_
_
_
_
_
Entrevista:XOSÉ CARLOS CANEIRO | Escritor | Luces

"Síntome o 'patito feo' da literatura galega""

En 1992, un xurado no que formaban Rodríguez Mourullo, Ferrín e Chus Pato acordou outorgarlle o Premio Xerais a Xosé Carlos Caneiro por O infortunio da soidade. Aquela foi a primeira dunha pentaloxía de novelas longas que colleitaron a maioría dos premios do país, tracexando desacordos estremos no que atinxe ao seu peso literario.

"Ás veces síntome coma o patito feo da literatura galega", di Caneiro, que coas 700 páxinas d'A vida nova de Enma Bovary conta chegar "ao corazón dos lectores".

Pregunta. Cando se lanzou á xira poética de De bar en bar dixo que se daba un tempo para pensar se seguía escribindo.

Resposta. Tardei en publicar A vida nova de Madame Bovary porque intentei facer unha novela que aportase algo á miña narrativa e á literatura galega. Levoume tempo porque houbo moita autoesixencia, quizais máis que nunca. Quixen escribir un texto que chegase ao corazón dos lectores. Cos premios e coa crítica teño as contas saldadas.

É moi consciente que fose Flaubert o que dixo 'Madame Bovary son eu'
"A linguaxe dos personaxes é anacrónica. E que? Cal é o problema?"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
"O discurso expositivo está acabando coa literatura"

P. Como sitúa A vida nova... dentro da súa obra?

R. Dálle unha nova perspectiva, é unha novela máis de lector que de autor. Quixen facer unha obra asequible, menos subxectiva e máis obxectivable polo lector. Creo que o selo é o humor, intentando eliminar moito do barroco que había n' Os séculos da lúa.

P. Pero Hermelinda, a Enma Bovary da pensión O Gatopardo, aparece decote como "ínclita ubérrima compañeira" ou "clámide gozosa de todas as horas".

R. Evidentemente non renuncio ao mundo fónico-semántico do meu universo literario. Todas as novelas teñen que tender cara á orixinalidade, cunha linguaxe que identifique ao autor. Non se pode renunciar á música dos textos nin aos contidos, que son os de sempre. As miñas novelas sempre falan do mesmo.

P. Os derivados de tristura e amor son os máis repetidos.

R. Tristura, amor e fracaso do ser humano. Na novela hai un personaxe que fica esperto para aplaudir o mencer... Quizais é máis melancólica ca Ébora, pero apóstase pola vida, pola necesidade de continuar.

P. Considera certo iso de que non deixa falar aos personaxes?

R. É moi consciente que o personaxe d' A vida nova... sexa unha muller, e que fose Flaubert o que dixese aquilo de "Madame Bovary son eu". Nesta novela o autor está en boca de moitos personaxes, pero noutros non. Esas cuestións de índole psicanalítica pódenlle interesar aos hermeneutas. Aos lectores impórtalles que o texto sexa capaz de seducilos, e iso é o que fan presente os lectores de novelas fisicamente contundentes coma esta. Para normalizármonos temos que ser capaces de facer isto.

P. Non é arriscado facer novelas tan longas cunha prosa tan recargada?

R. A miña aposta literaria é arriscada. Lin unha columna moi intelixente que publicou Xabier López n'A Nosa Terra. Dicía que eu era a un tempo o labirinto e o minotauro.

P. No seu ensaio Os dominios de Caín podería parecer que se inclúe nesa alta literatura que di defender, de Homero a Lezama Lima.

R. A miña obra leva implícito un credo literario que se traslada ás miñas influenzas. Identifícome con certos autores, e deféndoos coa mesma vehemencia coa que defendo a miña obra. Sigo dicindo que escribo para que a miña literatura sexa permanente, pero iso non ten que ver con ser ególatra ou presuntuoso, como se me ten acusado. Só defendo a literatura clásica como a perdurable, pero non podo facer nada contra a imaxe que teñen de min.

P. Cal é a "estética da ruptura" da que fala na obra?

R. A que racha co discurso denotativo que sepulta a narrativa actual, non só a galega. Ese discurso está acabando coa literatura, e tiramos pedras contra nós mesmos. Chegará un punto no que a literatura, ao ser soamente expositiva, non ofreza aos lectores un mundo suficientemente sedutor, porque a competencia no ocio é enorme. A literatura debe aportar algo máis có discurso denotativo, ca contar historias... Sen oído literario non se poden facer textos de altura.

P. Esa música fóra do tempo iguala as voces dos personaxes. Non esquece a condición da literatura como froito da época?

R. Penso que a voz dos personaxes non ten por que ser equivalente á linguaxe do século XXI. A linguaxe dos personaxes é anacrónica, e que? Cal é o problema? Considero que nesta novela os personaxes non falan igual, aínda que é certo que os principais se moven nun respecto á palabra que noutros autores non existe. Non era anacrónica no seu tempo a linguaxe de Alonso Quijano? Como falaba Aureliano Buendía? As novelas magnetófono son as que recollen a linguaxe da rúa. Iso fanno ben os xornalistas, os autores non están para iso, pero podo estar trabucado. O que está pasando agora coa Generación Nocilla... É o que se está intentando trasladar.

P. Pero os conceptos que fragmentan a novela moderna, como a insuficiencia da linguaxe, teñen máis dun século.

R. Si, e agora recolleron a testemuña uns listos que están intentando facer o que se fixo en literatura a mediados do século XX. É unha impostura do sistema literario español.

P. Considérase ben tratado pola crítica?

R. Sempre pensamos que merecemos algo máis, e hai que asumir que se as miñas novelas non lle gustan a moita xente, a culpa é miña. Por iso quixen facer unha novela que abrazase ao lector. A decepción víñame porque gastei moita vida renunciando a cousas moito máis importantes cá literatura. E non me sentía querido, sempre me sentín o patito feo da literatura galega. Tiven a vontade de construír un universo propio, algo moi difícil en literatura. Esa vontade non era recoñecida, e polo tanto sentinme decepcionado. Paseino mal.

P. Pois o crítico Xosé Manuel Eyré falou de Ébora coma un "festín literario" na altura da Odisea, o Quijote ou o Ulises.

R. Referíase a Un xogo de apócrifos. Hai que saber escoitar e respectar todas as opinións. A insatisfacción crónica do escritor é á parte.

P. Criticou recentemente un suposto "exceso de guerracivilismo" na literatura galega. A que se refería en concreto?

R. Ao tratamento do tema. Detesto as novelas maniqueas, de personaxes A e personaxes B. E creo que o que lle sentou mal a Manolo Rivas é que non me gustase a súa última novela. Dígoo con toda a boa fe. Podería reiterar que non me gusta a narrativa de Suso de Toro, pero nunca descalificaría a un colega, como fixo Rivas chamándome reaccionario ou obediente co grupo no que traballo [La Voz de Galicia]. Pareceume inelegante e inesperado.

P. Rivas referíase a un artigo seu sobre normalización lingüística.

R. Para lanzar unha invectiva podería ter utilizado calquera outro. Non lle podes chamar reaccionario a alguén que non pensa coma ti, ninguén é dono da pureza da raza. Fáltanos argumentación intelectual, e eu son o primeiro que digo mea culpa.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_