_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Pachanga 'power'

As bandas que mesturan ritmos do mundo para facer bailar o público inzan a escena - A popularidade das orquestras contribué a explicar o fenómeno

Daquela, mediados os oitenta, Xurxo Souto unicamente soñaba con armar Os Diplomáticos de Monte-Alto. Remexía na discoteca da Radio Galega, onde colaboraba como locutor, e ficaba fascinado por Patchanka de Mano Negra -co escudo da Coruña na capa-, Los Lobos e Flaco Jiménez ou o primeiro elepé dos Pogues -Rosas vermellas para min. "Alí tamén descubrín o disco da Charanga do Cuco de Velle", lembra, "e para min había unha conexión profunda entre todos eses elementos". Desa alquimia, peneirada pola ética e a estética punk e pola particular lírica arroutada de Souto, emerxeron Os Diplomáticos, probabelmente o grao cero da pachanga en Galicia. Vinte anos despois, a escena mestiza non só non murchou, senón que segue a sumar bandas e animar verbenas, centros sociais ou festivais de verán.

"O Cuco de Velle adiantouse á mestizaxe 30 anos", di Abraham 'El Niño'
"Este é un país festeiro, que lle gusta troular", opina Davide Rodríguez

"É que aquí sempre houbo pachanga; os galegos somos un pobo de emigrantes, levamos músicos alá e trouxémolos aquí", afirma categórico Álex Novas, o cabeza dos dez músicos que forman La Tuna Rastafari, "moitas das músicas da Península introducímolas nós, xente que traballaba en Cuba, no Uruguai, en toda América". Dedicados a acelerar rancheras e mesturalas coa rumba catalá ou a cumbia de Colombia, autores dun Carne de pachanga que resulta declaración de intencións dende o título, La Tuna Rastafari proceden do Morrazo e aprenderon o oficio nos furanchos de viño novo. "Somos furancheiros e daí quedounos o das rancheras", confesa orgulloso Novas.

E se Novas cita o referente de Manuel Daponte, autor d'O gato que popularizou A Roda logo de lla escoitar nunha taberna do Berbés, Abraham El Niño fala, outra vez, do Cuco de Velle. "Hai 40 anos mesturaba todo tipo de músicas, adiantouse ao que logo se chamou mestizaxe", considera. Con O Sonoro Maxín, combo esgazado de Lamatumbá, Abraham practica a cumbia en galego. "É o estilo co que nos sentimos identificados", explica, "sobre todo polo que significa para o baile, mover os pés e axiña mover as ideas". A banda, con base en Ourense, recoñece antecedentes indíxenas da súa peculiar aposta musical. Pero son escasos: A Santiago voy, de Los Tamara de Pucho Boedo nos setenta, e a Cumbia china, dos Resentidos, na seguinte década. Ambas as dúas fan parte do repertorio en directo d'O Sonoro Maxín.

A Cumbia china, esa oda de Antón Reixa ao Barrio Chino de Vigo, atópase na xenealoxía do melting pot musical galego. Ratifícao Xurxo Souto, investigador da materia: "Os Resentidos pasaron da estética industrial do principio ao Fracaso tropical, o seu disco de 1988; a Cumbia china é unha versión coa letra cambiada". Naqueles anos, fai memoria, o Reixa punki presentáballe os respectos a un abraiado Sito Sedes de Los Satélites. E é que a popularidade e omnipresenza das orquestras ten a ver, segundo Souto ou Álex Novas, coa querenza dos intérpretes galegos polos sons bailábeis. "Neste país, as músicas mestizas saen cunha naturalidade infinita", engade o xefe dos Diplomáticos, "existe un substrato musical extraordinario; a nosa mestizaxe é moito máis natural que a que se fai en Barcelona".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A Barcelona tamén se refire Antón Papaqueixos, e tampouco o fai en termos afagadores. "A min a pachanga paréceme aburridísima", ri, "todas esas bandas barcelonesas...". Baixista d'Os Tres Trebóns -que comanda Xurxo Souto e na que fichan os ventos d'A Magnifique Band dos Homes sen Medo-, e de Ultraqäns, Antón prefire falar da escena en Galicia como dunha "variante autóctona, a herdanza do bravú". Para el, Os Tres Trebóns non son outra cousa ca un cuarteto tradicional "pero a toda velocidade, con toques mexicanos e dos Pogues" e os Ultraqäns, "folk punk progresivo con aires balcánicos". "Papaqueixos [lendaria banda bravú disolta contra finais dos noventa], fódeme moito dicilo, si que fixemos mestizaxe", acaba por admitir, "aínda que moi influenciados polos Pogues e por Gwendal". "Pero o prato máis importante da cociña galega, cal é? O cocido; e as patacas, de onde viñeron? De América", conclúe.

