_
_
_
_
_
Reportaje:O creador no seu Obradoiro | LUCES

Pepe Galán, o ferro refractario

O escultor coruñés expón os seus últimos achados na Galería Atlántica

"Óe!", berroulle unha mañá un costaleiro a outro que aínda durmía, "sei dun que, por ben madrugar, atopou un costal!". "Xa!", retrucoulle o outro, "pero qué me dis do que o perdeu por se erguer tan cedo?". Pepe Galán foi un artista madrugador, un creador pioneiro, e, dende os anos 70, non para de atopar costais. Os primeiros tiñan forma de cadros, pois a pintura foi a fariña coa que empezou a enfornar. Pero a partir dos anos 80, os cadros levedaron ata deviren nas esculturas que hoxe poboan o seu obradoiro. Da pintura á escultura. Da figuración á abstracción. Pepe Galán, no seu casco de cortén, sempre a navegar.

Abonda con cruzar ese limiar do Monte Alto coruñés para decatarse de que Galán é un loitador preocupado polo seu país, comprometido coa súa xente. Un deses "refractarios" que, consonte o poeta René Char, se negan a aceptar o prato de bazofia que lles serve a desesperanza. As paredes do seu taller -case que de mecánico- están cubertas de carteis, recortes, fotografías, lembranzas de toda caste sobre os combates civís acontecidos na Galicia no que vai de século. Penduradas dun muro, escintilan as datas dos naufraxios de petroleiros dende 1961 ata 2002, crise do Prestige. As mesmas que pasaron do xiz ó ferro, do ladrillo ó vidro dunha das súas últimas pezas: Mayday 03.

A partir dos anos 80, os seus cadros levedaron ata deviren esculturas

Ese grito, Mayday, é o título da exposición que dende o día 26 deste mes ocupa a Galería Atlántica da Coruña. Mayday, día de maio en inglés, aínda que, en realidade, o código de emerxencia empregado na aviación e na navegación procede da expresión francesa "venez m'aider", "veñan axudarme". O tema é claro. Pero, por se non, Galán emite dende as súas pezas outros sinais parellos, en galego ou en morse. Pan-Pan, Pan-Pan, Pan-Pan. Di di di, da da da, da da da, di di di. Coma o xa célebre poema de Manuel Rivas: "SOS, Socorro, Que afundimos! Nós sós!".

O propio obradoiro semella arestora unha paisaxe despois do desastre. Pezas pequenas e xigantescas abrollan por todas partes. "Os fitos", di Galán, "do meu mapa mental". "Esta é unha exposición sobre o noso territorio e a nosa memoria colectiva". Unha fraga na que as árbores teñen traza de interrogacións. Un mar no que as boias tanxen preguntas. "Basicamente, as obras que fago son un xeito de cuestionarme, de matinar sobre o que pasa, de entender o presente para albiscar o futuro. Se é que o temos!". Xa que o presente só se enxerga analizando o pasado. Os porqués do pasado.

A circunferencia é o símbolo que articula Mayday. O círculo e o seu baleiro: "Para min representa non só a natureza, a unión dos puntos ou a bóveda celeste senón tamén o mar, o feito de mergullarse, con todo o que iso implica". O círculo, o ferro. O mar -non baleiro senón cheo de mortos e de chapapote-, o cristal. Os parabrisas reciclados dos coches. "Cheguei a eles a partir dos soportes de plástico que empreguei para realizar a serie pictórico-escultórica de Fendas e áncoras no vento", explica. A abstracción conceptual, tan característica deste creador que rexeita "dar as cousas mascadas ó público", ó espectador activo, dialogante que el arela, "é menos hermética, se cadra, que noutros traballos meus, grazas, en parte, as letras integradas nas pezas".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

NW: a sombra das siglas do noroeste -que suxeitan, a modo de patas, un destes cilindros mensaxeiros- deveñen en NM, en alusión "talvez ó movemento de Nunca Máis". Outra das súas "invitacións á reflexión, que non homenaxes" formula a cuestión Man, o radical de Camelle. Outra, "saúde e terra", a da República. Outra, a que di "Bahía", pregúntanos por que continúan a morrer tantos mariñeiros faenando. Outra fálanos "da emigración actual, non da da posguerra; desta crise, a todos os niveis". Outra, "unha peza honorífica", foi creada ex profeso para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, "igual cá escultura dos Mortos do Portiño".

A min, secasí, a que máis me impresiona é unha desas "columnas infindas", tipo Brancusi, dentro da cal penduran varios parabrisas coma porcos abertos após a matanza. Galán, abofé, fuxe de explicarme ese conxunto de imaxes tan poderosas e desalentadoras asemade, Mauday 04. Mais, á vista das sílabas que compoñen o seu brúo de alarma, eu dou en coidar na conciencia escachada dun pobo, o noso, que xa non se estima, que xa non se valora, que xa non se respecta a si mesmo.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_