_
_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ | Luces

Trick or treat? It's up to you

Levamos máis de 30 meses de feroces tirapuxas e acabamos de pasar un ano de batalla campal arredor das linguas. Coa presentación do borrador de decreto sobre o ordenamento lingüístico do sistema educativo, situámonos ás portas do episodio decisivo dunha guerra que xa causou prexuízos incalculables e vai camiño de provocar danos irreversibles ao país todo. Se o partido gobernante e os da oposición non dan resolto o problema, verémonos abocados a unha situación gravísima, e todos teremos motivos sobexos para nos arrepentir de non termos tentado evitala. Da complexidade da situación en que o PP se (e nos) meteu dan cumprido testemuño as case 40 semanas de tortuosas leas internas dentro do mesmo partido para chegar a un compromiso entre os seus diferentes sectores. E da precariedade de tal compromiso dá boa mostra o devandito borrador. Con estes vimbios, canto máis difícil non será concitar un pacto con outros axentes políticos e sociais?

O termo 'normalización' desaparece no borrador. Iso contradí a filosofía da nosa lexislación
A inmersión é a garantía do bilingüismo. Mais para iso precísase un asenso social que non hai aquí

Emporiso, tal pacto é imprescindible. O electorado non vai entender que un asunto de fondo do país, no que se xogan a estabilidade do sistema educativo e a cohesión da nosa sociedade, se manteña entalado en interminables liortas partidistas e oportunistas poxas electorais. O nivel de crispación a que chegamos arredor das linguas non é sustentable. Calquera cidadán e político medianamente responsable sabe que isto é así.

Vale máis un mal acordo ou un bo preito?

Que facer perante esta situación? O Consello da Cultura Galega, coa proposta institucional que aprobou en novembro pasado, ofreceu unha vía para saír do bloqueo actual. Esa vía pasa pola constitución dunha comisión no Parlamento de Galicia que, oídas as opinións de representantes de diversos sectores sociais e co asesoramento dos expertos que considere oportunos, artelle un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística ao longo da presente lexislatura. Esta proposta obtivo un amplo eco social e unha recepción pública moi positiva. Os grupos parlamentarios do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego xa expresaron a súa conformidade, mentres que, de momento, o grupo maioritario, do Partido Popular, deu a calada por resposta.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Para chegar a un acordo todos terán que ceder algo: PSdeG e BNG terán que recoñecer que o decreto do bipartito ten aspectos renunciables, que son os que suscitaron maior controversia, e o PP deberá admitir que o novo decreto non pode apartarse radicalmente dunha liña consolidada de promoción do idioma galego que vén dos tempos de Fraga, e por tanto esquecerse das rechamantes novidades que rachan con esa liña. Por puro realismo, imponse unha certa flexibilidade para todos, con vistas á consolidación dun modelo de plurilingüismo escolar, que, dentro dun marco común para toda Galicia, coherente co noso ordenamento xurídico-legal, debe ofrecer un horizonte de estabilidade temporal e ser adaptable aos distintos contextos sociolingüísticos e sociopedagóxicos.

O borrador do decreto: un cambio de modelo?

Ante a eventualidade dunha desexable negociación, cabe preguntarse sobre a idoneidade do borrador do decreto como punto de partida. No que segue, non imos entrar nunha análise pormenorizada del, para a que haberá mellor ocasión. Limitareime a debullar unhas reflexións xerais, tanxentes a aspectos básicos e á filosofía de fondo dese texto.

- 1. Acabouse a normalización lingüística?

En todo o texto, o termo normalización aparece unicamente nas referencias á Lei e ao Plan Xeral. Significativamente, unha disposición transitoria prescribe a eliminación desa palabra na denominación dos "equipos de normalización e dinamización lingüística" dos centros. No contexto actual, e vindo de onde vén a proposta, a renuncia á normalización lingüística entra en colisión tácita, pero non por iso menos flagrante, coa filosofía que inspira a nosa lexislación. Poderemos renunciar á normalización precisamente cando o galego sexa unha lingua plenamente normal, de uso rutineiro nos ámbitos máis importantes da vida pública. Renunciar a ese obxectivo prematuramente é desnormalizar.

- 2. Cal debe ser o papel do sistema educativo na recuperación do idioma galego?

