_
_
_
_
_
ROLDA DAS LETRAS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Pintan bastos

Voltan as novidades ás librerías, aínda que con cautela pois pintan bastos para o libro galego. A recente anulación das axudas ao libro de texto deixa moitas editoras ao ventimperio, obrigadas a competir coas multinacionais do sector que abaratan custos (e aumentan o seu beneficio) a base de clonar modelos de libro estándar, sen preocuparse dos destinatarios. E unha pensa se sería moito pedir ao profesorado deste país que se comprometese co libro producido polas editoras de nós, uns libros feitos por nós e para nós, pensando en formar os cidadáns futuros deste país. Porque eses libros de texto son o balón de osíxeno que permite que as editoras afronten proxectos ambiciosos e arriscados. Claro é, as editoras galegas non poden facer os agasallos que fan moitas de fóra pero ¿iso é tan importante? ¿Non o é máis manter viva unha industria editorial que arestora é unha das trabes que alicerzan a nosa cultura? Os tempos son chegados, se queremos sobrevivir como colectivo dotado dunha identidade, do firme compromiso de cada un de nós coa nosa produción cultural, e iso, nestes intres, pasa por mercar libro galego. Tamén de texto.

Que as pequenas editoras non sexan síntoma da síndrome de Liliput Hoxe precisamos metas ambiciosas que nos levanten a autoestima

Nos andeis vese sobre todo moita pequena editorial, desas case unipersonais que sobreviven grazas a proxectos especializados e que polo tanto, ao non aspiraren a grandes vendas (non sería realista que aspirase a iso un libro coma O vervo xido, sobre a fala dos canteiros de Cerdedo), tampouco demandan un esforzo de distribución. Ben está. Só desexo que isto non sexa unha nova manifestación da síndrome de Liliput. Como somos poucos e pobres, xa se sabe, hai que ir tirando co de andar por casa. Pois non. Máis que nunca hoxe precisamos de metas ambiciosas que nos levanten a autoestima, como a exemplarmente anotada versión galega dos Sonetos de Shakespeare, ou como sería a tradución do Ulysses de James Joyce, que non foi considerado como un proxecto merecente dunha axuda para grandes proxectos editoriais por parte das nosas autoridades políticas. Si o foi a publicación de Os morenos de Lavadores.

Aínda que cómpre recoñecer que a miúdo esas pequenas editoras nos ofrecen agasallos audaces e inesperados: velaí a antoloxía das Cartas do cárcere (estaleiroeditora) de Antonio Gramsci, cativadoras pola poderosa talla intelectual e moral do seu autor. Mágoa que a introdución histórica que as acompaña (farragosa ás veces) non vaia acompañada dunha achega sintética á biografía e ao pensamentos gramscianos, aspectos estes non totalmente reconstruíbles a partir do epistolario. Todas as mulleres que fun (Corsárias) de Andrea Nunes Brións é un poemario que, sen pretensións de orixinalidade, supón o reencontro coas voces de mulleres que nel ecoan e, polo tanto, a continuidade dun discurso que botabamos de menos nos últimos tempos.

Moito me temo que o eido da tradución sexa un dos primeiros que se resinta da contracción económica e psicolóxica da crise. No entanto, aproveitemos para disfrutar de obras maxistrais como A verdade sobre Marie de Jean-Philippe Toussaint, un texto redondo, no que se recoñece a pegada do Nouveau roman francés na ollada minuciosa dun narrador que consegue facer dos elementos obxectivos a ponte para afondar na identidade dos personaxes, prescidindo de especulacións psicoloxistas. Malia a súa relativa brevidade, a novela déixanos episodios antolóxicos, como o do cabalo purosangue desbocado por un aeroporto xaponés.

