_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Palabras almacenadas

A Real Academia ultima a ampliación do seu dicionario - O volume máis popular continúa a ser o Xerais, con máis de 500.000 exemplares vendidos

Contra final de ano, a Real Academia Galega publicará a nova edición do seu dicionario. Un equipo de sete persoas coordinado por Manuel González elaborou as 50.000 entradas que, arestora, se atopan en fase de revisión e suxestión dos académicos. "A redacción está rematada", confirma González, quen non se atreve a fixar unha data de saída. Pero o volume da máxima autoridade lingüística non navegará en solitario: diversas editoriais compiten no mercado con almacéns lexicográficos en forma de libro.

"Existen varios dicionarios moi respectábeis", recoñece Manuel González, "pero o da Academia ten que dar, sobre todo, confianza". A obra, adaptada aos cambios normativos de 2003 e o primeiro vocabulario que bota a institución dende 1997, asegura lexitimidade a partir de tres fontes lexicográficas: todos os dicionarios existentes e os "corpus representativos do galego escrito actual e máis do galego oral". As pescudas previas do Instituto da Lingua Galega -Vocabulario ortográfico da lingua galega, dispoñíbel na Rede- ou do Centro Ramón Piñeiro -o Tesouro fraseolóxico, entre outros- fundamentan a "autoridade" que, a dicir do coordinador, debe presentar o dicionario académico. No seu normativismo en materia ortográfica, de significados ou en morfosintaxe reside o outro valor salientado por González.

"O dicionario da Academia debe dar confianza, mostrar autoridade"
Bieito Ledo, de Ir Indo, aposta pola Rede: "O papel tende á desaparición"

Pero un dicionario tamén fala sobre si mesmo. "Libro no que se recollen as palabras dunha lingua, os termos dunha ciencia, arte, etcétera, xeralmente ordenadas de xeito alfabético, coas súas correspondentes definicións", autodefínese o Xerais da Lingua, best-seller lexicográfico por excelencia. Na súa versión escolar conta, dende 1989, 325.000 exemplares vendidos. O popular volume laranxa, case 200.000. "O dicionario Xerais rompeu co panorama lexicográfico da época", lembra o seu coordinador, Xosé María Carballeira. A época referida era a que seguiu á publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), redactadas polo ILG e primeiras táboas da lei do galego oficial.

"Daquela, unha tendencia ao normativo dominaba na recollida de léxico", relata Caballeira, á fronte dun equipo integrado por Carme Hermida, Primitivo Iglesias, Carme Ares, Xosé María Lema e Rosa López. No Xerais decidiron ampliar fontes e acudir a 70 clásicos da literatura galega, teses e monografías científicas, a revisión de materiais léxicos existentes, palabras doutros idiomas "pero perfectamente lexítimas" e a "sabedoría lingüística dos propios autores" contribuíron á "certa singularidade" da que presume Carballeira. A primeira edición do Gran Dicionario Xerais da Lingua, en 2000, supuxo a cima do labor da editorial de Vigo: máis de 90.000 entradas e unha posición de referencia no seu eido.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Xosé María Carballeira revela que a actualización do Gran Xerais, practicamente finalizada, implicará algo máis que adaptar o volume ás modificacións normativos. "Trátase dunha revisión moi profunda", afirma, sen apuntar máis mudanzas que a suma de léxico. Tal vez para achegarse ao coñecido como dicionario Estraviz, que anda xa, segundo o seu coordinador Isaac Alonso Estraviz, polas 126.000 entradas.

Iniciado en xuño de 1979, no traballo do Estraviz empregáronse 14 persoas. Tres editoriais diferentes encargáronse da versión en papel, a última en 1995. Partidario da unidade lingüística galego-portuguesa, Alonso Estraviz non fala de fontes lexicográficas. "O léxico patrimonial que aparece no dicionario é totalmente popular galego", explica, "pero afástase dos outros na ortografía empregada, propia de toda lingua románica e afín á variante portuguesa da lingua común". O Estraviz, cuxa riqueza léxica é recoñecida en ámbitos académicos e literarios, escolle "dentro das variantes auténticas que temos na Galiza, as que son comúns coa lusofonía, e peneiramos castelanismos".

