNHA ILUSIÓN PARVA. Aquela Galicia con atmosfera de soño é agora para min a máis real. Métome nos cadros para saír do pesadelo. Hai quen pensa que o quecemento global vai mudar en Galicia tropical. Unha ilusión parva para o inferno que vén, o da desfeita do clima atlántico. Hai unha visión tan reducionista, tan fanada, do que unha xeografía é que excluímos da nosa natureza o mundo submarino e, dentro del, as correntes mariñas, que son os camiños máis importantes na biografía da Terra. A Gulf Stream, a corrente do Golfo, é a alma térmica de Galicia, un gran Miño invisíbel.

No Miño visíbel vemos emerxer coa seca os lugares do pasado, os espectros das vilas e aldeas anegadas onde andarán a petar nas portas os espíritos anfibios do nosos Pedros Páramo. Mais pouco sabemos do noso gran río submarino. Para iso serven tamén os óleos de Lugrís. Esa aparente suspensión, esa espreita melancólica, esas cores de paixóns asolagadas, permítennos oír o rumor verdadeiro do tempo doente. Trazar unha cartografía de fóra a dentro. Interpretar o que en ollada imprescindíbel (Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, Edicións do Castro) Antón Patiño chama "o palimpsesto da auga".

Sentimos Lugrís como refuxio porque está a trunfar Marinetti, o futurismo entolecido. A velocidade impaciente, depredadora, descerebrada. A desfeita corre moito máis que a conciencia. Se aínda hai moitos que fan chanza do ecoloxismo, convencidos de que ocupan un camarote seguro no Titanic.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Nunha das sublimes cartografías de Lugrís aparece a lagoa de Antela, o mar interior da Limia, que sería recheo nos tempos do desarrollismo franquista. Un dos máis graves crimes ecolóxicos da nosa historia. No mapa de Lugrís vemos un paraíso e o símbolo que o sobrevoa é un pato salvaxe.

Daquela case todo o mundo calou ou asentiu. Case. Houbo anátidos ceibes que avisaron da descomunal burrada. Entre eles, Ramón Otero Pedrayo. Denunciou a "maquinaria pesada" que produce danos irreversíbeis. Unha metáfora certeira, contundente, que poderíamos aplicar hoxe ao enclave de Reganosa no corazón da ría de Ferrol ou a ese "plan acuícola" que vai chagar grandes espazos naturais da costa contra a vontade dos veciños. Velaí unha curiosa versión da xenial obra de Ibsen, Un inimigo do pobo. Quen é agora o inimigo do pobo, segundo os valedores do plan este? O inimigo do pobo é o pobo. Manda carallo! Queixámonos de que non hai conciencia medioambiental. Mais cando a hai, incomoda como os anátidos salvaxes que non caen na cazola.

Don Ramón é tratado de conservador na historia galeguista. E érao, abofé. Un verdadeiro conservador, e non un deses túzaros que confunde o ser conservador con ser reaccionario, deses que aínda levan por programa a mestura de benzón e labazada que daba algún bispo na confirmación: "Para que te acuerdes del Papa de Roma, toma!".

Eu ben sei que morreu lendo a Chateaubriand. Mais ás veces, nun deses pinchacarneiros cómicos que ten a historia, imaxínoo lendo a outros dous conservadores de prol, Carlos Marx e Federico Engels, que adiantaron no Manifesto comunista o que ía ser o cambio climático: "As relacións burguesas de produción e de cambio, as relacións burguesas de propiedade, toda esta sociedade burguesa moderna, que fixo xurdir tan potentes medios de produción e de cambio, asemellase ao mago que xa non é quen de dominar as potencias infernais que desencadeou cos seus conxuros".

O que non lle gustaba a don Ramón era a caza. Aí non exercía de fidalgo. Aínda que houbo, e hai, cazadores que foron a un tempo anátidos salvaxes. Por exemplo, Miguel Torga. Poucos como el souberon escribir dende a cerna mesma da terra e de cando en vez tirarlle á perdiz. Como o Miguel Delibes. Ou o noso Miguel Mato Fondo. A maioría dos voceiros das asociacións de cazadores din que eles tamén son ecoloxistas e os que máis queren o monte. Oxalá.

Da caza tradicional do raposo, ao xeito inglés, agora prohibida, dixo un autor satírico que era "o inexplicábel (o raposo) perseguido polo indescriptíbel (os aristócratas)". O que me parece un signo noxento do quecemento global transmitido a comportamentos humanos é o que poderíamos chamar a "industrialización" das batidas que se está a ver nos últimos anos en Galicia.

Douscentos homes armados a peneirar un territorio son moitos homes de dios, por máis que persigan a un ser tan perigoso como é o pobre xan das mañas. Nunha desas superproducións industriais da morte contabilizáronse 76 raposos abatidos. Iso non é caza nin eles cazadores. É outra cousa.

E que a Administración o permita é simplemente "inexplicábel e indescriptíbel".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_