As ensinanzas de Papaqueixos non se perderon no tempo. En Manzaneda, e encabezados polo que hoxe é alcalde nacionalista da localidade, Davide Rodríguez, operan dende hai anos Os Cuchufellos. O que empezou como grupo de música tradicional, pasou logo pola fase speed folk, até chegar ao seu actual e frenético ska balcánico. "A nosa evolución veu sen buscala, por bandas que nos gustaban a todos os cuchufellos", relata. Diplomáticos, Papaqueixos ou O Jarbanzo Negro -outros pioneiros en aprender de Mano Negra, dos Clash menos punk e con Pulpiño Viascón na batería- levaron aos de manzaneda á feitura de Achegaivos fregueses, o seu último cedé.

"Este é un país festeiro e á xente gústalle troular", opina Rodríguez, "e demanda estas músicas". En La Tuna Rastafari coinciden co diagnóstico nacional emitido dende Manzaneda. "Os galegos temos esa cultura de festa", sostén Álex Novas, "e, ademais, as orquestras non deixan de ser iso, música mestiza". Máis alá da verbena, onde Xurxo Souto detecta "a multitude de estímulos musicais recibidios polos galegos", atópanse as bandas municipais, eses "conservatorios enxebres". "Por iso hai grandes metaleiros neste país", matiza divertido Antón Papaqueixos, "pero dos que tocan instrumentos de vento".

É Souto quen máis teorizou sobre o asunto da pachanga. "Somos un pobo moi culto musicalmente", argumenta, sen ánimo ningún de retranca, "que, fóra do rock & roll, medramos expostos a ritmos tropicais ou mexicanos. Iso sen falar dos apelidos galegos que hai, por exemplo, na autoría de numerosas melodías cubanas". Non por acaso a rumba foi importada para gaita polos emigrantes en América Latina a comezos do século XX. E a canción popular galega máis célebre, A Rianxeira, construíuse sobre un aire mexicano. Con ela homenaxearon os seus paisanos a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, exiliado en Buenos Aires despois da Guerra Civil.

Relevo na nómina dos mestizos

"A abundancia de bandas é relativa", explica Souto, "pero é certo que as segue habendo, e cun un discurso vehemente". Os ourensáns Lamatumbá conseguirón facer do seu Licor do negro café! un hit que mesmo pasou ao repertorio das orquestras. Como tamén pasou Estomballada, d'A Banda de Balbina. Antes, no cambio de século, O Jarbanzo Negro ou A Matraca Perversa definiron o concepto mestizo no noroeste peninsular, arrimados á música para danzar. Os xa separados Banda Potemkin -merengue, funk, tradicional-, ou os ribeirenses A Companhia do Ruído -reunificados hai nada-, estenderon a idea pachangueira na escena musical da pasada década.

The Turre's Band [A Banda do Torreiro] elevan o metal, non o heavy senón o da sección de ventos, a categoría propia. Autodefinidos como ska swing, chegaron a sintetizar a muiñeira-ska. Os Festicultores, Exército Gherrilleiro das Festas Armadas, torcen máis polas sonoridades balcánicas -Goran Bregovic, The No-Smoking Orchestra, Fanfare Ciocarlia-, pero en formato charanga.

Non exactamente adscritos ao xénero, e porén tanxentes a certas estéticas mestizas, están Som do Galpom. Reggae, hip hop, funk e letras politizadas deron forma a Em terra de ninguém. Galegoz, con parte do que fora A Matraca Perversa, viran cara á electrónica con voces raggamuffin.

Mais o relevo parece seguro. Duplo Son, da Coruña, autodefínense coa etiqueta chicano power. Skaralhados tiran de saxo, trombón e trompeta e Fracasados de Antemano supoñen, a dicir dalgunha crítica, a promesa do sector. Entrementres, O Sonoro Maxín gravarán este verán o seu primeiro disco no País Vasco, da man de quen fora guitarrista de Negu Gorriak e metade, con Antón Reixa, de Nación Reixa, Kaki Arkarazo. E serán pioneiros en formato longo da cumbia cantada en galego.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_