Outra tradución prometedora pero cun resultado moito menos feliz é C de Tom McCarthy. Título enigmático, que alude tanto á inicial do apelido do protagonista como ao símbolo químico do carbono, elemento fundamental da vida na terra. Con aspectos logradísimos (todo o que ten que ver cos personaxes do pai e da irmá, a estadía de Carrefax nun balneario centroeuropeo) e outros irritantemente rocambolescos (o acto sexual no angosto túnel dunha tumba exipcia) o ritmo da narración reséntese dun exceso de digresións, a miúdo sobrantes de tecnicismos. Aínda que tamén moi extensa, Despois da medianoite, da escritora tamil Salma, resulta completamente diferente. Ante novelas coma esta unha pregúntase cantas grandes obras estamos inevitablemente condenados a ignorar por mor da distancia xeográfica e cultural. Sendo ben interesante o argumento, que nos achega á vida dunha comunidade musulmá na rexión india de Támil Nadu, sobre todo ás limitacións cotiás que padecen as mulleres, a novela é moito máis. Despois da medianoite consegue que nos mergullemos nun mundo no que rexen pautas diferentes ás que estamos afeitos, pautas lingüísticas e pautas temporais: a autora consegue que a lectura se contaxie dos ritmos dunha sociedade que se move ao son dos ciclos da natureza e na que os días e as horas teñen unha durée particular, e consegue tamén situarnos nunha posición de inferioridade ou, se se quere, de estranxeiría, ante un texto que a miúdo se resiste á apropiación que ao cabo é toda tradución. Somos nós os que temos que facer o esforzo de acceder o texto, non o texto que se nos revela. E isto, nunha novela que inevitablemente lemos dende a superioridade do noso Primeiro Mundo, é unha experiencia máis mobilizadora que calquera lectura panfletaria que do texto se queira facer.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

An Alfaya ten demostrado que é un valor seguro das nosas letras e a ninguén sorprendeu que resultase gañadora do Premio novela por entregas de La Voz de Galicia 2010 con Vía secundaria, editada en libro logo de aparecer pinga a pinga nas páxinas do xornal. Trama interesante, ben anoada, arredor de cuestións de actualidade, e personaxes definidos con eficacia, malia a brevidade que impón o formato, son os principais méritos dun texto que reafirma a solvencia da autora. Ben ensarillado está tamén o complexo argumento de In vino veritas de Francisco Castro, novela de extensión desusada para o que se adoita no policial, se cadra polos moitos fíos temáticos que nela conflúen, dende o telelixo á enoloxía. A combinación de ambientes tan dispares, como dispares son os personaxes que os habitan, e o contraste deses elementos coa figura absolutamente convencional do detective, son as claves dunha novela que quere ser tamén un xogo paródico coas convencións habituais do xénero.

Pola contra, a ambigua condición fenomenolóxica das páxinas que conforman Brasil no centro de Xavier Rodríguez Baixeras desorienta unha lectura que se iniciara guiada polas expectativas creadas polo seu Diario de comidas. Con bo criterio, o autor non incluíu ningunha etiqueta xenérica no título pero a desorganización cronolóxica do material narrativo, así como certa indefinición da natureza deste, prexudican unha obra na que latexan a ambición literaria e a profundidade á que o autor nos ten afeitos.

E baixamos o pano destas liñas con Cuando Compostela subió el telón, de Alejandra Juno, un libro curioso que pretende ser a historia da primeira década de actividade teatral da Compañía Ditea. Mágoa que a autora optase por centrarse só nesa década, decisión que se comprende mellor cando se repara nas case 400 páxinas que precisou para historiar esa etapa fundacional. Por tras da obra intúese a existencia dun arquivo ben organizado que Alejandra Juno tivo que coñecer a fondo antes de redactar este texto, pero se cualifiquei esta obra de curiosa non foi tanto por ser contribución fundamental ao coñecemento da historia do teatro galego, senón polo que achega á historia local de Compostela. Polo libro circulan personaxes anónimos ou ben coñecidos da vida capitalina: as anécdotas din máis que moitas monografías especializadas sobre a vida cotiá, ou sobre o papel da censura, da igrexa e da universidade na sociedade da época.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_