_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O Paraugas contra o Apartheid

Manuel Rivas

Disque en Santiago a chuvia é arte. O que é arte son os paraugas. Os paraugas cando combinan e marchan por Compostela. Esvaeceuse na turbulencia histórica o soño dun gran Partido Galeguista. Mais o que temos nestes limiares convulsos do século XXI e unha magnífica ferramenta cívica de marca PG: o Paraugas Galego. Ou o Parachuvias de Galicia.

-E vostede de que partido é?

-Eu non son de partido. Son do Parachuvias de Galicia!

Velaí as dúas máis grandes 'performances' de saudade vangardista na historia da arte universal. O 1 de decembro do 2002, o día do Nunca Máis, centos de miles de paraugas ateigaron as rúas as prazas todas. O temporal tiña o xeito dunha catástrofe ecolóxica agravada polo desleixo político e a cobiza delincuente. O 17 de maio do 2009, outra chea de paraugas fixo levitar Compostela. Desta vez a metáfora do temporal é unha ameaza de seca para o idioma nacido en berce galego, de prexudicar o medio ambiente no que se desenvolve a lingua galega. Se cadra por iso choveu tanto en Compostela. Polo medo á seca. E por iso había tantos paraugas. Para comunicarse. Para ter conta das palabras. É unha misión que Elias Canetti atribuíu aos escritores: ser custodia das palabras. Mais en Galicia esa función fanna os paraugas.

En Galicia hai que estabelecer un índice pluviométrico para medir as multitudes

En primeiro lugar, os paraugas galegos adoitan ser competentes, mesmo hainos co alcume de 'sete parroquias', para albergar alomenos unha parella, unha familia ou unha asociación. Son, pois, fogares en marcha. Que outra cousa é a verdadeira cultura? Por outra banda, os paraugas galegos comunícanse e convócanse entre si ao emitiren un ultrasón en morse de chuvia que repica. E ademais, o Paraugas Galego, esa converxencia de paraugueiros ceibes, comunica Galicia co planeta. É un agrupamento de pequenos satélites, co seu xeito parabólico. Así pasou no 2002. E, en certa medida, volveu a pasar este domingo 17 de maio. Despois da manifestación na Quintana, chamou unha amiga de Arxentina e o primeiro que me dixo foi: "Che, viste! Acabamos de verlo acá, en la televisión. Eran miles de paraguas!".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

'Eran miles de paraguas!' Non é para emocionarse? Un pacífico xentío alzado alegremente con paraugas! Espectadores no planeta, na China, en Canadá ou no Irán, co ollar enfexo ante a revolta ética e estética do Paraugas Galego. As Irmandades da Fala definiron Galicia como "célula de universalidade". Pois hai días que a célula é un paraugas. Un paraugas de universalidade. Dixeron que habería vinte mil persoas, os da policía local. Home, haber habería vinte mil paraugas. Caendo como caía a chuzos, debaixo de cada paraugas ía polo menos un cuarteto. En Galicia hai que estabelecer o índice pluviométrico para medir as multitudes. Un plus de mollados. Agora que hai tanta gratificación, que o goberno subvenciona a compra de furgonas novas, pois poderían aboar o importe dun paraugas por galego que se molla. Pola ganga de dez euros, non se merca un ben útil, senón tamén un símbolo vivo da liberdade galega. Para cando os xornais, que reparten toda clase de atípicos, levarán o agasallo dun paraugas co seu exemplar do domingo?

Hai moi diferentes respostas a un temporal. Mesmo hai quen non o quere ver, o temporal. Ou quen di que abre o sol cando o ceo tolda. No noso acervo, hai un proverbio durísimo que expresa con escatolóxica claridade o que dende Hegel se chama alienación ou negación do real: "Mexan por nós e dicimos que chove". Nunca entendín moi ben porque hai xente que ri o dito como se fose da familia das brincadeiras, ai que irónicos somos!, que relativismo!, etcétera, etcétera, cando é unha denuncia directa aos miolos conformistas. Para min humor, fina retranca, sutil pensamento heterodoxo, haino nestoutro ferrete que semella ter nacido do caletre popular como aforismo crítico para definir o tipo de político e xornalista que agora andan moi farrucos polos nosos eidos: "Por cada verdade que di cáelle un dente e aínda os ten todos".

Xa temos, pois, dous aforismos complementarios que resumen un tempo. Un, o do mexo, que expresa o mecanismo de interiorización da tradición servil. E outro, o da dentadura perfecta, que apunta á fabricación das trolas que alimentan esa tradición. Tradicións hai moitas, e o presente de cada día tamén é un pretérito futuro onde se dilucida que tradición pode ser dominante ou inspiradora. Hai tradición mexona e hai tradición de auga limpa. Hai tradicións que feden e hainas que dan vida, que fertilizan a historia. O paraugas está dende hai moito tempo presente na nosa iconografía. Hai moito paraugas nas viñetas de Castelao. E hai paraugas máxicos na imaxinación de Cunqueiro. Mais é agora cando se está a crear unha tradición liberadora e solidaria co Paraugas Galego. Un pretérito de futuro paraugueiro.

Co ocorrido nas pasadas eleccións, volveu a retomarse o tópico da Galicia de xeoloxía política conservadora. Despois do sismo que abrira á porta a un cambio progresista, produciuse un movemento á contra e as pedras asentaron onde estaban. Moitos comentaristas e analistas respiraron confortados. Non porque en Galicia gañase a dereita, senón porque así non tiñan que facer fronte á rareza de que en Galicia gobernase unha rara coalición de esquerda e de nacionalistas rabudos. A situación en Galicia, dende os dez días que fixeron abanear a Aznar e chimparon a Fraga, esixía unha análise complexa. E non estamos para análises complexas. Imos ver. Cantos caracteres e cantos píxeles se necesitan para analizar unha realidade complexa? Dez mil, vinte mil? Pois non pode ser. Non hai espazo nin tempo para tanto. Non é obriga do xornalista analizar unha realidade complexa. Pola contra, é obriga da realidade complexa o simplificarse. Agora xa andan contentes os analistas. Xa teñen outra vez Galicia metida no tópico.

Mais non andan pola rúa con paraugas para comprobar que a realidade é un ser mutante. E para detectar que a contabilidade electoral ten que asemellarse ao que Lester R. Brown chamou o "mercado honrado". É dicir, ten en conta en cada medida os custes humanos e ecolóxicos. Agora xa sabemos o que había detrás da gran trola da "imposición lingüística": o intento de estabelecer no ensino un réxime de segregación e 'apartheid' en función da lingua. Terá tamén o seu correlato no transporte público escolar? Irán no autobús a un lado os "negros" que falen galego e ao outro, os "brancos" que falen castelán? Haberá dous autobuses? Non son partidario de aconsellar lecturas. Que cada quen goberne o seu canon. Mais é urxente enviarlle a este goberno 'O factor humano', o libro que John Carlin escribiu sobre Nelson Mandela e a súa habelencia e intelixencia para unir un país e non para esgallalo. Antes, pois non dicían 'sexo', separación por 'saias' e 'pantalóns'. Agora, pola lingua, dividir a infancia e a mocidade dun país en cuartos separados. Velaí utilizando a Autonomía para isto. Que noxo, que fedor, que maldade!

Algo que parecía incríbel, pode ser certo. Así ocorre ás veces cos pesadelos. Hai xente que fabrica soños e haina que fabrica pesadelos. A que min a que me gusta é a que leva un paraugas.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_