_
_
_
_
_
Entrevista:ROBERTO VARELA | Conselleiro de Cultura | Luces

"Tería que haberse pensado mellor a viabilidade da Cidade da Cultura"

Se non hai adianto electoral, Roberto Varela vén de exceder o ecuador do seu mandato na Consellaría de Cultura. Logo dun desembarco tortuoso, xestiona o departamento da Xunta que máis sofre os recortes orzamentarios

Encol da mesa do despacho do conselleiro de Cultura repousan tres libros: un catálogo de Jeff Wall -o artista que centrará unha mostra no CGAC-, e dous volumes axudados polas subvencións da Xunta, os sonetos de Shakespeare de Xerais e Folks from here and there, a versión inglesa de Cunqueiro da man de Kathleen March. Roberto Varela (Meaño, 1959) segue a insistir no discurso da "proxección exterior".

Pregunta. Como cualificaría o intre actual da cultura?

Resposta. Do punto de vista estritamente cultural véxoo nun estado excelente.

P. Malia a crise.

R. Despois falamos da crise, pero a produción cultural está nun estado excelente. Non quixera dar nomes, pero temos unha obra de teatro de xira por España, Cristina Pato no mellor momento da súa carreira, a produción teatral extraordinaria, as películas reciben premios... Fáltanos asignaturas, como o público. Que haxa máis público e que non pechen os cines. Pero a cultura galega nunca estivo mellor, nunca se publicaron tantos libros en galego como o ano pasado, e son datos do ISBN.

"Trouxemos liberdade á cultura, non temos dirixismo ideolóxico"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
"O Rock in Way é o que queremos: a consellería, Gadis e Estrella Galicia"
"Desta consellería non sae un só papel en castelán, teño clara esa política"
"Hai moitas compañías de teatro e algunha é posibel que peche"

P. Algunha outra asignatura, ao seu ver?

R. O que a min me gustaría cambiar leva tempo: a proxección fóra. Non é un traballo que se poida facer ao estilo en que se fixo. O erro non é unicamente galego. Cataluña, por exemplo, desembarca en Nova York con Lou Reed e Patti Smith recitando en catalán, pero cun eco nulo. Tivo eco aquí. O importante é facer cousas que teñan eco alí, con institucións representativas e non de aluguer.

P. Que propón vostede?

R. O importante é alí e niso traballamos nós. É máis importante dar unha conferencia, como a din eu, no Metropolitan con moitísimo público falando do Camiño de Santiago e tendo alí unha exposición que poden ver millóns de persoas, que a típica mostra de cultura con repercusión escasa.

P. Que salienta da súa xestión nestes dous anos?

R. Conseguir facer un Xacobeo nun tempo récord con moi bos resultados culturais -modernos e vangardistas- e económicos. Valoraráse ao seu debido tempo. Foi un momento moi bonito ter a Arcade Fire no Monte do Gozo. Tamén me sinto moi orgulloso porque trouxemos liberdade á cultura de Galicia, non temos ningún tipo de dirixismo ideolóxico e contamos con todos sen preguntar a quen votan.

P. Considera que esa liberdade non existía?

R. Durante o bipartito había unha tendencia cara a exclusión e nós conseguimos rompela. Traballamos con xente de todas as ideoloxías. Temos a Luís Tosar de protagonista dunha obra e a min non me importa que pensa Luís Tosar, é un grande actor. A outra parte é que nos toca un momento de crise. Non canso de insistir diante do meu Goberno o importante que é o emprego que produce a música ou o nivel de facturación.