O propio Alonso Estraviz sitúa parte do combate na necesidade de solucionar "a pobreza do mundo literario galego en canto a léxico". "As editoras e os organismos oficiais obrigan aos escritores ao emprego de determinados termos", continúa, "levándoos a un empobrecemento total". Os datos: "Redúcese o emprego do galego a 10.000 entradas; só eu en Cualedro e Trasmiras [Ourense] recollín 13.000". O Portal Galego da Língua, en Internet, abeira a versión electrónica do dicionario Estraviz dende xaneiro de 2005.

O responsábel da editorial Ir Indo ten claro o futuro ciberespacial de dicionarios e enciclopedias. "Os dicionarios en papel tenden á desaparición", indica Bieito Ledo. Para pradicar co exemplo, o Dicionario Ir Indo -65.000 entradas, 2.000 páxinas, en normativa de 2003- funciona na Rede ligado á páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística xa nos tempos do bipartito. Facturado polas 30 persoas que se encargaron, tamén, da Enciclopedia Galega Universal, Ledo gábase da súa aposta electrónica e sobe nela: "Dicionarios e enciclopedias deben estar en aberto na Rede, mediante acordos coa Xunta".

Con todo, o editor sabe de tentativas comunitarias de substitución dos códigos pechados de enciclopedias e dicionarios tradicionais. "Pero o noso traballo leva canda si un rigor do que carece a wikipedia", sinala, "e, ademais, non existe unha con perspectiva galega". En realidade si existe, de nome galipedia, aínda cun número relativamente minguado de entradas. O optimismo tecnolóxico de Bieito Ledo complétase cos planos gobernamentais de dotar de computadores aos alumnos de educación primaria. "Pais e profesores deberán reciclarse", expón.

Do Dicionario Século XXI, nas librarías da man tripla de Galaxia, O Castro e Do Cumio, fala o coordinador da súa vertente lexicográfica, Xosé Antonio Pena. "Partimos dunha base de datos previa", lembra Pena, que abandonou o proxecto en 2006, "e eramos seis persoas traballando no dicionario". "Tradúcense palabras, case sempre do castelán, a lingua de referencia", admite refrendando as consideracións de Estraviz, "nun traballo de puído constante". Pena láiase, porén, da ausencia "dunha obra de referencia de entre 50.000 e 60.000 entradas". "En parte é culpa da Academia, pero non só", conclúe.

A incógnita é se o agardado volume da RAG poderá erguerse nese lugar. Estraviz lembra que os dicionarios oficiais "nunca foron feitos por académicos, simplemente os aprobaban". Nos anos 20, o primeiro intento dicionarial da institución da rúa Tabernas clausurouse antes de rematar o C.

Dicionarios

- Diccionario da Real Academia Galega; Real Academia Galega, editorial Galaxia e Edicións Xerais de Galicia, elaborado conxuntamente co Instituto da Lingua Galega; 1997. 25.000 entradas. Antes de final de ano, sairá a agardada edición revisada e ampliada.

- Gran Dicionario Xerais da Lingua; Edicións Xerais de Galicia, coordinado por Xosé María Carballeira; a última edición data de 2000. 90.000 entradas. A empresa ultima unha revisión "moi profunda" do volume.

- Dicionário da Língua Galega; terceira edición en papel en Edicións Sotelo Blanco, coordinado por Isaac Alonso Estraviz; 1995. Opta pola reintegración ortográfica entre galego e portugués. Na versión electrónica conta, en 2009, con 126.000 entradas e continúa activo. www.estraviz.org.

- Dicionario de galego; Ir Indo editora; 2004. Máis de 65.000 entradas. Dispoñíbel en liña na páxina web de Política Lingüística ou en www.digalego.com. Na variante elctrónica combínase cos datos recollidos na Enciclopedia Galega Universal.

- Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega; editorial Galaxia, Edicións do Cumio e Ediciós do Castro, coordinado por Xosé Antonio Pena; a última edición data de 2006. 80.000 entradas. O dicionario encádrase no proxecto Século 21, "unha liña de materiais de acceso, aprendizaxe e uso da lingua galega".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_