_
_
_
_
_
Luces | XENTE DE AQUÍ

Otero Pedrayo, arredor de si

Don Ramón, así se referían a el nos últimos anos da súa vida: case unha estatua por tamaño e solemnidade. Resulta unha figura que asusta, tan esmagadora. No canto diso, aquel xigante era un rapaz alegre e gozador até a fin. Queixábase na vellez ao seu amigo e médico Domingo García-Sabell: "Case non teño pulos para lle escribir, pois levo arredor dun mes sen viño, algún vasiño ao xantar, sen o grolo de coñac, sen o café que desde Voltaire e Schopenhauer parés indispensábel a todo home que sinta a tonada do Rhin, o recender dos castiñeiros das Tullerías, a armunía da frase latina e o meigallo da pedra gris de pupila de Santiago". Talmente Otero, alguén que, grazas á cultura, vive esa hora cotiá de tomar o café sentindo con el os anos, as épocas, os séculos da súa Europa. Especialmente Chautebriand.

Para lembrar que fora un meniño, tivo que viaxar lonxe de aquí e de si
É un caso raro de intelectual que se ve a si propio con distancia
En Trasalba, Otero di que "atopaba a Galicia campesiña e asoballada"
Quitada Rosalía, non hai figura de igual tamaño na cultura galega

As circunstancias en que viviu obrigárono a encarnar a seriedade, a gravidade, mais nunca deixou de ser un rapaz alegre. E por que había ser triste un rapaz que naceu fillo único dunha nai cariñosa e un pai liberal e confiado, un médico ourensán da Rúa da Paz. O pai ficou na memoria do rapaz como fidalgo paternal que na súa casa grande de Trasalba daba tratamento médico aos campesiños sen lles cobrar. Esa imaxe foi a que educou ao seu fillo, para o Ramonciño así debera ser o mundo: un pai xeneroso e compasivo que coida da xente. O pensamento social de Otero Pedrayo estivo sempre suxeito a ese ideal. Non foi conservador por convicción intelectual nin por intereses de clase, nin sequera por esteticismo, foino por lealdade á súa infancia. "Doume conta de que falo dunha Galicia lonxana, que hoxe as cousas teñen que ser doutro xeito. A min gostaríame unha Galicia grande e campesiña (...) unha grande república campesiña". Otero nunca traizoou o seu país e tampouco a si propio, á súa infancia. Porén, para lembrar o meniño que levaba dentro primeiro tivo que esquecelo e viaxar lonxe de aquí e lonxe de si.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Con todo ser el alguén aberto á vida, era espírito delicado e retraído, "un áspero ourizo" diría el de si propio. E foi dar con dous rapaces semellantes, Vicente Risco e Florentino Cuevillas: un trío intelectualmente prodixioso, de señoritos exquisitos que desprezaban a sociedade provinciana na que vivían e o país que os creara, a Galiza invisíbel. Un trío de lambidos e elitistas, fascinados por París entre cursis e elegantes. Así lembraba o seu amigo Cuevillas, "con su alto cuello, su bombín, sus botines y su bastón para saludar a señoras y señoritas asomadas a los balcones, para entrar en la tertulia siempre viva desde media mañana de Temes".

En 1905, con 17 anos, intelectual exquisito e elitista pasa abril en Santiago e asiste á universidade, "todo era vellote e poeirento". En setembro viaxa a Madrid, encontra a cidade de Pérez Galdós e unha universidade que tampouco o satisfacía con profesores absurdos. E o Ateneo e as tertulias. "Escribir no mármol da mesa do café significaba o mellor símbolo do destino literario. Os diváns dos vellos, senatoriales, acollían os corpos xa cansos no Madrid inzado de serpes e medos blenorráxicos."

"Moitos de nós andabamos por Madrid coma sen búsola, como o Solovio da novela. (...) Lía Filosofía, Teoloxía, Ética, estudei os clásicos españois da Idade Media e do Século de Ouro, farteime de lecturas francesas e alemanas, ateigueime de doutrinas, correntes intelectuais moi de moda na Europa daquelas datas... Os meus anos en Madrid e en xeral os meus anos fóra da Galiza, foron naquel tempo unha busca sen acougo. (...) Quen era eu?". Marcha lonxe, vaga, "Madrid, Toledo, Burgos, París, Berlín...". Otero é un caso único na literatura galega e raro en calquera literatura dun intelectual que se ve a si propio con distancia, como se a súa vida fose un relato e el o protagonista. Reflexiona sobre a súa identidade con gran lucidez, nárranos o momento no que está a piques de dar un salto: "¡Cánto me costou descubrir a nosa Terra dando voltas polo universo e os libros! De cando en vez voltaba cheo de preocupacións diletantes á miña terra de Trasalba e ¿qué atopa alí? Unha Galicia campesiña e asoballada, xentes ignorantes, esquencidas de todos no seu curruncho, namentras eu andaba detrás das verdades dos libros, e aquilo queimábame no peito cada vez máis".