P. O discurso global desta Xunta transloce pouca atención pola cultura, que sempre sofre os maiores recortes.

R. Non, o recorte maior é en Infraestruturas e tamén en Economía.

P. Pero a Cultura xa lle rebaixaran o orzamento en 2010.

R. Si, pero hai unhas prioridades absolutas, Sanidade e Educación. Non é que se castigue a Cultura, senón que non se poden tocar os servizos básicos e temos que mellorar, polo tanto, a xestión. En 2011 a Consellería sufriu unha redución de orzamento, pero na actividade non se notou. As claves para enfrontarnos a este momento son a boa xestión e a participación da empresa privada. O Festival Rock in Way é a proba do que queremos facer: Consellería, Estrella Galicia e Gadis. Creativamente, a crise sempre foi boa.

P. Pero do discurso do Goberno e da dereita despréndese que a cultura non importa.

R. Iso non é certo. Fun subdirector xeral de Cooperación Cultural co PP e déuselle unha importancia brutal á cultura. Poucas persoas fixeron tantas mostras como fixen eu neses catro anos, incluída a Bienal de Venecia co transgresor Santiago Sierra. Para min a cultura é liberdade de expresión, dentro dos límites do Código Penal.

P. O programa do PP en 2009 prescribía reactivar o Centro Galego de Arte Contemporánea. Non atravesa o seu mellor momento.

R. Artisticamente atravesa un momento extraordinario. Estamos a falar da exposición de Gilberto Zorio, unha das mellores exposicións que se fixo nunca en Galicia, e estamos preparando unha de Jeff Wall moi potente. Dedicamos espazo a artistas galegos, agora Antón Reixa, outra proba de que abrimos os espazos públicos a todos. Cando hai recortes ou axustes orzamentarios sofre todo o mundo. Hai que buscar alternativas, pero a programación do CGAC co novo director [Miguel Von Haffe] mellorou susbstancialmente.

P. Logo dunha redución drástica, volverá ver o seu orzamento rebaixado?

R. Hai dificultades económicas e está convocado o padroado para ver se podemos obter financiamento privado. O CGAC sufrirá a redución de orzamento que lle corresponda en función das prioridades que poñamos. O CGAC hai que mantelo, é prioritario, é unha institución e ten que seguir adiante.

P. E o Museo de Galicia da Cidade da Cultura non se vai solapar co CGAC?

R. É unha preocupación miña fundamental. O que se ía solapar era o centro de arte da Cidade da Cultura previsto polo bipartito. O museo, ao mellor cambiamos esta palabra, vai ser unha sala de grandes exposicións e non necesariamente de arte contemporánea.

P. Sen colección propia?

R. Non. Comezaremos cunha exposición emblemática sobre a historia da pedra en Galicia, Galaecia Petrea, dende a cultura castrexa até os nosos días.

P. Pode adiantar programación?

R. O primeiro paso será seguir ao Neues Museum de Berlín e manter os espazos abertos, que sexan o obxecto do museo. Despois de Galaecia Petrea, que se inaugurará en marzo, róldame a idea de facer unha exposición, no inverno de 2012, sobre o coleccionismo privado en Galicia. E non falo de arte contemporánea. Esa é a miña idea, pero no medio presentarase o Plan Gaiás, que inclúe a posibilidade de nomear un director e non podo meterme tanto aí.

P. A Consellaría anunciou que mantén a moratoria na construción do Centro de Arte Internacional e no Teatro Obradoiro. Cando os rematarán?

R. Esa moratoria, a do teatro, é por tres anos prorrogábeis. E, dende logo, no momento actual, non imos tocar un ladrillo.

P. E o centro de arte?

R. O centro de arte tampouco. Polo de agora.

P. O orzamento da Cidade da Cultura hipoteca as partidas económicas para outros sectores?

R. Non. É moi difícil de saber se a Consellería de Cultura tería máis se non existise a Cidade da Cultura. Agora que no Gaiás os edificios están practicamente rematados, aliméntase do financiamento privado. Eu apoio, con algúns matices, o feito de ter a Cidade da Cultura. Non podemos mirar atrás, non hai retorno. Iso de convertela en oficinas sería absurdo, facer as oficinas máis caras do universo. A miña máxima satisfacción sería deixar a Consellería cos catro edificios funcionando.

