_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Regreso ao "poeta puro"

Galaxia publica 'todo' Luís Pimentel, aínda orfo de revisións críticas - A cultura galega asumiu como propio a un autor que escribía en castelán e era traducido polos seus amigos

"O que non o lea agora é porque non quere", oufánase Araceli Herrero. A comezos de marzo preséntase en Lugo Luís Pimentel. Obra completa (Galaxia), na edición da profesora luguesa. Herrero remata así o traballo que comezara nos anos 70 por recomendación de Ricardo Carvalho Calero. Acabar a obra do único poeta maior da Xeración de 1925, despois de Nós, que traspasa -mortos Amado Carballo e Manuel Antonio, canda el o gran renovador da poesía galega despois do Rexurdimento- a fronteira da guerra. Foi entón, segundo Luz Pozo Garza, (A bordo de 'Barco sen luces') cando ao médico Pimentel, que sentía na casa os estouridos do cemiterio, se lle "acompasan" a consciencia e os ritmos do corazón.

Piñeiro foi a 'alma mater' á hora de facer do lugués un poeta galego
"Non tería saído de Lugo de non ser por Vicente Loriente, que coñecía a Dámaso"
"A súa exemplaridade é semellante á de Juan Ramón Jiménez en español"
"Destacaría o seu silencio, agora que hai tantos poetas que falan como editores"
Más información
"Século XX que quere ser XIX"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O libro incorpora os textos espallados que foron abrollando desde 1981, cando Herrero viu saír do prelo Pimentel. Obra inédita o no recopilada (Deputación de Lugo). Os seis poemas que se engaden, da época de El Pueblo Gallego, publicados singularmente polo profesor Antón Capelán, non modifican a visión do poeta que conducía por Lugo cun poietés inscrito na porta dun dous cabalos. "Por primeira vez quedan fixados os textos de Pimentel, o futuro agora é unha edición crítica", resume Herrero.

A profesora quere zanxar así o "drama textual" de Pimentel (1895-1958), na boca de Arcadio López-Casanova, e elimina antetextos e versións inconclusas. Non así o que Carvalho Calero chamaba "o drama do bilingüismo literario". A historia é coñecida: no momento da morte, o poeta hipocondríaco -"está vivo el señor?", adoitaban preguntarlle á muller, Pilar Cayón, os amigos que entraban na casa número 16 da Praza Maior- deixaba édito unicamente Triscos (Benito Soto, 1950), un pequeno poemario bilingüe. O seguinte debería ter sido Barco sin luces, publicado en castelán (Ediciones Celta, 1960) coa célebre laudatio de Dámaso Alonso, que fala dun "delicadísimo instrumento de Deus". A primeira idea de Barco sen luces era en galego, pero o exemplar desapareceu tras a queima da Editorial Nós en 1936. Del sábese tanto por Ramón Piñeiro como por Ánxel Fole, canda Ángel Johán, Carvalho Calero e Correa Calderón, responsables da maioría das traducións ao galego do poeta (os primeiros textos consérvanse en normativa reintegrada pola influenza de Correa, director de El Pueblo Gallego).

Aínda que Pimentel merecese o Día das Letras en 1990 con menos obra en galego que José Ángel Valente, a súa vocación galego-castelá non é un asunto central por desexo propio. Como ten remarcado Pilar Pallarés, a súa vontade foi "escribir en galego". Outro tema é que a maioría dos seus poemas galegos sexan traducións realizadas polos amigos galeguistas sobre os orixinais en castelán, e que nas biografías do mundo hispánico se reconduza a xenealoxía de Pimentel cara ás marxes da Generación del 27, pola súa presenza na obra de Dámaso Alonso Poetas españoles contemporáneos (1952). Pimentel é literato galego pola compilación Sombra do aire na herba (Galaxia, 1959), con prólogo de Celestino Fernández de la Vega e fotogravados de manuscritos do autor.

Piñeiro, que nunha carta de 1954 se dirixe "ao máis alto poeta que hoxe alenta en Galicia", foi "a alma mater", sintetiza Herrero. Xesús Alonso Montero, autor de Luís Pimentel. Biografía da súa poesía (Edicións do Cumio, 1990), remarca que Piñeiro foi o tradutor principal "antes e despois do 36". "A teima de Piñeiro desde 1935 foi incorporar a Pimentel á literatura galega. El probablemente non escribiu ningunha liña en galego porque filoloxicamente era poeta en castelán". Segundo Alonso Montero, o recanto de Pimentel na historiografía poética española débese ao labor de enlace de Vicente Loriente, o que fora fundador do anticaciquil Partido Independente de Castropol. "Pimentel debía veranear por alí, e Loriente coñecía a Dámaso por- que el tiña familia no occidente de Asturias, de fala galega. Pimentel non tería saído de Lugo de non ser así".

Saír do territorio da muralla ou da provincia, en calquera caso, nunca foi prioritario para Pimentel. Amigo de poetas fóra de época -de Supervielle a Francis Jammes-, "deixábase influenciar pola literalidade momentánea dun poemario, integrándoo como cita no discorrer poético". Aí Ferrín (De Pondal a Novoneyra) búscalle filiación surrealista pola súa "imaxe onírica, que selecciona palabras preciosistas [nácar, ébano, camelia...] e logo mestúraas con termos angustiosos". Da nena pobre ás bandeiras esfarrapadas. A xustaposición de imaxes sen lazo discursivo, verso curto e libre -non medilo tamén axudaba aos tradutores, que só tiñan que substituír palabras- completa a visión do poeta "pálido das tardes provincianas, intimista e un pouco dandi".

Para Arcadio López-Casanova, a súa vixencia radica nos signos de modernidade que fixa na lírica galega. "Son signos de ruptura, que desenvolven liñas coma o impresionismo, a simbolización e o esteticismo metapoético". Con antecedentes en Rosalía, di o autor de Liturxia do corpo, "é o poeta que de xeito máis amplo e decisivo trae a metapoesía". "A reflexión lírica e a función do poeta", engade. No seu "autoexcluimento" ve ao "poeta puro". "Esa é a súa gran exemplaridade, como tentou na poesía española Juan Ramón".

Ao poeta e xornalista Anxo Quintela interésalle tamén a súa actitude "diante da poesía". "O seu silencio e a súa resistencia a publicar, agora que hai tantos poetas que falan como editores, e ao revés". O autor d'O asasino estrábico destaca a "xenerosidade e perspicacia da cultura galega" para facer propio a Pimentel. "Desde os Brais Pinto a Galaxia ou Ramiro Fonte nos anos 80".

Aínda faltan libros. Que analicen en paralelo a obra de Cunqueiro coa de Pimentel desde o punto de vista da lingua literaria, por exemplo. Pimentel, recorda Quintela, "escolle que se publiquen os seus poemas en galego, e Cunqueiro utiliza o galego como lingua de fondo incluso cando escribe en castelán".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_