O salto que está a piques de dar o mozo Ramón é tan grande como a enorme distancia de todo tipo que había entre un señorito fidalgo intelectual exquisito de mundo e aqueles labregos analfabetos e pobres. Para salvar esa distancia precísase unha grande humanidade, un gran corazón e unha gran intelixencia. Mais o intelectual rigoroso consigo mesmo non podía construír esa ponte para comunicarse con esoutro lado do país sen razoalo. Tivo axuda: "A Antón Losada Diéguez. A el lle debo os meus primeiros achádegos, el foi quen venceu teimudamente o meu escepticismo o meu diletantismo de lector de Chateaubriand, a filosofía moderna e a historia de España, a miña casca de home culto".

Claramente Otero relata unha transformación. Non é unha conversión, pois segue a ser o mesmo intelectual esixente. Trátase dun descubrimento: dentro de si hai un outro Ramón que sendo quen é vai máis aló e intégrase nun ser colectivo, nun pertencer a unha terra e a unha xente. O mozo desarraigado: "Hai quen non entende nin entenderá nunca este sentimento, pero para moitos de nós era unha verdadeira traxedia o non ser de ningures". O intelectual individualista e exquisito tivo que vivir esa angustia da identidade persoal para descubrir que podía pertencer ao mundo a través do seu país. E transformarse así nun home reconciliado de vez. Iso permítelle vivir con plenitude o mundo: "Podo chorar diante da natureza.(...) Eu sentinme sempre un campesiño"

Que ese é o momento máis significativo da súa vida demóstrao que o narrase nunha interesante novela, Arredor de si. Aparecen nela dúas características que se funden no estilo de Otero: é un narrador, conta historias, sucedidos, mais para el a acción, a anécdota, é o pé para falar de ideas, de época, de historia da cultura. É un narrador culturalista. E toda a obra novelística que desenvolverá hai que entendela como unha obra culturalmente ambiciosa, que reconstrúe a historia da Galiza, Os camiños da vida, e un presente cheo de esperanza, Devalar, experimento literario de grande valor.

De inmediato ven a súa integración nas Irmandades da Fala e de seguido o Partido Galeguista. No PG manterá posicións conservadoras mais sempre na lealtade e con humildade: "Eu fun sempre un soldado de tropa". Irmandade é a palabra, unha fratría de homes. Xunto ao vencello coa súa nai e a amizade coa súa esposa, Fita, o compañeirismo nun mundo de varóns rexos e comprometidos case relixiosamente co seu país é o sostén da súa vida. Tivéronse uns aos outros para sobrevivir á historia terríbel, para transmitirnos a memoria prohibida da Galiza. Tras o golpe dos xenerais nacionalistas españois no 36, quítanlle a cátedra de Xeografía e vendo aos seus compañeiros asasinados ou fuxidos, retírase á súa casa de Trasalba. Ven un tempo terríbel de inferno e purgatorio, Otero resiste con dignidade e pouco e pouco, conforme o réxime se sinte máis seguro e tolera parcialmente a edición en lingua galega, vai saíndo do ostracismo e reintégrase no círculo dos galeguistas do interior, para quen encarnará a continuidade republicana. De volta nun Santiago que fai máis seu que nunca reparte sabedoría e difunde esperanzas, segue a escribir novelas, a monumental Historia de Galicia, fala en público, publica artigos en La Noche. Poida que no seu abondoso xornalismo estea o mellor Otero.

A vida transcorreu non como el quixera: "Puido ser mellor. Tería podido chegar a ser un bo novelista, pero non tiven tempo nin acougo". Mais cumpriu un destino, o seu. "Faime feliz a xente moza que me ven visitar a miúdo e na que vexo como viven e medran con novos pulos as vellas ideas que nós defendemos noutro tempo". Quitada Rosalía, non hai figura de igual tamaño na cultura galega.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_