P. Cales son eses matices?

R. As dimensións. Tería que haberse pensado mellor cal era a viabilidade de todo isto. Pero creo nela e aí temos un símbolo arquitectónico. Hai que formulalo, como dixo Leiro, para 500 anos. Tampouco se pode xulgar cos ollos de hoxe, senón cos ollos do momento de bonanza económica cando en toda España se facían obras así.

P. A política lingüística do Goberno axuda á difusión e promoción da literatura?

R. Teño moi clara a política lingüística da Consellería: a protección do galego, a protección da identidade cultural de Galicia, e de aquí non sae un só papel en castelán. Outra cousa é política lingüística en Educación: falar tres idiomas é unha vantaxe que favorece aos nenos.

P. Algunha das controversias cos escritores derivan da política lingüística de Anxo Lorenzo.

R. Cando as declaracións tan polémicas do ensimismamento, expliqueille a cada un dos escritores que pediron a miña dimisión, e cos que teño unha excelente relación, o que quería dicir. A frase foi utilizada politicamente, porque eu dixen "ensimismada, hai que acabar con ese tópico". Foi unha desafortunada frase. Non hai ningún problema lingüístico aquí, pero son firme defensor do bilingüismo.

P. Cultura abandonou a promoción exterior da literatura?

R. Tentamos unha política de traducións ao inglés, o que máis se consume, e tamén ao castelán. Ademais, a participación das feiras..., o que se viña facendo tradicionalmente pero con máis intensidade. O tema das traducións é un tema que me interesa moito. Pero é un labor que hai que facer aos poucos. É imposible chegar a un país e conquistalo. Hai que ir aos sitios claves, relevantes, a Oxford, a Londres, ao Metropolitan.

P. Está satisfeito co funcionamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)?

R. Si. Agadic está nun longo proceso de reestruturación e temos que pechar axiña o tema orgánico. Pero foi un bo invento. Ampliámola en competencias e démoslle relevancia ao libro creando unha dirección específica. Estamos a traballar no plan director e mantendo as liñas de subvención para o teatro, artes escénicas, cinema...

P. Afirma que o teatro atravesa un gran momento artístico, pero as compañías advirten que están afogadas e que o vindeiro ano moitas van pechar.

R. É posíbel que pechen algunhas. En Galicia hai moitas compañías de teatro, non digo demasiadas, digo moitas. Tamén dou un dato: Galicia é a comunidade autónoma que máis cartos lle dá ao teatro.

P. Porcentualmente?

R. Si. Practicamente un euro por habitante. Cataluña, 0,70 euros. As compañías de teatro deberan preocuparse máis por ter máis público. É o que fixo A ópera dos tres reás. Amais de ser financiada con cartos privados e ser unha produción do Centro Dramático Galego, tivo éxito, crítico e de público. E está enchendo por toda España. Temos que ir cara a iso, obras atractivas e que se esforce en promoción.

P. Pero se non hai un teatro de base, se non se cultivan os espectadores, é difícil que emerxan grandes proxectos.

R. Pouco a pouco. A Xunta leva 25 anos subvencionando compañías de teatro. Tempo houbo para crear unha industria, de feito hai o xermolo. Pero as industrias teñen que saber facer fronte a unha crise. A do teatro é unha industria que hai que protexer, porque unha industria cultural precisa protección subsidiaria extra. Pero ao final, a crise é para todos e ninguén se pode salvar porque si, fóra da sanidade e da educación. A longo prazo deberiamos especializarnos seguindo o modelo vasco, concentrar festivais de teatro nun ou dous, agora temos 13.

P. O tópico do minifundismo?

R. Si, a palabra díxoa vostede.

P. Pero é un tópico.

R. Ter un ou dous festivais de cinema relevantes e internacionalmente. Pódese facer por provincias. Por exemplo, Bilbao, Guggenheim, arte; San Sebastián, cinema; Vitoria, música. Sería perfecto. En Galicia temos Ribadavia, está ben.

