_
_
_
_
_
Tribuna:EPISODIOS GALEGOS | Luces
Tribuna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las tribunas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Todos deberiamos ser conservadores

Manuel Rivas

En proporción, hai máis eucaliptos en Galicia que en Australia. E en Australia, a súa terra de orixe, haiche moitos. Os máis altos na illa Tasmania. Segundo o botánico australiano Dean Nicolle, do instituto Max Planck, Galicia ten moitas semellanzas con Tasmania. A única información popularizada que tiñamos até o de agora dese lugar de Oceanía era a existencia do célebre demo de Tasmania. Algo xa notaba eu que os eucaliptos non viñeran sós. Disque estes marsupiais están en extinción. Será que viñeron todos para aquí. Os demos de Tasmania!

A Xunta andou moi lixeira en investigar as Unións Agrarias. Mais foi unha esculca estraña, de estilo sinistro, como esas novelas de terror gótico nos que anda xente misteriosa a investigar un misterio. Galicia como un espazo entebrecido, alleo ao Estado de Dereito, no que aparecen funcionarios en calidade de detectives privados a interrogar paisanos. A Administración como motoserra de partido. Todo nunha paisaxe de eucaliptal.

Un espazo entebrecido, alleo ao Estado de Dereito, no que funcionarios interrogan paisanos

Non hai mal que por ben non veña. Así que habería que aproveitar a experiencia. Abrir un novo relatorio. Investigar se en Galicia temos ou non demos de Tasmania. Crear unha consellería de Demonoloxía, que estude a calidade e natureza dos demos operantes en Galicia.

Unha cousa é ter unha especie invasora e outra demos invasores. Galicia pode sobrevivir a unha mutación paisaxística. Entre outras cousas, habería que ir cambiando a letra do himno e preguntarse "que din os eucaliptos?". Mais unha cousa ben diferente é que veñan os demos de fóra. Iso si que é perder a identidade. E que non seremos quen de ter conta dos nosos demos?

Hai unha íntima relación entre o ben e o mal. Se cambiamos de súpeto a figura do mal, non recoñecemos o ben. Pois o mesmo co demo. Se desaparecen os demos autóctonos, os demos galegos, o noso problema xa non será só forestal, senón moral. Non é que os nosos demos sexan mellores que os de Tasmania, pero son os nosos demos. As almas están afeitas a eles. Hai unha confianza. Se se extinguen os demos, pois ao mellor marchan tamén as almas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Eu son un admirador do eucalipto. Como non selo! É unha árbore á que se ve medrar. Coa cobiza celeste. É unha árbore ebria de auga. Non aparece nos cantos nin na lírica galega, non é querido, mais eu téñolle unha querenza. Gústame ese estilo lanzal, o arrecendo, o son do seu vento, e sobre todo a música da súa treboada: ese bater de mastros, ese renxer nas alturas, como se andaramos nun inquietante territorio do xénero de ciencia-ficción. Si, débolle un poema ao eucalipto. E outro ao demo de Tasmania: "Como en Tasmania, como en Tasmania!".

Mais unha cousa é a relación entre o ser e o eucalipto, e outra moi diferente é o réxime eucalíptico. Un dos trazos máis dominantes na paisaxe do desastre en que vivimos. A nosa Apocalipse é unha especie de Eucalipse.

No sentido ecolóxico, científico e mesmo económico, xa hai anos que deberiamos ter caído da burra, é dicir, do eucalipto. Semellaba que si. Que ía frearse a eucaliptización de Galicia, ese variante forestal do "pensamento único". Fixar un límite. Prohibir novas plantacións en espazos naturais protexidos. Eliminar os eucaliptais con maior impacto ambiental. Estabelecer unhas proporcións e un equilibrio con outras especies. Non concibir o monte só cun criterio de explotación a curto prazo, senón preservar a biodiversidade e o valor íntegro e incalculábel que teñen os bosques.

Mais os anos van pasando e imos de recú. Aquí, en moitos eidos, está a pasar o que na Colama de Pedro Páramo que describe Juan Rulfo: "El reloj de la iglesia dio las horas, una tras otra, una tras otra, como si se encogiese el tiempo". O tempo encóllese, e o absurdo espállase. O réxime eucalíptico abrangue xa máis do 30% do territorio galego. Estamos a falar de 400.000 hectáreas! Non hai esa escala, esa proporción, en ningún outro territorio no planeta. Haberá quen pense que é un riqueza! Non. Dende o punto de vista económico, unha desvalorización, un desbalde, un descrédito. Non se entende como se pode poñer tan baixo o valor dun territorio como o galego, con condicións para revalorizar o seu potencial forestal ao tempo que podía ser un referente planetario ambientalista, no medio mariño e terrestre.

O primeiro problema que temos neste país é un problema de información. De subtracción da información.

Malia todo o que ten salvado neste país, empezando pola honra, a ecoloxía segue a ser presentada como unha ideoloxía extremista. Non hai máis que ver como se utiliza a denominación en caso de conflito por un ben natural. Bérrase como se fose un alcume maldito: "Este é ecoloxista!". É un estigma. Oílo en boca deses cazadores que participan nas matanzas intensivas de raposos, incribelmente autorizadas pola Administración, é algo que causa vergoña e arrepío.

Un demo que temos é o desta ignorancia provocada, mantida pola desinformación ou por posturas cinicamente equidistantes, como se os desastres causados polos humanos obedecesen a leis da natureza. O que os provoca é a depredación, a falta de conciencia comunitaria e a irresponsabilidade dos gobernantes que o permiten.

Ano tras ano aumentan as hectáreas ocupadas polo monocultivo do eucalipto, xa en moitos casos transxénico. O descontrol traspasou todos os límites. Os incendios e os incendiarios son obxectivos aliados deste réxime eucalíptico. Galicia, cunha axeitada planificación forestal, co espallamento incentivado das especies nobres, estaría mellor defendida e sería un marabilloso país con futuro.

O tempo encolle en Galicia. Só unha conciencia ecolóxica pode frear este desastre. E a conciencia ecolóxica non é unha pertenza dos ecoloxistas. É unha necesidade transversal. Todos os partidos, todos os medios de comunicación, deberían asumir unha política conservacionista. Todos deberiamos ser conservadores, pero de verdade. Tamén os demos! Porque unha cousa é ser conservador e outra moi diferente o ser reaccionario.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_