No preámbulo do borrador, en coherencia coa doutrina corrente, recoñécese que o ensino é "un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego". Acontece que logo, no corpo dispositivo, a noción de que o sistema educativo ten un papel central no proceso de recuperación do idioma vén substituída pola obsesión por un equilibrio puramente formal entre o galego e o castelán. Ao sistema educativo véuselle atribuíndo un papel compensatorio dos déficits de presenza do galego noutros ámbitos sociais. Certo é que ás veces se lle esixiu demasiado neste terreo, pero resulta incomprensible que o Goberno pretenda destituílo desa función sen acompañar esta decisión con medidas de reforzo a prol do galego noutros sectores, máis ben ao contrario.

- 3. Que modelo lingüístico para o ensino?

Parece existir un acordo xeral sobre o obxectivo do sistema educativo canto á capacitación lingüística do estudantado. A propia Lei de Normalización o estipula: ao remate dos ciclos obrigatorios, os alumnos deben ter unha competencia equiparable en galego e castelán. Unha vez fixadas as devanditas metas, a regulación do uso das linguas nos currículos é cuestión basicamente técnica, e o lóxico é adoptar o modelo que mellor garanta a súa consecución. En contextos de bilingüismo desigual coma o noso, a conclusión dos especialistas é rotunda: o modelo que mellores resultados dá en termos de competencia en ambos os idiomas é o de inmersión lingüística na lingua minoritaria. Seicasí, tamén é certo que os estudosos advirten que non é factible implantar tal modelo se non se conta cun forte asenso social; un asenso que, recoñezámolo (porque é evidente), non temos en Galicia.

Parte da culpa desa falta de asenso social tenna a cisma de certo nacionalismo pola reivindicación do monolingüismo. Sexamos claros: o modelo de inmersión o que garante é o bilingüismo pleno nas dúas linguas para os falantes de ambas. A retórica monolingüista ten un efecto contraproducente: retrae a moita xente perante o modelo de inmersión, un modelo que probablemente aceptaría se se lle presentase como o que realmente é: garante dun bilingüismo equitativo, que é xusto ao que aspira a maioría social.

Sexa como for, temos que saber conxugar dous factores contraditorios (un modelo ideal de inmersión, e una realidade social de non aceptación maioritaria dese modelo), e iso só pode conseguirse, unha vez máis, artellando un modelo flexible, cousa que o decreto vixente non ofrece. Así como así, o borrador que se presenta non ofrece ningunha mellora neste sentido, pois deseña de novo un modelo ríxido, coa asignación dun terzo do horario curricular a cada lingua. A decisión por votación dos pais sobre as materias que se deben dar en galego ou castelán non significa flexibilidade. Significa caos.

- 4. Está xustificado o uso do inglés como lingua vehicular nun terzo do horario escolar?

Repárese: non nos preguntamos se, nas condicións actuais é viable esa pretensión, pois calquera que coñeza a realidade do noso sistema educativo sabe ben cal é a resposta. Preguntamos se, no caso hipotético de que fose realizable, iso sería sensato. A resposta é: non tal. Non existe na Europa coñecida ningún sistema educativo trilingüe de implantación xeral en que a lingua estranxeira sexa utilizada como vehicular nun terzo do horario desde o inicio da primaria ata o remate dos ciclos educativos obrigatorios. Un quiñón tan grande resulta desmesurado (ademais de custosísimo), e inxustificable en termos tanto de aprendizaxe das materias dadas en inglés canto de dominio da lingua estranxeira.

Nas recomendacións contidas nos informes europeos, establécese que a introdución dunha lingua estranxeira con carácter vehicular, especialmente na primaria, debe iniciarse con carácter voluntario e experimental, e ampliarse de xeito gradual. Outra cousa constitúe, ademais dunha intolerable imposición, unha fonte máis de atrancos para o aproveitamento educativo de amplos sectores do estudantado. Onde o modelo tripartito podería ter unha mellor xustificación sería no sistema universitario. Por que non se desenvolve un programa, axeitadamente dotado, para que as nosas universidades sexan trilingües de aquí a dez anos? The answer is blowing in the wind...

Post scriptum: Trick or treat? é unha fórmula que utiliza a rapazada no noite Halloween, cando sae a petar polas portas das casas. Significa algo así como: "¿Queres lideira ou chegamos a un trato?". O trato consiste en regalar lambetadas. A expresión It's up to you significa "decide ti".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_