P. É o festival histórico do teatro.

R. Si, pero debería ter máis relevancia. Para iso tiña que haber só un festival, porque se temos que repartir entre 13... Ese sería o obxectivo a longo prazo. Concentrar. Por exemplo, os aeroportos.

P. Manexa cifras de público de teatro en Galicia?

R. Pouco, 25 persoas por función é a media.

P. Comparativamente con outras comunidades?

R. É pouco.

P. Era preciso pechar o Pazo de Meirás, declarado BIC, para que descansasen os Franco?

R. O Pazo de Meirás abrímolo nós. Abrino eu [ri].

P. Pero o proceso inciouno a anterior Consellaría, do BNG.

R. Evidentemente, coa declaración de BIC. Pero abrímolo nós, que nos custou deus e axuda. E aí hai un problema de seguridade, por unha familia que non é unha familia calquera, é unha familia cunhas certas especificidades. E esa familia, mentres non cambien as leis, ten dereito a ir aí. Facer convivir as visitas coa familia é un problema de seguridade. Significaba dobrar o investimento, así que decidimos ampliar o número de visitas en compensación polo mes de agosto. Se estivese aberto en agosto, habería menos visitas, 500 menos. Gustaríame aclarar que non houbo connivencia con ninguén e que se negociou a través dos avogados da familia. Pero Meirás non é un BIC como os demais, e lembro que hai unha chea de BIC en Galicia onde non se poden visitar as estancias privadas. Fomos ao extremo do que permite a lei.

P. É unha lei ambigua.

R. É unha lei ambigua, pero chegamos ao extremo e forzamos a apertura do interior. Máis non se pode facer. O paso seguinte non me corresponde a min.

P. Por que o PP se resiste a recoñecer as vítimas do franquismo e a memoria da República?

R. Vou falar como conselleiro de Cultura. A memoria histórica é importante e non temos que esquecer o que ocorreu. Pero facer da memoria histórica unha bandeira é un erro, sobre todo do punto de vista da cultura. Pero eu son partidario da parte positiva da memoria histórica. Recordar o que pasou pero non volver a esa tensión. A mellor maneira de honrar as vítimas é a cultura e non financiar exhumacións. Iso non corresponde á Consellería.

P. En calquera caso, si debe corresponder aos poderes públicos.

R. O Estado xa ten unha lei de memoria histórica que aplica. Nin sequera podo falar como membro do PP, porque non o son. Como conselleiro, non vou investir cartos en exhumacións, senón en honrar a memoria desa xente. San Simón non é Auschwitz, como me dixo unha vez Ana Pontón, pero hai que ter en conta o que aconteceu alí.

P. Non se debe esquecer.

R. Absolutamente. Eu din orde de que se autorizasen todos os actos relacionados coa memoria histórica en San Simón. Pero cos recortes, non damos prioridade á memoria histórica.

P. Di que non milita no PP. Comparte o programa cultural do partido?

R. Lino e pareceume ben nun 95% e estouno aplicando. Non tiven até agora ningún tipo de contraindicación.

P. E o PP comparte a acción da súa Consellaría?

R. Mentres non me demostren o contrario, eu penso que si. Haberá a quen lle guste máis, haberá a quen lle guste menos, pero penso que si.

P. Que 5% non comparte?

R. O tema da fusión das fundacións do Gaiás, pero pequenos matices, cousas previstas no programa e que paralicei.

P. A Consellaría de Cultura corre risco de desaparecer e integrarse en Educación?

R. Cultura sempre estivo asociada a outras cousas. Cultura e turismo segue parecéndome unha asociación axeitada. Prefíroa a Educación.

P. E se hai redución de consellarías?

R. A min gústame o esquema que hai, pero non sei cal é a intención do presidente.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_